Autonomia perennis e outras pedras de tropezo (2)

O acto sempre é prematuro de máis. Os tempos nunca son chegados e as repercusións non se alimentan de si mesmas. Hai que suplementalas asumindo riscos. Nesa percepción hai un pouso de verdade, o quietismo resignado fai parte do problema, conforta o espírito e deixa intacta a realidade. Deberíamos coidarnos, porén, de non reducir a acción a un accidente histórico pois nese xesto corremos o risco de repudiarnos a nós mesmos ao ir borrando as propias pegadas como sinal último do seu suceso. O debate - longamente adiado e rubricado o seu fracaso no Estatuto non nato – debería debullar se a nosa relación actual con España serve para adoptar medidas de saída da crise que sirvan para definir un futuro social máis xusto e solidario. Sería posíbel combater a inxustiza social ou afortalar os mercados e a economía de noso  e continuar teimando no carácter asistencial e domesticado da autonomia perennis? Unha cousa ben irónica porque o maior mal do chamado proxecto común non foi ao meu ver a sobreabundancia de egotismo, mais o resentimento que fai ir contra os propios intereses. Dentro e fora das estruturas de partido, na dimensión  de ritual e aprendizado que internaliza crenzas e prácticas que van creando raiceiras en toda a cidadanía galega.

 

As falsas escollas

A Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol en apoio á coalición de AGE vén de considerar após as eleccións que a perda de apoio ao PSOE  e BNG “a máis de amosar a febleza da súa oposición na anterior lexislatura, sumaron, nas formas na campaña electoral, cunha homologación co PP, sendo este o maior beneficiado.”  Non hai en todo isto unha falsa elección? Na designación de toda a  oposición como liña divisoria non se pon en evidencia que o verdadeiro antagonismo fica obliterado e disipado, esquecendo asín que a función básica da ideoloxía postpolítica da dereita alicerza precisamente a súa hexemonía en  fornecer falsas escollas. Enxergando dun xeito ameazador unha disfunción representativa, como se fose unha intrusión externa, á espera dunha intervención divina que nos leve a unha resolución perfecta, estanse a  desbotar medidas menores que faciliten o cambio sociopolítico. Así, o que pode semellar unha actividade crítica pode funcionar como transgresión sistémica que no fondo nada cuestiona. Outros exemplos desta actitude forneceuna a impaciencia do propio Jorquera na noite electoral ao facer o paralelismo entre os sucesos de Beiras e do PP. E o propio Beiras ao identificar o Bloque cunha  política paranoica, desnortada. Demasiada proximidade e familiaridade para tomalos a serio e, en calquera caso, ambos e dous, opoñentes que cómpre manter.

 

As eleccións pasan, as estatísticas permanecen

Nun recente estudo divulgado en Praza, exponse a tese (a partires do modelo de cleavage Lipset -Rokkan, rural/urbano, centro/periferia,etc.) do devalo do BNG  por mor dunha visión resistencialista e esencialista da actuación política e téntase demostrar con resultados estatísticos baseados nun indicador subxectivo de identidade diferencial galega. O título máis que expositivo é conclusivo-valorativo  xa que se parte de que a inadecuación estratéxica ao sentimento híbrido da poboación galega e a aposta pola identidade a costa do perfil de esquerdas determinou o devalo da esquerda nacionalista alicerzada no BNG. Sorprende a absoluta falta de escepticismo verbo das categorías de clasificación e  dos límites desa metodoloxía,  o valor destas preguntas sobre os afectos (o sentimento diferencial, como calquera afecto é dificilmente expresábel ou reducíbel a porcentaxes, como problemático é considerar a cada individuo como independente dos demais) e a  súa correlación (que non debería implicar causalidade, um hoc ergo propter hoc )  co rendemento electoral (os números, esa  forma lóxico-lingüística que entrefreba  todos os discursos)  sen ter en conta outras variables cuxas implicacións son ignoradas e sen entrar no asunto.

