Autoritarismo soft

Non todo o totalitarismo emana de gobernos indiscutibelmente totalitarios. Estes existen, é obvio, pero existen igualmente unhas sombras deles con efectos parellos, trátase de gobernos con todos os selos e certificados precisos para cualificalos como democráticos, segundo a terminoloxía ao uso, pero que nalgúns casos segregan unha endorfina consciente ou inconsciente, liberan unha pulsión libidinal que se sustancia nunha suor fría... e autoritaria.

Os gobernos abertamente totalitarios crean situacións de emerxencia, coma quen lanza un bote de fume entre a xente para tirar proveito da confusión e do medo e impoñer a súa lei. Algúns gobernos democráticos aproveitan as situacións de emerxencia que van xurdindo para dotárense de máis poder e para lexitimar a súa discrecionalidade, que lles permitirá despexar o camiño para impulsar, ou impoñer, a súa axenda.

Dadas as circunstancias, e con licencia das súas cámaras de representantes, un goberno democrático pode ordenar o confinamento da súa poboación.

Dadas as circunstancias, o goberno pode darlle ao botón de pausa do Parlamento e eludir as sesións de control.

Dadas as circunstancias, pódense adiar as convocatorias de eleccións sine die, pese a ser a única canle de participación nas decisións políticas da cidadanía e, segundo nos din sempre, a festa e a encarnación da democracia.

Dadas as circunstancias, pódese reprimir violentamente a quen saia da casa sen permiso, no que como máximo debería considerarse unha falta administrativa.

Dadas as circunstancias, pódese legalizar a vixiancia dixital dos movementos ou dos parámetros biométricos das persoas, abrindo a porta a que por esa vía se coen outras intrusións na intimidade que pasarán a circular en favor de quen dispón da tecnoloxía para procesalas, clasificalas e beneficiarse delas económica ou politicamente, algo que dous meses antes nos parecería unha aberración. 

Dadas as circunstancias, pódese sacar o exército a patrullar as cidades e cederlle os atrís nas roldas de prensa para exercer de voceiros do goberno democrático, porque cando as cousas se poñen difíciles, ten que ser coma sempre o exército o que nos quite as castañas do lume.

Dadas as circunstancias, pódense deixar virtualmente en suspenso dereitos como o de reunión e manifestación.

Dadas as circunstancias, o estado autonómico pode deixarse reducido a un mínimo ente administrativo, sometido ao mando único.

Dadas as circunstancias, o goberno pode seleccionar as preguntas que contesta e as que non, poñendo en corentena a liberdade de prensa.

Enténdese que isto non é o que parece, moitas destas medidas poden mesmo ser razoabeis, e sono. Foron ademais suscritas por consenso ou mesmo unanimidade, o que non quita que entre as mensaxes implícitas se coe a idea de que, ante unha situación de emerxencia, o libro de estilo de todo goberno impón que se limiten os dereitos, se reforze a autoridade e a represión, e se aumente o control. 

Estas medidas vanse tomando con máis ou menos precaución, dependendo do signo das forzas políticas que gobernen cando a emerxencia se presenta. Neste caso, no Estado español, do mal o menos. En xeral, sexa cal sexa o signo, as medidas van sempre na mesma dirección, e se non se avanza máis agresivamente é porque vivimos das rendas dun proceso democratizador que foi asentando mecanismos de transparencia, equilibrio e rendición de contas contra a tentación dos excesos e as arbitrariedades dos executivos. Son estes os mecanismos que agora se están levantando e que, de non repoñerse integramente, non poderemos empregar como colchón fronte aos excesos futuros. Dinnos que se fai temporalmente pero tamén nos din que “cando pase todo isto” nada volverá ser coma antes. Sen ir tan lonxe, pensemos que entre PSOE e Podemos non foron quen en tres anos de derrogar algo tan retrógrado como a Lei Mordaza do PP. A todo se acostuma un, non é?

Postos a imaxinar, poderíase aproveitar o estado de emerxencia con estratexias alternativas, por exemplo para poñerlle couto aos excesos do capitalismo e a globalización, para que sexan as fortunas especulativas das SICAVs e os paraísos fiscais as que contribúan fundamentalmente a que saiamos desta, para acelerar na loita por unha actividade económica sostíbel e un reparto da riqueza menos desigual, o que contribuiría a frear o cambio climático, que entre outros efectos ten o de facilitar o tránsito de virus entre especies e a súa posterior diseminación. Nada disto aparece no libro de estilo oficial para a xestión das emerxencias e todos os gobernantes aplicados se sinten máis seguros seguindo o libro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.