Que pasa cando un medio público espalla fascismo? Que facemos cando os medios que existen para nos defender difunden cada día discurso de odio?
A ninguén lle sorprende a liña editorial da TVG. Estamos afeitos á súa defensa da privatización da sanidade e comprendemos perfectamente que a súa xenreira con Renfe sexa proporcional ao mandada que é coa Xunta e Monbus. Entendémolo porque sabemos que é un medio secuestrado. Pero ao que non estabamos afeitos é a unha TVG reaccionaria e colaboradora no auxe fascista global que vemos no poder político e mediático.
Non estabamos afeitos é a unha TVG reaccionaria e colaboradora no auxe fascista global que vemos no poder político e mediático
A crise humanitaria en Ceuta evidenciou unha aposta clara da TVG por situarse nun imaxinario colonial, nacionalista e contrario aos dereitos humanos máis básicos. Durante estes meses, os telexornais falan repetidamente de “invasión”, como se as persoas migrantes buscaran conquistar un territorio e xustificando unha suposta “defensa” de Ceuta e España. Tamén falaron de “migrantes ilegais” malia que a ilegalidade é unha condición xurídica e en ningún caso pode selo unha persoa. Ou de “avalancha”, “escaramuzas”, “batallas campais” e un sen fin de malas praxes evitables consultando o decálogo máis básico sobre tratamento informativo das migracións. Ningunha entrevista ás persoas que migraron, ningunha explicación, nin un mínimo recordo para as que morreron.
Desde Ceuta, mencionouse, sen probas nin contexto, que persoas migrantes “protagonizaron algún intento de roubo”. Tamén informaron do aumento das agresións sexuais sen presentar datos sobre os presuntos vitimarios e obviando que practicamente todas as vítimas eran mulleres migrantes. Mencionaron sen remordemento, por exemplo, que algunhas persoas camiñaban “de dous en dous ou de catro en catro (…) cun móbil ou cunha bolsa de plástico na man”. O que pretendía suxerir o xornalista con esa descrición é algo que só el podería explicar.
Os editoriais no novo 'Bos Días' ou o 'Galicia por Diante' supoñen o enésimo exemplo da CRTVG saltando as súas propias normas.
Non houbo praxe antirracista nas mesas de decisión da TVG, pero si outras que, por casualidade, lembran a aquel ministro de propaganda de hai case cen anos: “difundir argumentos que poidan arraigar en actitudes primitivas”, “converter calquera anécdota, por pequena que sexa, en ameaza grave”, “aproveitar un sentimento nacional ou un odio arraigado cara a unha postura emocional”. Con todo, non é este o espazo para facer unha análise mediática completa da cobertura, accesible na web e nas redes, para quen queira vela, por moita vergoña que poidamos sentir. Da violencia militar ou da violencia organizada dos grupos nacionalistas españois non atoparemos moito máis que breves explicacións que falan de “erros”.
https://x.com/G24Noticias/status/2101964171256476002
Malia que non agardabamos da TVG unha cobertura antifascista, tampouco contabamos con isto. Os medios públicos contan cunha serie de normas que deberan garantir a súa independencia e que, por exemplo, separan a información da opinión. De habela, a opinión ten que ser “emitida por persoas alleas á Corporación”. Con todo, os editoriais no novo Bos Días ou o Galicia por Diante supoñen o enésimo exemplo da CRTVG saltando as súas propias normas.
Moitos dos opinadores alleos xa teñen os seus espazos na Radio Galega ou n'O termómetro, servizo informativo privatizado na CRTVG que ocupou o lugar d’A Revista. En 2024, os traballadores mobilizáronse durante meses advertindo que “privatizar favorece a manipulación informativa”. E así foi. Hoxe, é habitual que este espazo informe sobre os mesmos contidos os Telexornais, que teña colaboradores próximos ao sionismo ou que, no caso de Ceuta, mesmo mande un equipo propio para continuar coas mesmas malas praxes racistas, sen máis control público, e ás agachadas, que o da propia dirección.
https://x.com/DefendeAGalega/status/2101978100535845361
Pero dentro da casa tamén houbo cambios. A dirección leva anos na procura de novos mecanismos para introducir pezas afíns ao réxime, sempre ao límite da norma e superando calquera límite moral. Estas novas caras non tiveron que pasar por feugas nin contratos en prácticas, nin prepararon unha oposición como a maioría dos e das súas compañeiras, relegadas moitas delas á cobertura de patacas especialmente grandes e anciás con pericia para a patinaxe.
A dirección leva anos na procura de novos mecanismos para introducir pezas afíns ao réxime, sempre ao límite da norma e superando calquera límite mora
Porque algunhas das persoas que contan hoxe con poder de decisión entraron na Corporación, por exemplo, a raíz da suspensión do contrato dun coñecido presentador en 2024. A dirección empregou esa suspensión para introducir novas caras nos telexornais e crear unhas novas listaxe de contratación nunha categoría a extinguir segundo o convenio vixente desde 2015. Con esa xogada entrarían catro presentadores e editores de informativos, saltando as probas e a maior competencia da categoría habitual para ese posto.
Outro dos xeitos para contar con redactores máis afíns ou moldeables foi reducir as listaxes de contratación da oferta pública a dez persoas. Unha vez cubertas, algo case inmediato, a Corporación pode crear novas e sucesivas “ampliacións de listaxes”, cuns requirimentos, unhas probas e uns tribunais decididos case sen concesións pola empresa. Como resultado, é habitual ver editores de informativos, sen experiencia, en postos de decisión. Tamén é rechamante que, nas listaxes de Redactor e Presentador, haxa case o dobre de persoas que pasaron por estas probas que semellan feitas á medida que as que pasaron por un proceso de oposición.
O equipo directivo da TVG conseguiu un cadro de editores e presentadores permisivo, cando non cómplice, cun xornalismo corrupto e que agora tamén espalla odio
Así, esquivando o público, o equipo directivo da TVG conseguiu un cadro de editores e presentadores permisivo, cando non cómplice, cun xornalismo corrupto e que agora tamén espalla odio. Posiblemente, algún día estas e moitas outras tácticas da empresa sexan consideradas fraudes de lei, pero mentres, o odio segue medrando e as audiencias caendo.
Pero, é lexítimo tentar aumentar a audiencia xerando odio, nun medio público, cos cartos de todos? Quere a audiencia os formatos de Susanna Griso e Ana Rosa en galego? Volvendo a Ceuta, esta deriva é especialmente visible nas redes sociais. Centos de comentarios que falan de poñerse “en pé de guerra”, “deportalos masivamente” ou “mandalos ao mar”. Por citar un exemplo, no post que informa do incendio no que arderon 42 tendas onde malviven persoas migrantes, aínda hoxe podemos ler comentarios como “por fin buenas noticias”, “lume”, “así si”, “lume ás ongs”, “buen trabajo” e ducias de comentarios explicitamente violentos que non foron moderados polo persoal da Corporación, malia ser súa responsabilidade e sendo feitos denunciables por posible discurso de odio.
Ante esta miseria, que pode facer quen traballa nesta casa? O mércores 23, os traballadores avisaban de que non ían ser cómplices: “Non coas nosas mans”. Do mesmo xeito que a mocidade foi quen de organizarse e expulsar o fascismo de Compostela, á audiencia e ás traballadoras correspóndenos loitar por botalo dos medios públicos, para devolverlles unha dignidade que algunhas xa case non lembramos.