Por exemplo, en como se substancia a visión de si mesmos dos galegos e a secular asimetría ou xerarquía territorial non resolta no acceso aos recursos  materiais e económicos (a compravenda e distribución da forza de traballo no estado español), e facelo, ademais, sen contar coa acción política parlamentar desenvolvida e as prácticas comunicativas, os medios de comunicación galegos, liderados situacionais e procesos de desemponderación,  o imaxinario colectivo e a crise da esquerda europea, o soberanismo catalán e a dialéctica medo-seguranza, a percepción relativa dunha certa prosperidade e os efectos da tendencia neocentralizadora do Estado e da propia Xunta, etc. Porén, que  significan só galego ou  tan galego cómo español?

É a constatación dun estado de cousas actual (con todo o seu peso xurídico) ou un simples oximorón, unha unidade de opostos sobre o trasfondo da máis xeral europeidade? Acho que sería recomendabel ampliar a ollada e o grupo de discusión antes de andar sacando cartóns vermellos. Obviouse que a expresión sentimento identitario é  ubicua e ambivalente xa que se pode manifestar como consentimento ou como conflito, como praxe adaptativa e como resultado dunha socialización no desprazamento laboral e na dutibilidade, etc. Nesta formulación hai un equívoco que se deriva de non contar con máis determinacións. Contrariamente, a identificación ten como efecto o sentimento - máis ou menos consciente- de  pertenza, de estar arraigado a algo ou a Outro. Noutras palabras, o sentimento identitario é o proceso de  identificación dun sentimento de pertenza. Xa que logo, o traballo político de esquerdas en Galiza ben podería ser unha aposta  pola des-identificacón e a nova produción doutra identificación  que vaia alén de dar un cartón de identidade. Non é o sentimento  quen  descobre a pertenza, senón que é o traballo identificación o que permite non fuxir coma os gatos ao vérense reflectidos no espello.

A importación acrítica e simplificadora do discurso estatístico baseado no principio de aditividade permite que calquera hipótese sirva para enxergar os erros (a deriva, o desvío, a deslocación), non así para explicar os acertos. Non hai recoñecemento dos efectos do poder, onde o que dominan son os roles sociais que se instalan no eido político. O cal ten a suposta avantaxe do ventrílocuo: traducir sentimentos en números e facelo de xeito inmune a toda determinación social (incluída a do investigador social). Asín, pásase do sentimento subxectivo (individuo singular), do que non ten presenza pública (do privado de voz), a tela  coa voz dunha porcentaxe sobre a agregación de respostas que opera reducindo aos suxeitos a individuos análogos atomizados aos que se lles tira unha característica común.

O que tamén  resulta cuestionábel dende o pensamento de esquerdas é que se presupoña que unha forza política deba adecuarse ao que se supón é a magnitude dunha afección, e non subtanciarse, poñamos por caso, na transformación creativa dese sentimento ou estado percibido, cara outra cousa. Contradicindo, por exemplo, non tanto o  monopolio estatal da decisión política parlamentar senón o estado do poder, que non é alí onde se alimenta a burocracia e a administración, senón onde flúe e circula, en todas partes e en ningunha, manifestándose co valor do saber. Non se entende que se cualifique a AGE de esquerda antisistema, á que se lle presupón o papel creativo da desobediencia  fronte as tendencias maioritarias, as mentiras sociais  e a non asunción das ideas dominantes, ao tempo que se gaba a súa adecuación ao mainstream identitario (que seica é mixto) e se censura no BNG esa mesma falta de adecuación ao sentir identitario xeral como cerne da súa “deriva” e da relegación dos principios de esquerda. O único que se constata  é a falta de habelencia ou  fanado oportunismo do BNG. Mais iso xa o intuíamos. Mágoa que estas predicións non se fixeran a priori, como correspondería a calquera adiviñación ben acaída.

