Autonomía efémera da UE?

Dominio Público

A presidencia de Donald Trump nos EUA tivo como principal efecto positivo para a UE a reivindicación da “autonomía estratéxica” como política básica para se diferenciar do unilateralismo e proteccionismo estadounidenses do “America First”. A nova Administración Biden segue outro rumbo prioritario, o do multilateralismo selectivo baseado “en ideais, valores e regras”. O fondo do asunto é o mesmo: retomar a iniciativa, conxurar a crise do poder de Occidente e preservar a hexemonía global, seriamente ameazada. Trump intentouno pola vía das guerras comercial, tecnolóxica, etc. cun balance desastroso. Biden, sen desdicirse totalmente dela, explora outro camiño, máis sofisticado anque non menos conflitivo.

Trump intentouno pola vía das guerras comercial, tecnolóxica, etc. cun balance desastroso. Biden, sen desdicirse totalmente dela, explora outro camiño, máis sofisticado anque non menos conflitivo

Neste contexto, en só dous meses, as dúbidas sobre a real vontade e capacidade da UE para se desenvolver como un actor global autónomo medraron de forma exponencial. Non só se trata de que barcos alemáns ou galos se sumen aos estadounidenses para realizar misións navais no Mar da China meridional, que ven de atrás, senón da aparente submisión con que Bruxelas secunda as esixencias de Washington. Un exemplo son as recentes sancións impostas a China pola represión en Xinjiang, nunha acción claramente concertada no marco desa “alianza de democracias” que vai collendo forma mais aló do universo anglosaxón (os Cinco Ollos que conforman os EUA, Reino Unido, Australia, Canadá e Nova Zelandia). O absurdo chegou a tal punto que o ser primeiros en tomar a decisión defendeuse como evidencia da autonomía…

Non é un asunto doado de abordar. Naturalmente, non se espera que a UE adopte a mesma vara de medir con Israel (polo apartheid e xenocidio cos palestinos, tan visible de novo na desigual administración das vacinas contra a Covid-19) ou ata coa India (pola dura represión exercida na Caxemira). O cal non quere dicir que na China non haxa problemas cos dereitos humanos, que os hai. Pero ante situacións a grandes trazos semellantes, uns non é que sexan ignorados senón que son ata premiados mentres que outros sancionados. Por outra banda, a pantasma das “armas de destrución masiva” de Iraq (que a UE tamén secundou sen que ninguén rendera contas) volve planear sobre a veracidade e dimensión efectiva das gravísimas denuncias sobre a existencia de campos de concentración nos que se recluiría a máis de un millón de persoas, esterilizacións masivas, traballo forzoso, etc. que China nega de forma vehemente. O seu historial neste aspecto e o insulso das autonomías chinesas non axudan á credibilidade do seu discurso pero tamén se dan por totalmente certas determinadas acusacións a pesar tamén do historial estadounidense…. 

A UE, que sinalara a China en 2019 como socio, competidor e rival sistémico, en exercicio daquela autonomía e pese ás advertencias de Washington, asinou en decembro pasado un importante acordo de investimentos con Beijing que, entre outros, lle outorga vantaxe no mercado chinés fronte a Washington. Agora atópase no proceso de revisión xurídica. O equipo Biden, en véspera de asumir o cargo, cualificou de precipitada esa decisión. E sumarán mil e unha pedras no camiño da súa aprobación final para evitar que se reforce a relación UE-China cando eles avogan polo desacoplamento. Como tamén premerá de forma cada vez máis coercitiva para lograr o fracaso do proxecto Nord Stream 2 e afundir así calquera posibilidade de diálogo construtivo con Rusia. E Europa debátese entre ceder e non ceder cando o máis intelixente sería non alentar a aproximación ruso-chinesa.

En relación á UE, o interese inmediato é tombar o acordo de investimentos asinado en decembro pasado como xa fixo Trump coa tecnoloxía 5G de Huawei, non vaia a ser que con ela non poida seguir espiando aos líderes europeos coa mesma facilidade e impunidade con que o fai agora

A UE quixo restar importancia á súa decisión en relación a China. Pero hai consecuencias. Todos saben que en Beijing interpretan e entenden de maneira diferente e ata oposta os dereitos humanos, unha visión que é resultado non só das demoníacas ínfulas comunistas que aínda pesan no ideario gobernante como tamén dunha identidade cultural da que derivan equilibrios diferentes entre os dereitos socioeconómicos e os civís e políticos, entre os colectivos e individuais. Para a UE, as sancións non pasan de ter un valor simbólico, pero para esta China crecida e revirada contra o que cualifica de “soberbia occidental”, cada sanción terá a súa resposta e lonxe de debilitala, reforzará o seu nacionalismo, o poder de Xi Jinping, a fortaleza do PCCh, o silenciamento de calquera hipotética disensión e, sobre todo, a aceleración da súa transformación económica e tecnolóxica.

Os EUA de Biden, quizais tan efémeros como os de Trump, exacerbarán as tensións coa China co propósito xeopolítico de contela e sometela. En relación á UE, o interese inmediato é tombar o acordo de investimentos asinado en decembro pasado como xa fixo Trump coa tecnoloxía 5G de Huawei, non vaia a ser que con ela non poida seguir espiando aos líderes europeos coa mesma facilidade e impunidade con que o fai agora (Snowden, dixit). Por certo, que ata hoxe non se presentaron probas fidedignas das acusacións esgrimidas contra Huawei. E o Centro Criptolóxico Nacional español, dependente do CNI, concluiu en xuño do pasado ano que a tecnoloxía 5G de Huawei é segura.

A idea dos EUA como centro absoluto do mundo, por máis que Washington tente aferrarse a ela, non concorda xa coa realidade

A idea dos EUA como centro absoluto do mundo, por mais que Washington tente aferrarse a ela, non concorda xa coa realidade. Podemos pensar que o que nesta década está en xogo ten un final previsible se observamos as tendencias na China e a grave crise de poder no Occidente. Despois de vivir unha guerra fría no seu propio territorio, que a UE se apunte a unha reedición coa China secundando a ansiedade estratéxica estadounidense pode ter como consecuencia directa o agravamento da súa descomposición. É nunha orde multipolar onde a UE poderá falar con voz propia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.