Autonomia perennis e outras pedras de tropezo (I)

Após setembro quente, no que as tirapuxas sobre o dereito a decidir e a independencia centraron o debate en Cataluña e no Estado, podería semellar acaído tentar comprender porqué na campaña electoral galega seica non houbo lugar para o debate do autogoberno na axenda, agás o que semella o bó negocio de Feijoó para cenificar a súa habelencia para o oportunismo, o facer mudar unha ocasión en realidade. Se nos ater aos resultados, daría para dicir que só é cousa dos que por aquí nos movemos e de pouca xente máis. 

Se en Catalunya agromaron os vieiros do encaixe de Catalunya en España, o pacto fiscal e o dereito a decidir, en Galiza instalouse o principio banal de que toda política é produto do seu tempo

Se en Catalunya agromaron os vieiros do encaixe de Catalunya en España, o pacto fiscal e o dereito a decidir, en Galiza instalouse o principio banal de que toda política é produto do seu tempo, pensamento que ten servido, sen dúbida, para ceibar aos seus infaustos formuladores do peso da historia e para facer do pulo soberanista catalán un resorte non previsto para acadar a maioría absoluta. Deste xeito, Feijoó apañou o peso da historia a prezo de saldo. Iso significou locarse no pensamento dunha autonomia perennis: o cerne perverso do concepto de soberanía, aquel onde o termo “autodeterminación” non se toma a serio porque, ao cabo, fai parte do conceito máis laxo de culturizacón do político. Sen o albiscar, nen o precisar para o seu argumentario, ben podería ter tirado do Libro III, treito IX, do Sempre en Galiza, alí onde se di que un Estado ben pode causar a desnacionalización dun país.

Déjà-vu. A dereita neoliberal segue a confundirse coa paisaxe, co cerne perverso da realidade. As últimas semanas fitamos como a presente relación Galiza-España seguiu o mesmo guión previsibel de sempre sen que se albiscaran novos vieiros de exploración agás a entrada de AGE,  asistindo a como o catalanismo mudaba o guión en tanto Feijoó reaxía con xenreira calculada e unha maioría absoluta do 25%. Ao cabo, gañar é gañar. Como no 2009, Galiza volveu salvar a Rajoy. 

 

...e outras pedras de tropezo

Ao acompañarse de Anova o que IU fai é escenificar o seu desafío a algo que non cuestiona. Eis o cerne da asunción multiculturalista da cuestión nacional

Unha razón da dificultade de avaliar o significado político da candidatura encabezada por Beiras, o seu relativo suceso electoral, as súas perspectivas e os seus límites, está en que a disputa coa UPG aconteceu no medio dunha resaca herdada baleirada de significado de termos, definicións e expresións implícitas que perderon o sentido antes atribuído.

A UPG e Beiras, entre outros (a paternidade é compartida), encetaron unha atinada estratexia a partires da Asemblea Nacional Popular Galega da que naceu o Bloque Nacional-Popular Galego, abrollo do BNG como avangarda de partidos que agrupaban a maior parte do nacionalismo galego. Beiras fixo parte desta estratexia que en 1997 ten acadado o seu maior éxito catalizando unha parte da esquerda desencantada do PSOE. Supoño que os actuais resultados do BNG non lle terán gustado a Beiras xa que os mellores resultados do Bloque foron, en parte, os de Beiras e porque para alén das xenreiras abertas (que non é problema menor), axiña cumpriría debullar se o novo liderado servirá para repetir o suceso da estratexia outrora liderada pola UPG ou se, perante as tensións observadas en Catalunya e Euscadi entre independentismo e esquerda estatal, que en 1982 serviu de avangarda de partidos que agrupaban o nacionalismo galego, AGE ben podería ser máis un síntoma do proceso de reabsorción centrípeta, nun intre no que noutras nacións se producen procesos de inflexión (Escocia, Quebec, Catalunya…)

