Atención Primaria: un pilar da sanidade en perigo

Consulta nun centro de saúde Dominio Público Xunta

A atención primaria en Galicia: os que se foron; os que non chegan; os que dimiten e os que non; os que esperan e desesperan

A atención primaria en Galicia: os que se foron; os que non chegan; os que dimiten e os que non; os que esperan e desesperan. Así, con esta frase, podería resumir este artigo, co que pretendo poñer sobre a mesa o que leva pasando coa atención primaria desde hai xa varios anos e analizar as causas que teñen levado a profesionais e pacientes a denunciar de forma constante e sistemática a falta de persoal sanitario e de centros de saúde, así como as solucións posibles, que existen.

Porque, por moito que o PP se empeñe en afirmar, a crítica á seria e complicada situación pola que atravesa a atención primaria galega non se acaba de producir nin agora por intereses electoralistas nin nace por xeración espontánea, senón que ao longo dos últimos anos, tanto sindicatos como partidos e colectivos profesionais levan revindicando e poñendo en cuestión determinadas decisións políticas, como o Plan de Mellora de Atención Primarias ou o Plan de Infraestruturas. 

A crítica á seria e complicada situación pola que atravesa a atención primaria galega non se acaba de producir nin agora por intereses electoralistas nin nace por xeración espontánea

De feito, antes do verán de 2017 (sen eleccións á vista), en Galicia desenvolvéronse 217 manifestacións sanitarias, un número moi elevado, sobre todo se temos en conta que no conxunto de España o total ascendeu a 695. E non só é que non sexa un problema novo, senón que a orixe non é outro que o dos recortes aplicados polo PP nos últimos anos na sanidade pública, máis de 400 millóns de euros ou, no que se refire á atención primaria, un 22,3% menos. Isto supuxo que, por exemplo, non se cumpriu o Plan de Infraestruturas, xa que dos 66 centros de saúde previstos, pasouse a 14 que nin sequera están concluídos na súa totalidade, ou que se reduciron en 392 as prazas de Medicina de Familia. 

A estes datos xa preocupantes por si mesmos, habería que engadir a existencia na actualidade de 2.350 médicos de familia e 80 pediatras entre 60 e 65 anos, que provocan que o panorama que albisquemos non sexa nada halagüeño, especialmente se tomamos en consideración as xubilacións forzosas dese persoal aos 65, sen opción –sobre todo, desde a implantación da taxa de reposición- ás prórrogas que se concedían ata os 70 anos. Os recortes en Galicia, de feito, sitúanse por encima da media estatal, sendo a quinta comunidade en perda de prazas ou a terceira que máis camas pechou de forma definitiva. 

Habería que engadir a existencia na actualidade de 2.350 médicos de familia e 80 pediatras entre 60 e 65 anos

Os datos, pois, son demoledores. E a sensación da cidadanía, que en determinados casos puido interiorizar a necesidade de levar a cabo recortes en determinados ámbitos, é que na sanidade nunca sobraron persoal de medicina ou enfermería e tampouco sobraron camas, senón en realidade todo o contrario. As sensacións tamén teñen o seu reflexo en cifras. Así, esa falta de tempo que comporta o non contar cos medios humanos e equipamentos necesarios afecta á atención médica que se dispensa ás e os pacientes. E como? Pois provocando efectos adversos, dos que un 30% son consecuencia da presión asistencial –e destes, un 80% producen danos que se podían evitar- ou reducindo considerablemente a detección precoz de doenzas. 

Ante estes graves problemas ao PP só ocorréuselle desenvolver as Xerencias de Xestión Integrada, unha solución burocrática que en nada resolve o verdadeiro problema de falta de efectivos. O vicepresidente primeiro da SEMG (Sociedad Española de Médicos Generales y de Familia), Francisco José Sáez, resumía moi ben o que ía supoñer este modelo de xestión para a atención primaria: “É coma se pos a un león e a un gato a pelexar para comerse un filete. Todos sabemos de antemán que o león se vai a comer o filete e ao gato”. 

A solución é posible e viable, e mesmo se pode levar a cabo sen ter que incrementar partidas orzamentarias. Así, desde o coñecemento e recoñecemento de que os recursos son limitados e hai que priorizar, por que non priorizamos e dedicamos a paliar as carencias da atención primaria eses 289 millóns ao ano da Xunta aos concertos e ás empresas públicas de xestión privada? Por que non apostamos de verdade polo modelo público e deixamos esa xestión cada vez máis privatizadora a favor dunha sanidade 100% pública, universal e de calidade? 

Por que non priorizamos e dedicamos a paliar as carencias da atención primaria eses 289 millóns ao ano da Xunta aos concertos e ás empresas públicas de xestión privada?

Para iso, a contratación de persoal sanitario é fundamental. Di a Organización Mundial da Saúde (OMS) que cada médico de familia non debe superar os trinta pacientes ao día, pero a realidade é que os datos falan de máis de 45 para máis do 50% dos médicos. Ademais, a Organización Médica Colexial afirma que só o 45% dos facultativos está en disposición de dar cita para o mesmo día, e o 10% non ten cita ata catro ou cinco días. 

Por tanto, se queremos dar unha atención primaria eficiente, de calidade e que garanta ese dereito cidadán a recibir o tempo sanitario que precisa, a administración debe priorizar recursos e apostar de verdade polo sistema público de saúde. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.