Aumenta a tibieza reitoral ante o xenocidio palestino

Poboación refuxiada expulsada de Gaza polos ataques israelís © UNRWA

Señores reitores e señoras reitoras:


Desculpen a ironía.

Ás veces resulta útil para dirixir a rabia. Esta é unha desas veces.

Despois de dezanove meses de terror xenocida.

Sorpréndenos que o seu último comunicado do 26 de maio de 2025 pida "o cesamento da violencia en Gaza e o respecto estrito ao dereito internacional humanitario" como se desde o seu comunicado anterior (9 de maio de 2024), que xa entón se pedía "o cesamento inmediato e definitivo das operacións militares do exército israelí" e "que o estado de Israel respecte o dereito internacional e permita a entrada en Gaza de toda a axuda humanitaria", o estado sionista non seguise masacrando, bombardeando hospitais, escolas, tendas de campaña, e impedindo a subministración de auga, alimentos, menciñas ou o necesario para consumar un exterminio planificado e declarado.

Tamén nos alegra que nese último comunicado se sumen a un "clamor" internacional cando ata a Comisión Europea decidiu ler os seus propios Tratados, especialmente o Acordo de Asociación UE-Israel, para comprobar se, como dita a Corte Internacional de Xustiza, o estado sionista incumpre tanto o dereito internacional como o artigo 2 do citado acordo, tendo indicios suficientes como para xulgalo por xenocidio e crimes de guerra. Quizais ese "clamor" que por fin están escoitando non teña tanto que ver cos milleiros de crianzas desmembradas, amputadas, queimadas vivas ou morrendo de fame e sede, senón coa peza radiofónica (Universidades españolas colaboran con entidades de Israel malia o compromiso para vetar acordos, 07:23h) que a Cadena Ser emitiu catro horas antes da publicación do seu comunicado, nova na que a Rede Universitaria por Palestina denunciaba que as nosas universidades seguen asinando colaboracións con entidades israelís malia o ditame consultivo da Corte Internacional de Xustiza do 19 de xullo de 2024 que interpela ás terceiras partes, os estados e as súas institucións para que rompan toda colaboración coa ocupación, o apartheid e o xenocidio.

Sorpréndenos que agardasen máis dun ano para lanzar este último comunicado e que desde o primeiro (17 de outubro de 2023) fosen baixando o ton, con pronunciamentos cada vez máis asépticos, mornos, sucintos e menos comprometidos cos principios de paz e xustiza que din defender. O segundo (18 de decembro de 2023) xa falaba dunha " espiral de violencia que rematará por desembocar nunha crise humanitaria de dimensións inimaxinables" e o terceiro (9 de maio de 2024) incluía un compromiso para "revisar e, de ser o caso, suspender os acordos de colaboración con universidades e centros de investigación israelís que non expresasen un firme compromiso coa paz e o cumprimento do dereito internacional humanitario", ademais de "intensificar a cooperación co sistema científico e de educación superior palestino e ampliar os nosos programas de cooperación, voluntariado e atención á poboación refuxiada". Agora, ante 19 meses de holocausto, limítanse a desexar "que se cumpra o Dereito Internacional Humanitario" en apenas tres parágrafos. Qué pesados son os luns.

Lemos tamén con sorpresa que deciden vostedes "esixir o cesamento inmediato da violencia en Gaza veña de onde veña", en termos xenéricos, como se as decenas de miles de toneladas de bombas caesen soas do ceo, e piden que Israel permita a entrada de "axuda humanitaria" obviando que o seu democrático e supremacista parlamento aprobou en outubro de 2024 unha lei que prohibe operar á UNRWA en territorio palestino ocupado, declarando así de facto, a ilegalidade desta Axencia. Ocorreu cinco meses despois de que o embaixador israelí triturase a Carta de NNUU no estrado da Asemblea Xeral. Lembran?

En resposta á publicación do noso informe Estado dos compromisos universitarios na suspensión de relacións con Israel, dísenos que ás universidades non lles consta que as entidades israelís coas que colaboran participen en programas do exército ou na ocupación ilegal do territorio palestino, e de aí outra sorpresa maiúscula. ¡Son precisamente as universidades as que teñen que asinar eses proxectos de colaboración! Segundo datos incluídos nos informes da UE, os proxectos que denunciamos pertencen ao programa Horizon Europe e ao Fondo Europeo de Defensa. Debemos de supoñer que as universidades non len o que asinan?

Para despexar calquera dúbida propoñemos unha sucinta reformulación dos tres parágrafos que compoñen o seu último comunicado de acordo coas evidencias e ao dereito internacional. Cremos que pode axustarse un pouco máis á realidade dos últimos 19 meses, sobre todo desde que a Corte Internacional de Xustiza subliñase o obvio en xullo de 2024 e a AGNU o ratificara dous meses despois. A redacción que propoñemos respectaría as obrigas jus cogens e erga omnes dirixidas ás institucións dos estados terceiros. Aí lles vai:

Parágrafo primeiro do comunicado CRUE: Ante o recrudecemento da ofensiva israelí sobre a poboación palestina, especialmente no territorio da Franxa de Gaza, a Xunta Reitora da Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE) desexa sumarse novamente ao clamor internacional que esixe o cesamento inmediato de toda forma de violencia exercida sobre a poboación civil, independentemente da súa procedencia, e o cumprimento estrito do dereito internacional humanitario.