Dito doutro modo, AGE non estará a desenvolver pola esquerda o papel, polo que respecta á democracia liberal española, de mediador evanescente que participa  da ilusión dos “federalistas” españois, quen, dentro do europeísmo neoliberal existente, con cesión despolitizada de soberanía e exclusión estrutural da democracia, loitan pola substanciación constitucional do estado español nos parámetros da democracia representativa liberal? Non sería isto síntoma dun acrítico ecumenismo orientado a promover todo o que poida axudar á unión de todos, a unha sociedade sen falta nos exactos lindeiros do que xa hai? As desacomplexadas declaracións de Yolanda Díaz son inequívocas respecto ao alcance e límite do nós-outros, do “nosotros”, mesmo á hora de administrar credenciais, caridade  e tutelaxes ético-políticas:

“Nosotros tenemos estructura y Anova, un personaje de los grandes, pero está empezando a caminar. El soporte principal lo pusimos nosotros. Hubiera sido imposible un acto internacional como el de A Coruña, el 12 de octubre, sin nosotros. Somos una organización federal, fuerte, con cargos públicos y una red. Anova, aunque se fortalecerá, acaba de comenzar”

Non hai en todo isto un intento desesperado por facer traballar un partido estatal para o proxecto galego de construción nacional? É posíbel vermos un paradoxo que adopta a forma da claudicación?

O problema de fondo, madía leva, está no punto de partida da súa propia auto-definición en tanto organización “federal”  non-nacionalista.  A mesma escolla sitúase acriticamente  no dominio  do incuestionado modelo estatal español.  Ao acompañarse de Anova o que IU fai é escenificar o seu desafío a algo que non cuestiona. Eis o cerne da asunción multiculturalista da cuestión nacional. En tanto as organizacións galegas de esquerda quixeron articular socialmente a  posibilidade de deixar de sermos suxeitos culturais galegos subordinados ao “demos español” para devir suxeitos políticos de seu no contexto europeo, unha parte simbolicamente significativa vén de aliarse con esa visión “federalizante” da esquerda española que historicamente renunciou a criar as condicións de posibilidade que permitiran pasar da subordinación da diferencia (cultural) ao empoderamento político e á autodeterminación nas nacións sen estado. Non hai en todo isto un intento desesperado por facer traballar un partido estatal para o proxecto galego de construción nacional? É posíbel vermos un paradoxo que adopta a forma da claudicación?

 

Da ferida narcisista

Portanto, dende unha perspectiva nacional galega o chamado á unidade da esquerda abandonando a  referencia da esquerda progresista nacional,  ben pode ser enxergado como un desbalde de capital político

E non será que é a mesma estrutura "federalizante" do Estado español quen ten creado o problema ao comprobarmos para alén da retórica, que en realidade non hai federalistas?.Teremos dabondo para mudalo coa palabra de maldizer e a sátira burlona? Contra dos anos cincuenta e sesenta o PCE articulaba grande parte do exilio interior e exterior español contra o franquismo, talvez por unha segreda arela de que o poderían facer sozinhos.  Mais ficou enredado,  despolitizouse, partiu o muro e acabou por practicamente desaparecer ao asumir acriticamente a subsunción da política na ideoloxía do multiculturalismo que todo o reduce a problemas culturais. Fronte a iso só as organizacións nacionalistas de esquerda foron quen de defender dende aquela o dereito de autodeterminación.

De feito, as nacións sen estado son percibidas dende a retórica do "multiculturalismo" e non como entidades políticas substanciais; segredamente pensaron, o capitalismo está aquí para ficar e imos sacrificarnos en tirarlle brillo á faciana amábel do socialismo español. Ao cabo, unha grande parte de todo ese  grande legado foi reabsorbido - mesmo a súa herdanza simbólica lle foi retirada - por iso, o que din bipartidismo PP-PSOE é, de facto, a reabsorción nun único "partido", o que Zizek chamaría "Partido do Puro Capitalismo Global". 

Após dez anos de deixar o cargo de portavoz nacional do Bloque, Beiras reaxiu desbotando asín a conveniencia dun compromiso político máis modesto, abrazando un concepto mais amplo de “grupo de interese” ou de supresión de certas diferenzas. Primeiro coa corrente interna Encontro Irmandiño e despois con Anova, proxecto que vertebra xunto con Izquierda Unida a  “Alternativa Galega de Esquerda”.

