Había uns minúsculos colectivos que o viamos favorablemente: parte do ecoloxismo e a maioría dos observadores de aves. A razón era sinxela. No ano 1979 a Unión Europea aprobara unha directiva revolucionaria en moitos aspectos: a Directiva de Aves
No lonxano 1985 España entrou na Unión Europea. Non había unanimidade en canto á conveniencia de asinar o tratado. Inda hoxe, logo de 30 anos, facer unha avaliación da adhesión é difícil, máis que nada, pola imposibilidade de testar que tería pasado de non entrar. Porén, había uns minúsculos colectivos que o viamos favorablemente: parte do ecoloxismo e a maioría dos observadores de aves. A razón era sinxela. No ano 1979 a Unión Europea aprobara unha directiva revolucionaria en moitos aspectos: a Directiva de Aves (daquela a 79/409/CEE). Esta directiva viña a establecer unhas medidas concretas de conservación para as aves salvaxes europeas e nesa España da transición, poeirenta uns días, fría outros, esa directiva representaba non só a esperanza de conservar as aves e os seus hábitats senón que tamén daba pé a maxinar un futuro máis verde, civilizado e culto. Máis tarde, en 1992, chegou a famosa directiva de hábitats na que se establecían as bases e o posterior desenvolvemento da paradóxica rede natura 2000, ultrafamosa e ao mesmo tempo descoñecida, cuxa aplicación sobre o terreo daría para ducias de artigos específicos.
A directiva de aves foi a primeira directiva europea en materia de biodiversidade. Para os tolos que andamos cos prismáticos colgados todos os días detrás dos paxaros é todo un símbolo de Europa e a conservación da natureza, unha natureza que non ten fronteiras físicas como non as debería ter a Unión Europea. E indiscutible que boa parte da biodiversidade que aínda nos queda aguanta porque os “europeos” foron quen de facer leis que dende aquí, Galicia ou España, tanto ten, teriamos sido incapaces de redactar polo desleixo e a biofobia na que militamos activamente. Así que moito lles debemos.
Boa parte da biodiversidade que aínda nos queda aguanta porque os “europeos” foron quen de facer leis que dende aquí, Galicia ou España, tanto ten, teriamos sido incapaces de redactar polo desleixo e a biofobia
Tamén en materia de augas, por falar doutros ámbitos, de non ter unha política europea botando o seu bafo na nosa caluga a situación de ríos e rías sería peor.
Ignorantes de que o noso futuro, en diversos ámbitos, debúxase a miles de kilómetros, no corazón de Centroeuropa, moitos quedan na casa o día de ir votar. E en parte, por esa razón, no parlamento europeo mandan uns partidos compostos por persoas que miran o seu único interese, o curtoprazo e os fins de lobbies, corporativos ou non. E agora queren degradar as directivas de conservación da biodiversidade en Europa.
Hai quen pensa que a Unión Europea non serva para nada. Se conseguen rebaixar a protección da biodiversidade en Europa, estaremos moito máis cerca de que esa afirmación sexa certa
Hai quen pensa que a Unión Europea non serva para nada. Se conseguen rebaixar a protección da biodiversidade en Europa, estaremos moito máis cerca de que esa afirmación sexa certa.
E se seguiches lendo ata aquí é porque che importa así que non deberías deixar sen asinar nesta campaña europea. Sen aves non hai Europa.