A nosa proposta: Tras 19 meses de agresión xenocida planificada, desexada, declarada e celebrada polos seus perpetradores, acreditada polo primeiro informe (Anatomía dun xenocidio) da Relatora especial de NNUU sobre a situación dos dereitos humanos nos Territorios Palestinos Ocupados, recoñecida como "plausible xenocidio" pola Corte Internacional de Xustiza e suxeita desde entón á obriga imposta a todas as partes para previr a consumación do xenocidio, a Xunta Reitora da Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE) condena o xenocidio perpetrado polo Estado ocupante de Israel. A CRUE súmase ó clamor internacional que esixe o cumprimento do Dereito Internacional Humanitario, o dereito de autodeterminación, o dereito ó retorno e dereito de resistencia contra unha potencia ocupante.

Parágrafo segundo de CRUE: Así mesmo, a Xunta Reitoral da CRUE únese á demanda dirixida ao Estado de Israel para que permita sen dilación a entrada da axuda humanitaria necesaria en Gaza, co fin de evitar o colapso da poboación palestina ante a grave escaseza de auga potable, alimentos e medicamentos esenciais.

A nosa proposta: En consecuencia, a Xunta Reitoral da CRUE non pedirá xestos humanitarios a quen en 19 meses lanzou sobre Gaza a potencia destrutiva de 6 bombas de Hiroshima e chamaron ao exterminio de todas as crianzas que sobreviven nun territorio arrasado. Non pedirá "evitar o colapso da poboación palestina" ao mesmo estado que traballa para exterminala. O que fará é traballar para levar a cabo todo o que o Dereito Internacional lle esixe, contribuíndo así a deter canto antes a perpetración deses crimes.

Parágrafo terceiro: Fiel ao seu compromiso coa paz, o entendemento entre os pobos, a defensa dos dereitos humanos e a resolución pacífica de calquera conflito, CRUE reitera a necesidade urxente de acadar un alto o fogo inmediato e duradeiro. Considera igualmente imprescindible que se manteñan abertos canles de diálogo e mediación baseados no respecto, a legalidade internacional e os principios do entendemento diplomático.

A nosa proposta: Instamos a todas as universidades e centros de investigación a cortar todo vínculo institucional de diálogo, cooperación, relación comercial ou calquera outro, pois o ditame consultivo da CIJ do 19 de xullo expresa a prohibición de "axudar", "asistir" ou "iniciar relacións económicas ou comerciais" con entidades de Israel que participen na ocupación dos territorios palestinos e no sistema de apartheid, así como a obriga de "tomar medidas para impedir as relacións comerciais e de investimento que contribúan ao mantemento da situación ilegal creada por Israel no Territorio Palestino Ocupado".

Se o estado de Israel é o máximo impulsor da ocupación dos Territorios Palestinos, as súas universidades colaboran de moi variadas maneiras con ela, co apartheid e coas actividades do seu exército. As universidades foron parte integrante do proxecto sionista de colonialismo de asentamentos dende a súa creación. Nelas desenvólvese a tecnoloxía e as estratexias empregadas polo exército israelí contra o pobo palestino, socavando a liberdade académica e reprimindo as voces críticas dende as súas propias institucións.

A CRUE pretende ser un referente de coñecemento para as 77 universidades españolas que nela se agrupan, ou iso declara nos seus obxectivos fundacionais. Se a súa pretensión é sincera, non pode seguir emitindo declaracións inocuas e equidistantes. Ese é, sen dúbida, un refuxio ideal para as boas conciencias, coa vantaxe dunha ambigüidade que permite adaptar xestos e intereses aos acontecementos, pero oculta unha falsa simetría que coloca no mesmo plano a agresor e agredido, a invasor e expulsado, a colono e colonizado, a saqueador e desposuído, a ocupante e resistente.

Ata aquí a nosa proposta. Queda máis longa ca o texto orixinal, pero polo menos está escrita con suficiente rigor e coherencia para non invocar o Dereito Internacional en van.

Poderán discutir o estilo empregado, mais non as súas premisas legais. Tampouco as súas consecuencias. A conclusión é sinxela: o Dereito Internacional di que as institucións do Estado español, universidades incluídas, están obrigadas a facer todo o que estea na súa man para evitar a comisión dos crimes citados. O incumprimento de tales obrigas converte ás institucións responsables en cómplices dos peores crimes tipificados no ordenamento xurídico internacional. Só lles queda valorar que prioridades, segundo vostedes, seguen a xustificar o incumprimento desas obrigas. De non asumir as prioridades coherentes coas obrigas que o marco xurídico internacional impón, o correcto sería que o seu próximo comunicado se reducise á transcrición literal dun fonema gutural- tecnocrático, un equivalente contemporáneo do célebre "viva la muerte, muera la inteligencia" cuxo eco non se extingue.

Non queremos despedirnos sen lembrarlles que seguimos esperando resposta pola súa parte dende a reunión celebrada hai 7 meses e 22 días.

Saúdos cordiais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.