Sen dúbida, o concepto de alternativa é indispensábel, mais non suficiente (Enzesberger di que falarmos nestes termos é mesmo unha claudicación). A traxectoria do BNG e do propio Beiras  fainos entender o que hoxe somos, mais todo isto está lonxe de ser autoevidente malia derivar das respectivas responsabilidades.

Que atoleiro moveu a Beiras a unirse a IU? Como poderá Beiras separar a súa praxe pasada (contra de 1957, cando morou en Francia, procurou máis os brétonnants, a chercher les bretons, do que á esquerda españolista no exilio liderada polo PCE e o Consello de Galiza en Europa) e refugar aquilo co que non comulga da esquerda españolista, a asunción cínica do federalismo, o Partido de autosuperación dos movementos sociais, un pragmatismo que a levou a afortalar gobernos da dereita cando interesou e unha insuficiente comprensión do problema lingüístico?. Porqué agora -de crises xa levamos unhas cantas-  e non máis ben antes. Quer dicir, malia o exilio galego, ten razón Núñez Seixas cando expón que o modelo daquela foron os movementos de liberación anticolonial (Arxelia,etc) e as lecturas de R.Lafont e Memni e non o modelo “federal” do PCE, ao que agora se achegou cos plantexamentos alternativos do altermundismo multiculturalista (sobre mínimos no que todos poderiamos coincidir ) fronte a enxurrada neoliberal global-local que subsume a política nunha administración apolítica. Fronte a iso o retrouso moral non serve.

Anova créase hai medio ano, en pleno axuste centralizador do Estado, para darlle expresión a quen saíu do BNG após a asemblea de Amio. Até o daquela, e naquel contexto, segundo as enquisas, o voto ao BNG tiña certa solidez malia non ter reclamado a súa significación no goberno bipartito. O retorno de Beiras sorprendeu, sobretodo porque en todo isto hai algo de “suspensión" da súa traxectoria, pactando ab initio cunha forza estatal como IU (sen presenza parlamentar e á que algunhas enquisas daban unha recuperación en Galiza) e porque, ao cabo, probou manter o seu tirón electoral. Como a natureza, a política aborrece o baleiro. Representouse así unha “suspensión” ou “adiamento” do que poderiamos chamar o proxecto de hexemonía cultural e ideolóxica do nacionalismo de esquerdas através dun aggiornamento que lle permitiría aspirar ou adaptar as necesidades do momento ás institucións susceptibeis de mudanza. Portanto, dende unha perspectiva nacional galega o chamado á unidade da esquerda abandonando a  referencia da esquerda progresista nacional,  ben pode ser enxergado como un desbalde de capital político, pois ao tempo que suma por unha banda, provoca a descompensación pola outra, renunciando así a ser alternativa de goberno dende o momento en que a máis ca previsíbel desfeita do PSOE tería propiciado unha dinámica de encontro. 

Actuouse do aveso,  ignorando  o realizado e a extrema vulnerabilidade do espazo de decisión galego. Acho que esta autoreflexividade é determinante: para alén do valor da paixón (a esquerda precisa de ser máis apaixonada) poderá o pathos beirista reconducir o instrumental federalismo – que nunca foi xenuino -  da esquerda española? Para dicilo en termos trotskistas, acadará a súa significación non por reflectila estatisticamente nunha maioría, mas por ser quen de creala dinámicamente? Acho que só dende unha idealización da radical autonomía do desexo puro se pode acreditar nese suposto.  Para alén do “risco” (do mínimo cálculo estratéxico ou pragmático) todo isto aseméllase a un ritual simbólico fanado, unha estraña regresión, unha simples ruptura, un corte.

Descoñecemos a positivización desa ruptura e división, se dará para articular un poder (unha sutura) que atinxa - mais non neutralice-  o desenvolvemento da conciencia nacional galega ou se vai ser reabsorbida na voráxine estatal.  Na estratexia de Anova hai algo así como a encenación da necesidade dun factor obxectivo e factíbel, de que a esquerda galega precisa o suplemento da española para chegarmos cecais á conclusión de que o que fai falta é máis mobilización, máis pobo e unha loita política máis apaixonada. Entón, que debería facer a esquerda (galega)? Como explicar todo isto na teoría e na análise política? Se ben só poderíamos respostar a esta pregunta de xeito retrospectivo, hai a posibilidade de debullar o que xa sabemos.

