Auga

Unha fonte pública no Avío (Santiago) © Concello de Santiago

Chove? Non, hoxe non parece que vaia ser o caso en Ribadeo. Pero a auga sempre é noticia: necesitámola. E por esa necesidade humana, a rabia fronte á privatización.

Hai moita diferencia entre regulación e privatización. Como ben moitas veces escaso (mesmo na nosa terra dos mil ríos), regular o seu uso non é ter mala visión, e dende hai moito tempo diversas sociedades organizáronse para ter acceso á auga e compatibilizalo co seu uso en diversas necesidades. Co aumento do consumo e a diminución da súa dispoñibilidade, ben polo cambio climático (ese que foi negado moitas veces), ben polo esgotamento dos acuíferos por sobreconsumo, ben por contaminación, o problema do regulamento incrementa a súa dificultade: sempre é máis doado repartir a abundancia que a escaseza. Que en zonas como Los Ángeles vaian na procura de auga a 500 km de distancia, comprando dereitos de auga a poboacións lonxe das súas rúas, que comercializadoras de auga envasada detraian recursos secando fontes de aprovisionamento de poboacións (noticia tamén nos EEUU), que a auga remate contaminada por produtos químicos e os veciños non podan beber auga da billa (si, tamén nos EEUU, a meca da liberdade dos cartos) ou que sexa por culpa da procura de petróleo (pois si, tamén nos EEUU, esa inmensa fonte de noticias que empregan para regarnos, pero asemade en sitios como Ecuador) foron avisos de que o nivel de apropiación privada -expropiación do común- da auga estaba subindo. Ata a semana pasada, na que a noticia foi 'a auga comeza a cotizar na bolsa de Nova York'.

A cousa é máis complexa que o que parece a raíz do titular citado, pero a idea está aí: a auga convertida en ben de mercado, por obra e gracia do ditado mercantil. A máis da pregunta entre retranqueira e retórica de 'que vai ser o próximo? O aire?', xa contestada pola existencia dos dereitos de emisión de CO2, coido que deberamos ir vendo algo máis aló. Para prepararnos, como cando dicimos 'cando vexas as barbas do teu veciño cortar, pon as túas a remollar', ou proposto como tema de supervivencia, a difusión a nivel mundial da noticia da privatización da auga -repito, aínda que non sexa exactamente así- apoiada polas típicas chamadas a explicacións á mellor distribución e uso dentro do sistema capitalista, debe poñer os pelos de punta a quen non aspire a controlar o sistema (léase, a quen non sexa como Nestlé ou Agbar).

De pronto, venme á cabeza un pequeno conto que lin hai moito tempo sobre un mercado da auga, 'O mercado. Parábola do depósito da auga' de Edward Bellamy (Pode atoparse na rede de xeito libre en moitos lugares, e coido que paga a pena o procuralo). En resume, expón unha trama: créase unha dependencia fortuíta que se converte en escravitude, o que fai necesaria unha loita para albiscar un novo futuro. Hoxe por hoxe, tal parece que sexamos caracteres do conto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.