Porén, o estudo non axuda a entender como se orixina a experiencia da crecente vinculación sentimental española e moito menos a tirar a conclusión de que o devalo electoral do BNG derive dun proceso de desgaleguización da sociedade ao que non serviría a suposta estratexia do soberanismo debole do BNG porque se tería afastado do sentimento mixto da cidadanía que xa se constataba en 1981. A cabo, non cuestiona se esta é unha evolución ou conversión mental como consecuencia dunha evolución só constatada, madía leva, cando se despregan enquisas deste tipo, simples aparellos ao servizo da alxebracización da vida cotiá e do paso das palabras aos números como solución final que todo o explica se o resultado se acae ben coas propias opinións. Intente o observador dicir-pensar outra cousa e verá que non hai modo, tal é a forza das crenzas cando son compartidas. E xa se sabe, estatística (ciencia do Estado), como a fé, só hai unha, a verdadeira. A fortiori, con estes vimbios,  a conclusión non podería ser outra: o erro estratéxico da cleavage identitaria tería sido superado polo oportunismo de AGE ao superar simbolicamente o conflito centro/periferia e deixar ver apenas o perfil de esquerdas.

A interpretación desenvólvese  como se  máis alá do suceso acadado a través dunha atinada escenificación, esvairan sen máis a bases estruturais do conflito social, como se as clivaxes transversais (renda e pensións, sectores produtivos, língua,  educación, clientelismo, emigración, calidade de vida, medio ambiente, xénero, etc) non tiveran unha ancoraxe directa nos diferentes niveis de consciencia de identidade colectiva e a división estrutural do estado español. Atopámonos cun discurso que escapa a toda crítica. Como se o sentimento expresado nunha enquisa fose a orixe mesma do voto depositado e non unha mostra máis  de distanciamento entre os efectos apercibidos e as causas albiscadas. Ao reducir a explicación ao duplo xogo da alegada base empírica subxacente e das convencións dos especialistas, fica cega tanto a dimensión histórica dos contextos sociais e os procesos de coñecemento como a dimensión do imaxinario social que supera a mera acumulación aditiva.

 

Impaciencia indisciplinada vs. quietismo resignado

Non se pon en causa a necesidade de abrazar as grandes decisións colectivas, a unión e o agregado de forzas coma concepto basilar para o momento, mais o xeito de formulalo e de conceptualizalo como lóxica holista e gregaria non pemite unha nova relación de forza porque non se mudaron as ideas fundamentais, nin os papeis sociais e políticos, mais encentouse un proceso de desposuimento que se adapta ás actuais necesidades da democracia liberal española e dificulta, a meu ver, o afortalamento do espazo galego de decisión  nun intre “esencialista” do capitalismo que aparece como indisociabel neutral do Estado. A vixilancia da situación debería procurar os núcleos non evidentes de transformación real. Abofé que sería reconfortante adherirmos a idea de que poderíamos acadar un espazo galego de decisión desposuíndonos de noso. Pois entendo que as condicións de traballo acordes ás arelas dos traballadores, ao dereito sindical e ás convencións colectivas, deberán darse nun lugar (o territorio galego) , aquén do credo poeirento. 

Porén, máis alá do oportunismo electoral, fornece AGE unha forma organizativa capaz de afrontar o problema nacional fronte a autonomia perennis alicerzada nos partidos estatais? Como se articulou o delicado acto de equilibrio da rede horizontal  e a dirección central no organizativo coa estrutura federal de IU e a acción nacional de Anova e a FPG? Seica non se argallou a autonomía para achar solucións aos problemas de noso dende o emponderamento, non víñamos do recoñecemento do vincallo substancial entre soberanismo e poder-ser-esquerda, entre a reterritorizalización e defensa dos dereitos sociais, entre des-centralización e redistribución de riqueza, como esixencias da actual situación radical de exclusión de dereitos?