 

Ao cabo, precisamos unha alternativa de esquerda?

Non teñen a indiferenza e o medre da abstención maior alcance subversivo que calquera formulación de alternativa sistémica dende o  momento que comezan a afectarnos a todos?

Recoñecido o feito de que hai unha crise da esquerda en toda Europa, postúlase unha outra esquerda. Porén, ninguén albisca  a posibilidade de que a crise sexa da dereita malia a súa restauración. E non será que presentándose como “alternativa” fronte a esquerda nacional representada polo BNG (está por ver se iso é unha reconstrución ideolóxica)  o que se está a ensaiar é un xeito de representar a quen queren seguir vinculados con España nas exactas coordenadas do que hai?

Se así acontecer, non será que se está en definir como “alternativa” e por "esquerda antisistema" o que non o é, quer dicir, ao que segue a axir ao modo "sistema", a quen non cuestiona o demos e suxeito da Constitución no trasfondo dun capitalismo hexemónico que adopta as exactas formas da democracia liberal española? Pode basearse a alternativa na só mudanza da estratexia (na efémera eficacia das redes sociais)? A consolidación non debería vir da man da ofensiva ideolóxica alicerzada en trazos identitarios que superen a provisionalidade do momento? Ao cabo, non teñen a indiferenza e o medre da abstención maior alcance subversivo que calquera formulación de alternativa sistémica dende o  momento que comezan a afectarnos a todos?

Avanzamos acima que o plantexamento podería facer parte do problema pois exhibe abertamente a súa negatividade: “O BNG perdeu o norte hai tempo inventado inimigos” (23/10/2012). O sesgo da afirmación chamaba poderosamente a atención: se o axente da desfeita foi o BNG, chámeselle UPG ou nomenclatura, entón eu son menos responsábel... Ademais, non está claro que sexa posíbel explicar nestes termos a crise que estivo na orixe de todo, o estañamento electoral, o devalo da loita ideolóxica e o ascenso acelerado de AGE. Aquí,  o problema  é  a falta de xustificación conceptual da alternativa dende o plano de desenvolvemento dun espazo galego de decisión  tal e como suxeriu,  sen querelo, a propia Yolanda Díaz. Estes dias un  manifesto que apoia desde Galiza o dereito a decidir de Catalunya  lembrou algunhas cousas: "A esquerda que non botou man do federalismo tras a ditadura para oporse a un sistema centralista non está lexitimada para facelo contra as arelas de independencia". Alén da retórica, a  IU de Díaz, que non se define como independentista, estará en posición de pronunciarse como o seu socio catalán de Iniciativa per Catalunya a prol dun pacto nacional pola autodeterminación a carón dos seus socios independentistas?

Se o diagnóstico ten sido o da disfunción e a necesidade de superar os propios límites, de achar un novo vieiro, se o que se precisaba era un outro modus operandi, se o reto era articular un diálogo directo cos movementos sociais para asegurar maior lexitimidade e pluralismo con vistas á “transformación real” fronte á inerte esterilidade do Bloque, exactamente por que Anova axiu baixo a lóxica do “partido político” estatal ( na lóxica da representación sistémica)  fronte á “lóxica da expresión” das camadas populares galegas? Porque non alicerzar en consecuencia a súa praxe nun, digamos, manuelantoniano galeguismo libertario? O obxectivo admirábel de axir por agregación con forzas estatais non fai parte do problema? Ao cabo, onde é que se  procurou a esquerda? O traballo previo, u-lo? Non se deixaron sen resolver cuestións básicas? De verdade que é todo tan evidente? Seríao se non se  non houbera outra posibilidade de escolla:  cando o país propio está ocupado pola dereita española neoliberal, a defensa disciplinada do espazo propio de decisión - o que veño chamando a perspectiva Prestige – ten un fondo emancipador que é condición intrínseca da esquerda practicábel. Nesta circunstancia, Anova sumouse ao chamado da esquerda española que tenta manter a lembranza postulados da esquerda clásica. 

