O BNG vén de presentar en Santiago de Compostela, na compaña de Amaiur e ERC, a Proposición non de Lei que os tres grupos están a tramitar no Congreso dos Deputados. Unha iniciativa que ten por obxecto a incorporación ao ordenamento xurídico do estado español dun dereito básico, o dereito de autodeterminación, que á altura de 2013 aínda se nega a recoñecer, ata o extremo de impediren os partidos maioritarios á súa discusión polo procedemento ordinario da cámara.
Este negativa a debatelo é moi relevante para facérmonos unha composición de cal é o estado da democracia no estado español e da cerril cerrazón das forzas políticas españolas en non abriren un debate civilizado e democrático ao redor desta cuestión
Este negativa a debatelo é moi relevante para facérmonos unha composición de cal é o estado da democracia no estado español e da cerril cerrazón das forzas políticas españolas en non abriren un debate civilizado e democrático ao redor desta cuestión. Tal constatación non permite albergar excesivas esperanzas dun avance cara ao exercicio do dereito de autodeterminación dos nosos pobos por vía consensual ou pactada.
Desde o nacionalismo galego non renunciamos á persuasión nin á pedagoxía democrática, pero sabemos que as forzas políticas estatais non recoñecerán o noso dereito á autodeterminación até o momento en que a forza dos feitos da maioría democrática faga irreversíbel tal proceso de xeito unilateral. A presentación desta Proposición non de Lei é un novo esforzo no camiño desa pedagoxía necesaria. Tamén para a nosa cidadanía.
A nosa proposición nace da constatación que os tres grupos facemos, máis unha vez, do esgotamento da vía autonomista cara ao pleno autogoberno, cara o pleno recoñecemento das nosas nacións. Os feitos evidentes e os comportamentos teimudos das institucións do estado poñen de manifesto, día si día tamén, o déficit democrático da Constitución Española de 1978. Cada día sufrimos con máis crueza a cruzada dese movemento neocentralista que busca non só frear a vontade soberanista e democrática dos pobos, senón que teima en reverter e desnaturalizar o propio proceso autonómico. Unha situación que leva ao choque frontal entre unhas aspiracións soberanistas e democráticas en alza e unha indisimulada vontade cerrada e hexemonista do neocentralismo madrileño.
Cada día sufrimos con máis crueza a cruzada dese movemento neocentralista que busca non só frear a vontade soberanista e democrática dos pobos, senón que teima en reverter e desnaturalizar o propio proceso autonómico
O desenlace desta tensión non pode ser outro que a ruptura democrática das nacións sen estado, ruptura que, moi ao noso pesar, parece que terá que ser unha ruptura unilateral ante a negación a unha saída pactada e democraticamente administrada. Esta Proposición non de Lei trata de ser unha contribución e unha oportunidade para establecer unha canle para unha solución mutuamente aceptada.
Cada día que pasa, as razóns para o aumento das aspiracións soberanistas non paran de medrar:
Os pobos vemos a necesidade imperiosa de participarmos directamente e sen intermediarios innecesarios nun mundo cada vez máis aberto.
Vemos a necesidade de controlar directamente aqueles fluxos económicos dos que depende máis directamente o noso desenvolvemento e os nosos equilibrios externos: quer nas finanzas quer no comercio.
Experimentamos con angustia as consecuencias devastadoras para as nosas sociedades da ausencia de soberanía no marco dunha crise da globalización neoliberal e da crise dunha UE tamén radicalmente neoliberal, que fan que as nosas sociedades sufran inermes os embates dos todopoderosos e libérrimos mercados financeiros.
Vivimos con temor e indefensión unha centralización tecnocrática cara a Bruxelas e unha recentralización política cara a Madrid.
Experimentamos con angustia as consecuencias devastadoras para as nosas sociedades da ausencia de soberanía no marco dunha crise da globalización neoliberal e da crise dunha UE tamén radicalmente neoliberal
Nós, os galegos e galegas, non podemos aceptar unha desvalorización aínda maior do noso Parlamento ―como anda a argallar o PP― ao que xa hoxe lle negan competencias sobre o sistema financeiro, sobre as preferentes, sobre os aeroportos, sobre a organización municipal, sobre Ence, sobre os eólicos, sobre a pesca, a agricultura, o naval, etc. Non queremos menos parlamento, queremos máis parlamento, máis democracia, máis soberanía.
Son as razóns anteriores as que nos levan a afirmar que estamos inmersos nunha profunda crise institucional: non é tanto unha crise da monarquía borbónica, como queren facernos crer a extrema dereita ou a esquerda estatais, senón que se trata da crise dun modelo de estado inservíbel, un modelo territorial ineficiente e non democrático.
Hoxe o estado central non achega nada ás nacións, aos pobos que teñen vontade e capacidade para moverse sós e libres no concerto das nacións europeas e do mundo. Pola contra, ese estado central é hoxe unha rémora e mesmo unha ameaza: eleva os custes con cinco niveis administrativos, eleva os custes de transacción a través deses cinco niveis, reduce a eficiencia no gasto e nos servizos públicos, aumenta a conflitividade institucional innecesariamente e impide o normal despregue da personalidade singular de cada pobo.
Ese estado central é hoxe unha rémora e mesmo unha ameaza: eleva os custes con cinco niveis administrativos, eleva os custes de transacción a través deses cinco niveis
E é que non fai falta recorrer ás grandes filosofías políticas pois a realidade empírica de Europa mostra con clareza que aos estados pequenos e medianos vailles moito mellor que aos grandes en termos de resultados económicos, crecemento e cohesión. Non por casualidade asistimos nas últimas décadas a un florecer de novos estados. Os nosos pobos, o pobo vasco, o catalán e o galego teñen os mesmos dereitos que os 16 pobos que nas dúas últimas décadas se converteron en novos estados en Europa. Nós queremos formar parte activa desa reconfiguración do mapa político de Europa ao mesmo tempo que o fan outros pobos irmáns como o escocés, o flamengo, o valón ou o irlandés.
Nós, o BNG, non nacemos para resistir, nacemos para gañar. Non nacemos para enredarnos en imposíbeis quimeras, nin para gañar o vindeiro telexornal, nacemos para construír sobre bases sólidas
Fronte aos que neste momento crucial teñen a tentación de arriar a bandeira propia e engancharse á ensoñación tricolor nós proclamamos a firme vontade de avanzarmos. Coas nosas propias forzas, unindo a todo o nacionalismo que exerce a dignidade, en alianza e solidariedade coas forzas soberanistas cataláns e vascas. Nós, o BNG, non nacemos para resistir, nacemos para gañar. Non nacemos para enredarnos en imposíbeis quimeras, nin para gañar o vindeiro telexornal, nacemos para construír sobre bases sólidas. Non nacemos para gastar as nosas últimas enerxías en buscar o aplauso d@s españois, nacemos para erguer a autoestima d@s galeg@s, exercer o dereito democrático a decidir libremente o noso futuro colectivo como pobo. Ninguén nolo vai regalar, tampouco abonda coa disposición a recoñecelo. Hai que traballalo activamente para conquistar a maioría social. Non se trata só do que somos senón do que queremos ser: un pobo libre no mundo, sen intermediarios.