As zocas polo couce

Ángel Graña, celador de Urxencias © Manuel Vázquez

Non é de estrañar que Ángel Graña con catro anos fose á escola unitaria coas mellores zocas da parroquia, cómodas, duras, lixeiras e quentes. Tampouco é de estrañar que cos anos fose un bo carpinteiro, traballo que lle gustaba, e que aquel humanismo que o rodeou na infancia o transformase no que hoxe é, un celador de urxencias empático cos doentes e un compañeiro ideal para resistir as quendas de noite

Ángel Graña atendía as explicacións que lle daba o avó namentres serraba un bidueiro. Quería facerlle unhas zocas polo couce, "porque esta madeira é máis resistente e vanche durar moito", dicíalle , e así o conta, coma se estivese pasando agora mesmo. Recorda as palabras e o ton amable do zoqueiro, os ollos expresivos e a habelencia coa que se manexaba. Ángel era un neno espelido, moi curioso, que asistía impaciente a todo o proceso de fabricación. Quería aprender o nome das distintas ferramentas e escoitaba atento as explicacións de como había que proceder para que as zocas quedasen "feitiñas". 

No ano 1967, en España comezaban a verse os primeiros bikinis, o sindicato Comisiones Obreras era ilegalizado, Raphael cantaba en Eurovisión e o Real Madrid gañaba a liga. Ángel non se enterou daquela destas cuestións, en parte porque era un pícaro, en parte porque o seu mundo era pequeno, reducíase á parroquia, con todo, estaba cheo de cousas interesantes que o atraian coma un imán ao metal. Así, corría detrás dos saltóns, xogaba co can, tornaba as vacas e velábase delas "por se andaban ao boi", estoupaba tróqueles e , entre moitas e variadas actividades, xogaba cos outros nenos. Mais, o que o fascinaba, eran os contos que os maiores lle relataban na cociña algunhas noites de inverno, co traballo feito e coa escuridade e as brétemas propiciando o misterio, conxugándose á perfección coa narración e superando todo canto descubriu despois, incluso os filmes do Hollywood da época dourada, aos que puido acceder co tempo. 

Prosegue e repite as palabras do avó, que escoito con certa emoción porque, dalgunha maneira, é como viaxar á propia nenez. "Primeiro hai que darlle algo de forma coa machada, despois coa aixola", Ángel non perdía detalle, "para furar a madeira tes que usar antes a gubia, así non fende, e logo os trades". Deste xeito memorizaba as formas das ferramentas e o modo de proceder, é dicir, as técnicas.

Acordeime daquela famosa cita atribuída a Groucho Marx, "estes son os meus principios. Se non lle gustan teño outros", que sen dúbida está de moda. Ángel Graña ten unha frase mellor, "os principios polo couce", fortes e duradeiros, coma as zocas do seu avó

Non é de estrañar que Ángel Graña con catro anos fose á escola unitaria coas mellores zocas da parroquia, cómodas, duras, lixeiras e quentes. Tampouco é de estrañar que cos anos fose un bo carpinteiro, traballo que lle gustaba, e que aquel humanismo que o rodeou na infancia o transformase no que hoxe é, un celador de urxencias empático cos doentes e un compañeiro ideal para resistir as quendas de noite pasados os 55, cando a cabeza e o corpo están en fases diferentes, e xa se sabe que a xuventude non é eterna nin idílica. Tampouco estamos, como Bukowski, esperando a morte coma un gato que saltará sobre a cama, pero avanzada a noite, cando os pacientes chegan a conta gotas e o silencio invade os corredores e as consultas de urxencias, gústame escoitar as súas reflexións pausadas e confío no efecto protector do compañeirismo, sobre todo agora, nestes tempos de individualismo feroz, que queren que vivamos rápido e de modo competitivo, e por se fora pouco, agresivos cos diferentes. Neste contexto, ás 5 da madrugada, Ángel rebélase contra os que se aproveitaron dos inmigrantes africanos nunha explotación agrícola de Begonte: "como pode ser?", pregúntase. E con calma enumera as razóns que o levan a rebelarse. Interrompe os comentarios para atender con dilixencia a petición dunha enfermeira, traslada un paciente a radioloxía e ao regreso, coma se a conversa non se cortara, continúa cun xesto de perplexidade e co rexeitamento frontal de toda actitude xenófoba. Esgrime os Dereitos Humanos e a emigración galega como razóns de peso, realmente coñecidas por todos, pero ignoradas cando o que se pretende é desandar.

Ás oito, recibido o relevo e xa no vestiario, acordeime daquela famosa cita atribuída a Groucho Marx, "estes son os meus principios. Se non lle gustan teño outros", que sen dúbida está de moda. Ángel Graña ten unha frase mellor, "os principios polo couce", fortes e duradeiros, coma as zocas do seu avó.

De que me falará na próxima quenda de noite?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.