A disidencia de Beiras exixindo, perante a nomenclatura do Bloque, un diálogo coas camadas e a sociedade civil (e que AGE viría escenificar como produto electoral, está por ver até onde é con que alcance) ofreceunos unha extrema moralización da política co anceio de romper o diagnóstico da anomalía nacional galega dende unha intervención que ao meu parecer encerra - sempre se precisa unha certa descomposición da sociedade orgánica- apenas un simulacro ou lapso emancipatorio. E digo isto dende a simpatía: evítase o cerne da cuestión dende o momento que asume unha posición que demostra as súas limitacións, pois o regreso aos principios fundacionais do BNG (Encontro Irmandiño) acabou por derivar na súa só  identidade substancial, nunha imprecisa arela de plenitude  que o poder non pode satisfacer,  se ben pode ter o efecto de inducir ao BNG a formular por omisión, unha reformulación afirmativa, unha asunción da continxencia absoluta da política que o leve a unha mudanza política que o propio Beiras tería detonado in absentia ao axudar a modificar as condicións do campo de batalla. Unha “causalidade retroactiva”  ao que non se poderá substrair o BNG pois agora poderá establecer o alcance desa determinación para mudar o destino propio e centrarse na pregunta: que tipo de representación se postula fronte ao Estado liberal-democrático, que estratexia se articula para captar o poder de crear un espazo de decisión que sirva para un maior coidado dos bens comúns.

O paradoxo deriva de que, por unha banda, representa a posición hipercrítica propia do nacionalismo despotenciado e resentido (con todos os matices que se queiran, resultou inaudito que se tivera consumido tanta enerxía ao non reclamar a xestión do Bipartito) ao que lle nega capacidade para reaxir perante os fracasos electorais sucesivos e para tender pontes coa sociedade administrada dende a máis ca divulgada e consensuada crítica radical do orden económico capitalista (Mélenchon e variantes, sobre a que case todos nos poderiamos poñer de acordo) e, por outra, desenvólvese unha estratexia expansiva que debruza e afortala a democracia representativa española federalizante, moi axeitada para a reprodución do sistema que se cuestiona. Acontece que a petición de reformulación do proxecto no BNG, que levou a Beiras a saír da outrora  casa común e presentarse coa esquerda española, quizais chegue dun xeito adiado, diferido, unxido de trivialidades, purificado. Ser flexíbel e subversivo á vez, eis o que a democracia española está a demandar. Poderá  o feble proxecto común dos galegos pasar dun hardware a un software portábel dun suporte a outro sen ser reabsorbido?

Mais a dificultade para o pensamento é precisamente a democracia representativa liberal que coñecemos na fórmula do estado español e na insuficiencia política da UE. A reconfiguración do Estado que acompaña a globalización intenta substituír a lexitimidade fundada no recoñecemento dos dereitos e a súa negociación colectiva por unha nova lexitimidade electoral, só alicerzada nas institucións e procedementos da democracia liberal. Cando menos para aquilo que nestas coordenadas se entende por corrección política, e que agocha, precisamente, outra cousa: a intolerancia desencadeada respecto ao dereito de autodeterminación e o dereito a decidir a partires do ano 1978 coa aprobación da Constitución española, reformulada agora, dende os gobernos de Aznar, baixo a hexemonía cultural e política do PP. Nese sentido, a socialdemocracia e a esquerda española, como partes do problema, nunca foron quen de defender na democracia o dereito a decidir das chamadas nacionalidades históricas adheríndose asín por omisión ao discurso da dereita e amosando, máis unha vez, as limitacións desta democracia  e dos partidos que a xestionan. Ao meu ver, no canto de explotar a incoherencia do adversario, axúdaselle a establecerse de xeito máis efectivo, actúase como se o Estado foise a excepción e non máis ben a regra.