A estratexia de AGE está trabucada porque teñen razón na súa síntese, quer dicir, o que nos ofrece e visibilizou  é  o antagonismo e a incoherencia entre as formas federalistas (nunca aplicadas) e o proxecto de desenvolvemento da esquerda nacionalista galega.   Mais ao amosar esa verdade, introduciuse un factor de confrontación e división que xerou máis confusión. Malia a absorción de enerxías que cataliza a crise económica e as prioridades de acción, a situación puxo tamén en evidencia a crise estrutural do Estado autonómico. Temos a sospeita  fundada  de que se producir unha reforma autonómica  como efecto do rescate europeo e a súas imposicións, irían ao  aveso directos a restrinxir o  espazo galego de decisión. Entanto en Catalunya retroalimenta o dereito a decidir,  en Galiza disípase a referencia histórica do nacionalismo de esquerda. Mentres a esquerda europea celebra o seu desconcerto, o afortalamento dos espazos de decisión das nacións sen estado non estaban a fornecer xa un proxecto de repolítización da crise como “alternativa” tanxibel (local) perante unha crise global?

Se a autoorganización extraestatal “directa” e o da representación son tan dependentes que esta tende a clausurar aquela ao estañala na modalidade de partido, non é un auténtico paradoxo coaligarse coa estructura de Estado-partido centralizado na que, ao cabo, séguese a reproducir o intinerario do aparello parlamentario-electoral? Tratábase de ceibar a praxe parlamentar do marco do Partido que a coaptaba ou enxergábase dende o comezo a opción de intentalo con outro desde onde opor “maior” resistencia? Porén,  o dilema   segue aí: até que punto o repudio ao quietismo do Bloque, ao poñelo ao mesmo  nivel que o partido “tradicional”,  non fai parte do fenómeno que sustenta a invisibilidade e invertebración do concepto de multiculturalidade que na orde democrático-liberal-capitalista serve para naturalizar o Estado hexemónico? Malia o gaño relativo, como asimiliar dende o comezo o reproche evidente da indiferencia e o medre da abstención dos votantes?

Anova procurou interlocutores federalistas, mais onde é que estaban todo este tempo? Ten AGE as características de movemento social deste alcance? Quen ten razón? Cal é o relato alternativo fronte á pospolítica do PP e os seus medios afíns?

Grande ironía da historia, a incapacidade do Bloque para acomodar a nova lóxica social trátase de redirixir como se a alternativa  fose outro proxecto a maior escala centralizado e planexado pola dinámica estatal como se os procesos de institucionalización e enredo no poder burocrático, non fosen unha ameaza permanente a calquera organización. Resulta paradoxal que se celebre como oportunidade, como un momento indispensábel,  a liberación da conciencia nacional galega na subordinación postmoderna ou desde dentro dos estritos límites da economía político-libidinal española. Anova procurou interlocutores federalistas, mais onde é que estaban todo este tempo? Ten AGE as características de movemento social deste alcance? Quen ten razón? Cal é o relato alternativo fronte á pospolítica do PP e os seus medios afíns? Cales serían as bases dese proxecto se parte delas mudaron de ubicación e as forzas votadas só acadaron o voto da metade dos galegos? Cando medran as tensións entre independentismo e esquerda estatal, o mimetismo de un dos referentes históricos do nacionalismo de esquerdas poderá  conducir  a maior empoderamento máis alá do relativo suceso electoral? Até o que sabemos,  a estratexia do mimetismo das forzas estatais teñen amosado un enorme fracaso verbo da produción de conciencia nacional, a esquerda e a dereita, agás no preciso contexto da Frente Popular da República.

