Atención Primaria digna

Consulta de atención primaria nun centro sanitario galego © Xunta

A Atención Primaria non so é o espazo sanitario máis accesible, eficiente, equitativo e resolutivo, senón que a súa proximidade á comunidade apórtalle o valor engadido de coñecer como viven e e enferman as persoas (as relacións interpersoais, a cultura, os hábitos, a capacidade económica, a xestión das emocións, as redes de coidado…).

Estou convencida neste tempo de crise (e oportunidade) de que a primaria é valiosa polas relacións asistenciais que nela se establecen e polas profesionais que a integran. Estas profesionais están demostrando un grao de compromiso e responsabilidade moi por riba das contrapartidas que obteñen. Nas últimas semanas, cun consenso sorprendente, están concentrándose ás portas dos seus centros reivindicando a dignificación do seu entorno laboral. 

Esta ampla mobilización deberá subsistir á tentativa da Consellería de desarticulala mediante a creación duns grupos de traballo artellados para a redacción dun Plan de Atención Primaria que tamén suscita o consenso: o do seu rexeitamento por parte de todas as sociedades científicas médicas e de enfermaría.

A premura na presentación dun plan inconcreto e superficial transloce un mero interese cosmético da administración sanitaria do PP pola Atención Primaria, e por extensión pola Sanidade Pública galega.

A Primaria deteriorouse nos últimos anos de goberno do PP, nos que o orzamento (desexable dun 25%) situouse no noso país no 12.6% (chegando en áreas como Vigo, especialmente carenciadas, a pouco máis dun 11%). 

A única aposta verosímil pola Atención Primaria debería partir dunha dotación orzamentaria necesaria e suficiente para a súa dignificación, acompañada da recuperación das estruturas de xestión propia e a consideración digna das súas traballadoras (de atención ordinaria e de PACs). Isto non se constata por ningures. 

O plan limítase a unha mera expresión de vontades: é clamorosa a ausencia de concreción de melloras que dignifiquen non só a prestación ordinaria, senón as condicións laboráis dos colectivos máis mobilizados: as “Médicas Precarias” e as e os profesionais dos PACs. 

Tamén se bota en falta a participación doutras categorías profesionais imprescindibles: matronas, fisioterapeutas... 

Outras eivas que se constatan no plan son: 

-A proposta de creación dunha `Dirección’ de Primaria en cada área é un modo de perpetuar un reparto desigual de estruturas de xestión entre a Primaria e Hospitalaria.

-Publicítase a atención domiciliaria sen considerar a necesidade de incremento de recursos tanto de persoal de enfermaría como médico. Tamén para a abordaxe dos coidados paliativos e o manexo da morte digna.

-Alúdese á coordinación cos recursos de saúde mental e drogodependencias, cando a dotación basal destes recursos se atopa miserablemente carenciada.

-Faise unha mención a cooperación en materia de servizos sociais cando se precisa unha dotación digna no manexo do sufrimento social, da valoración da dependencia, da atención á vulnerabilidade (incluídos anciáns neste país avellentado) e da eliminación da exclusión no acceso ao sistema sanitario público. Ningunha alusión á inclusión de profesionais do traballo social nos equipos de atención primaria (modelo biopsicosocial). 

-Anúncianse “melloras” na prevención e promoción da saúde, mais non se aborda a carencia de tempo para a súa planificación e desenvolvemento, nin a necesidade de integración nun marco comunitario dentro dun proxecto global. 

-Faise mención á seguridade de pacientes e profesionais sen que se concreten aumentos na dotación de persoal e definición de perfís profesionais que permitan a eliminación da saturación asistencial (principal fonte de inseguridade). 

- Deféndese o reforzo do papel da enfermaría: colectivo valioso sobre o que pivota a estratexia de cronicidade e de coidados. Mais este colectivo non é auxiliar do labor médico como se pretende. A indefinición na carteira de servizos da enfermaría pode amparar a súa utilización como tal. 

-A receita en IANUS desde centros concertados pode aparentar unha diminución de burocracia, mais pode habilitar tamén unha vía para consolidar a concertación, en lugar de dimensionar os recursos públicos para evitar esa perversión.

-Poténciase a figura da Xefatura de Servizo, pero non se reforza o concepto de Equipo de Atención Primaria como elemento de coordinación. Non se define a vía de selección de dita xefatura, amparando arbitrariedades na súa designación. 

-Titorización e investigación: ambas se desenvolven a costa dun esforzo profesional non gratificado, inasumible con calidade coa carga asistencial que se manexa. Tampouco se definen dentro dun marco de coñecemento do propio nivel asistencial.

-Alúdese á participación das e dos pacientes como unha novidade, cando xa existen mecanismos legalmente establecidos para facela efectiva: os Consellos de Saúde de Área, que levan anos sen se constituír, tal como reivindican asociacións de doentes.

-Renovación de material: os compromisos vense coa práctica. O estado de desleixo de moitos centros de saúde fannos conscientes de que se é esixible máis concreción.

-As propostas para o fomento da conciliación sen consenso son improvisadas. 

En definitiva, o Plan de primaria do Partido Popular segue suscitándonos excesivas desconfianzas:

-Cal é o orzamento que estiman para a concreción deste plan de mellora? Que dotación de profesionais de cada categoría estiman precisa para a súa implementación con garantías? Como se definirán os perfís profesionais? Contaráse cos colectivos nesta tarefa? Cales serán as condicións laboráis do persoal dos PACs? E as das “Médicas Precarias”? Que seguimento se lle fará ao desenvolvemento do Plan? Que ocorre coa Pediatría de Atención Primaria, á que non se fai mención? Cal será o mecanismo de selección dos xefes ou xefas de servizo? Como pensan dotar de estabilidade ao persoal? Cal é a dotación de prazas estipulada para a vindeira convocatoria da OPE para cada categoría de primaria e cando se celebrará? Cal será finalmente a estrutura de xestión que coloque a Atención Primaria ao mesmo nivel que a atención Hospitalaria? Inclúese dentro do orzamento de atención primaria o gasto en farmacias? Cales serán as funcións concretas do Persoal de Enfermaría, chamado a “reducir a presión e realizar triaxes”? E das outras categorías? Cal será o mecanismo de triaxe das urxencias ou dos pacientes sen cita? Como redistribuirán as cargas en función da comorbilidade? Dispoñen dalgún plan concreto para gratificar as prazas de máis difícil cobertura?

En definitiva, faise necesaria a evolución cara un novo marco centrado na primaria que integre e coordine todas as actuacións, tamén as comunitarias, e que defina os tipos de atención que precisa cada estrato de pacientes en función das súas necesidades.

Pero esta aposta requere tres compromisos firmes: a autonomía de xestión, a dotación orzamentaria e a dignificación/optimización profesional. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.