Que da democracia española só fique o aceno procedimental non lle resta capacidade depredadora ao Estado; abonda fitar o resgate estatal dos bancos de investimento –disque grandes de máis para deixalos caer-, a reacción española despois do acontecemento do 11S en Cataluña e o incumprimento confeso do programa electoral de Rajoy. Todos eles síntomas da oligarquía  adubiada e enmascarada como estado das autonomías e ningún federalista que o soerga. O proceso de intervención capitalista global na fanada democracia española non fixo máis que agravar os déficits estructurais de participación.

Dende o punto de vista ético, as ideas de xustiza global desenvolven un papel secundario no realismo político. Dende o punto de vista estatal, a maximización da utilidade ao servizo do modelo realista próprio do Estado só se verifica de xeito parcial se ben continua actuando como se fose hexemónico mália estar inserido nun sistema europeu de transferencia de soberanía. Os axentes políticos, como as nacións sen estado, contradín ese realismo en maior ou menor medida. O que o Estado defende cara fóra na rede de intereses dos estados europeos (intereses particulares) négao cara adentro porque é España quen precisa agora das autonomías para afirmarse como entidade ideolóxico-militar, revisitandose como potencia colonial. Eis a necesidade de formularlle - ao Estado liberal democrático-  pedidos importunos, esixencias concretas que permitan visibilizarmos as súas limitacións e excesos.

O resistencialismo intelectual  fronte ao estéril debate entre o nacionalismo esencial, etnico-cultural, vernáculo e egoísta e o “patriotismo de adhesión individual e voluntaria, cívico, democrático e constitucional,  a máis de ser un debate perverso  que  consumiu moitas enerxías, só serviu para a  mistificación  ideolóxica e  o letargo (divide e vencerás). Ao cabo, do que se trata é de como articular a vontade e o desexo e non de como repartirse anacos de realidade ou  como medir os graos de verdade de candanseu relato das orixes. Seica non era unha boa idea reguladora a hexemonía do proxecto nacional propio como alzado desde o que facer fronte ao capitalismo de matriz estatal que non precisa máis  democracia para substanciarse?

A dirixente de IU amosouse moi consciente de que o florecemento de AGE está cimentado nun dispositivo de poder  estatal previo  que estrutura e traza o alzado do espazo no que actúa. Nese sentido, non é máis tradicional o Bloque do que a federal Izquierda Unida ou a propia AGE, que poderá coñecer de primeira man as constricións dos condicionantes políticos derivados da súa dependencia financeira e a dificultade de evitar a reabsorción nas prácticas dominantes do capitalismo de Estado. Se o que se procuraba era adoptar unha estratexia máis radical como é a transformación directa do tecido da vida social, porqué optar pola lóxica da representación a través da alianza con quen nunca foi referente da construción nacional e  de quen  sempre arelou centrarse na toma no poder estatal, como autosuperación dos movementos sociais e  a execución dalgunhas  verdades xacobinas. Por tanto, o que é válido para uns tamén o debería ser para os outros: a nacionalización do país non pode avanzar a base de adoutrinamento nin toma de consciencia – nin a través de enquisas que retraten esa sentimentalidade – mais axindo coa lóxica de poder e non coa lóxica propia do resistencialismo, da alternativa que, en contra do previsto, sempre levan á residualidade.

Con isto non se lle retira valor ao resultado inesperado, pola contra, alimenta o interese dos que aínda convivimos como correlixionarios en círculos onde o dilema aínda é se votar por Beiras ou polo Bloque. O que nos interpela vai alén do voto escollido e do resultado inesperado favorábel a AGE, menos decisivo do que o grande aumento da abstención e do voto nulo e a evidencia da maioría absoluta renovada do PP,  após meses de manifestacións masivas de indignados, de asalariados que ven reducidos os seus dereitos laborais e familias enteiras que padecen desafiuzamentos intolerables. De Quincey albiscou que a ruina de moitos comeza por un pequeno asasinato ao que non deron importancia no seu momento. Ao cabo, nin Beiras poderá axir deixando de banda a súa traxectoria adicándose a  prácticas saturnais, nin o Bloque limitarse a cruzar os dedos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.