Se ben sería doado identificarmos as raiceiras dos problemas que afrontamos todos e o  papel da crise, sabemos que a construción de espazos alternativos  deberán defrontar  a reabsorción das alternativas nas prácticas dominantes da reprodución capitalista e nas concretas coordenadas do estado español, onde o  mesmo poder estatal  está a xerar  “precariado”  urbano xurdido das relacións laborais da reestructuración neoliberal ao tempo que tenta reabsorber, arrombar  e repudiar os espazos de decisión máis febles e aqueles que veñen afirmando a existencia da nación propia como suxeito de soberanía. Para dicilo en termos lacanianos, como é ben sabido, o repudio abranxe o recoñecemento e a negación simultáneos de algo. Certo é que sería problemático e doloroso aceptar  ao xeito de Badiou que ás veces  “é mellor non facer nada que contribuír á invención de xeitos formais de facer visíbel o que o Imperio xa coñece como existente”.

Difícil é disimular a evidencia de que os sectores hexemónicos que antes atrancaron as portas ao presidente que nunca foi, agora lle teñan facilitado con agrado a unción mediática, unha visibilización que ao meu parecer compromete unha elisión da mensaxe enviada, por outras palabras, os programadores prefiren a afouteza do reinventado Beiras porque nese amosarse saturnal ritualizouse tamén  unha laminación do referente ideolóxico do nacionalismo (BNG), en tanto noutras nacións sen estado están a redefinir a relación con España (CIU,ER, PNV, Amaiur). Tamén é difícil agocharmos o sentimento de certa desposesión dun activo do nacionalismo de esquerdas ao tempo que a nova cotización contribúe a unha devaluación de un activo ideolóxico infravalorado.  Ignoramos se o alcance da destrución creativa será unha sátira da arelada casa común ou o habitual axuste homeostático do capital político  español-  como sangría necesaria ás tensións soberanistas- que axude a debilitar aínda máis ese mínimo mecanismo de estado que vimos chamando "autonomía”, sen que o resultado acadado teña a ver cunha ampliación ou afortalamento do proxecto nacional.

Ao Bloque, os resultados electorais deberían servirlle de dó e non de apego saudoso, de cumprimento e despedida de Beiras para facer o que Beiras non fixo. O que o Bloque non fixo

Non hai en todo este chamado  algo de  predicación paulina –no sentido de se considerar portador dunha verdade pola que vale a pena arriscalo todo – que só se pode  articular dende a hegeliana expectativa de superación? A admiración polo legado de Beiras non debe impedir dicir que nesa estratexia reside unha parte dun problema que se tenta atallar dende a autodenominada “esquerda plural” ou “alternativa de esquerda”, xa que encena o desconcerto político da esquerda e unha certa claudicación política perante o  abranxente baleiro do concepto de “multiculturalismo” que, desde un compromiso coa experiencia carismática do paradigma ecuménico, paga o prezo da mistificación ideolóxica. No plano simbólico, no eido da economía libidinal,  a recepción de  Beiras,  sobre o trasfondo da tirapuxa entre soberanismo e centralismo só é aceptada se contribúe da man de IU a ser mediador evanescente da soberanía estatal, ao cabo, se representa simbolicamente a unidade do  Estado e na lóxica territorial de poder exercida polo Estado español. Neste ámbito, no da economía política española, cómpre termos en conta que unha “alternativa galega” de seu só sería plenamente posíbel nunha democracia  galega  co mínimo de alienación (léase coa mínima distancia entre re-presentación política e cidadanía), mais é unha despesa interesante pola facilidade con que se pasou do abstracto ao concreto e porque – aquí radica o paradoxo-  o legado beirista, “deturpado” para moitos pola nomenclatura, e viceversa, é  un pensamento e unha praxe das que tamén participan upegallos, Beiras e as outras correntes, quer dicir, do chamado “proxecto común”, do BENEGÁ.

O que desconcertou é como a ”urxencia” reduciu de feito a democracia a non ser máis cá o momento (a ser superado atraveso da actividade parlamentar) da demanda democrática dentro do sistema e non como derivado dun traballo social previo. Ao Bloque, os resultados electorais deberían servirlle de dó e non de apego saudoso, de cumprimento e despedida de Beiras para facer o que Beiras non fixo. O que o Bloque non fixo. Por outras palabras, o que o BNG non soubo visibilizar, ensaiar unha dinámica política de acción social menos concentrada e espallada por todos os eidos da sociedade civil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.