Balance da traxedia

Pasaron xa uns días dende que se produciu a traxedia do accidente de tren en Santiago de Compostela que deixou 79 mortos e decenas de feridos. A información que recibimos é moitas veces contraditoria, con diferentes esferas interactuando, dende a dimensión política pasando pola técnica ata a mediática. Podemos intentar facer un pequeno balance en torno a algúns eixes esenciais, tendo en conta que é moi posíbel que apareza nova información.

 

Que pasou? Entre a información e a construción político-mediática da traxedia

A información que recibimos é moitas veces contraditoria, con diferentes esferas interactuando, dende a dimensión política pasando pola técnica ata a mediática

Xusto inmediatamente despois de descarrilar o tren, desatouse a especulación en torno ao que provocara o tráxico suceso. As tres hipóteses manexadas foron o “erro humano”, “insuficiencia técnica” e o “atentado”. Como poderemos ver, algunhas non son necesariamente incompatíbeis, aínda que tampouco unívocas. Pero empecemos pola tese do atentado.

A tese do atentado foi rapidamente desbotada polo Ministerio de Interior, non sen antes ser considerada como plausíbel por fontes do Concello de Santiago de Compostela. Algunhas cadeas como a Canle 24 horas de TVE fixéronse eco desta posibilidade, difundindo de forma ambigua que os veciños escoitaran tres grandes explosións. O feito de que se filtrase dende unha institución oficial unha versión deste tipo di moito da visión coa que encarou a traxedia a corporación compostelá (gobernada polos sectores máis ultras do Partido Popular): unha oportunidade política para aproveitar a dor, un intento de sementar dúbidas sobre determinados sectores da poboación (casualmente, os días 24 e 25 de xullo a esquerda nacionalista celebra actos conmemorando o “día da patria galega”), así como desviar a atención sobre calquera posíbel fallo técnico. Como era de esperar, esa hipótese foi descartada, pero é curioso que a metodoloxía sexa especular cunha tese deste tipo sen ter a máis mínima evidencia.

As outras dúas hipóteses (erro humano e insuficiencia técnica) están enriba da mesa e non son necesariamente incompatíbeis. O maquinista, Francisco José Garzón, con máis de dúas décadas de experiencia, foi imputado por homicidio involuntario, acusación pola cal podería ser condenado a entre 2 e 12 anos de prisión. Deberá comparecer semanalmente no xulgado e devolver a licenza durante seis meses, co que queda inhabilitado para pilotar trens ata febreiro de 2014. Admitiu que “se despistou”, equivocándose á hora de identificar o tramo e freando demasiado tarde. A imaxe dun home completamente abatido, psicoloxicamente esnaquizado pola traxedia, copou as portadas de xornais e telexornais, sendo o eixe ao redor do cal construíase o relato oficial, tanto político como mediático. Os mass media do réxime non dubidaron en convertelo no protagonista da traxedia, cunha campaña de dubidosa ética xornalística, na que se chegou a difundir os seus “estados” de Facebook sacados de contexto, presentándoo como un imprudente que, tarde ou cedo, estaba abocado a cometer un crime. As portadas dos diarios da extrema dereita como ABC ou La Razón impulsaron alegremente esta campaña, resaltando á vez a súa afiliación sindical ao Sindicato de Maquinistas.

O maquinista foi xulgado mediaticamente en paralelo á escasa importancia concedida ás insuficiencias técnicas que puideron permitir o accidente. O goberno da Xunta de Galicia chegou  insinuar que hai causas escuras detrás das esixencias de investigar se existiu un déficit técnico.

Hai causas perversas neste intento de enterrar estas hipóteses. A emerxente industria da alta velocidade ferroviaria, formada por empresas estatais e privadas, converteuse nun dos referentes da “marca España”

Hai causas perversas neste intento de enterrar estas hipóteses. A emerxente industria da alta velocidade ferroviaria, formada por empresas estatais e privadas, converteuse nun dos referentes da “marca España”, impulsando construcións xulgadas innecesarias pola poboación (os veciños de Angrois, lugar do accidente, levaban meses organizándose contra a construción do AVE), pois suprimen liñas de curta ou media distancia consideradas pouco rendíbeis económicamente pero si útiles socialmente, moi empregadas pola poboación traballadora para desprazarse a diario. Por outra banda, este influínte sector está actualmente participando nun concurso para construír un AVE en Brasil, competindo con diferentes empresas internacionais. Unha das precondicións para optar á concesión é non sufrir ningún accidente provocado por un fallo técnico nos últimos cinco anos. A empresa chinesa Communications Construction xa foi descartada do concurso por un accidente na provincia de Zhejiang que deixou 33 mortos. A ministra de Fomento Ana Pastor, cuxo ministerio non dubidou en sinalar ao maquinista como único responsábel da traxedia, viaxou recentemente a Brasil para defender os intereses españois (por “intereses españois” enténdese, obviamente, “intereses das empresas españolas”), que se xogan un contrato de nada menos que 12.000 millóns de dólares.

O prazo dado aos consorcios polo Estado brasileiro para presentar o proxecto expira o 16 de agosto: o obxectivo do goberno, empresas e xudicatura parece ser o de demostrar rapidamente a culpa do maquinista para poder seguir optando a un negocio tan suculento. Parece que os intereses privados son antagónicos ao dereito social de coñecer as auténticas causas do accidente.

Algunhas fendas abríronse no relato oficial. O presidente de Administración de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), Gonzalo Ferre, admitiu que o sinistro poderíase ter evitado se contase cun sistema de seguridade ERTMS

Con todo, algunhas fendas abríronse no relato oficial. O presidente de Administración de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), Gonzalo Ferre, admitiu que o sinistro poderíase ter evitado se contase cun sistema de seguridade ERTMS (que reduce automaticamente a velocidade anulando calquera posibilidade de que un fallo humano termine en accidente), instalado na maior parte da alta velocidade española. Os sindicatos de maquinistas tamén resaltaron o anacrónico dos sistemas de sinalizado. Eldiario.es revelou que o sistema de seguridade do tramo onde se produciu o accidente tiña máis de medio século, demostrando que substituíndo os dispositivos analóxicos instalados por uns dixitais (cuxo custo é de tan só 12.000 euros), o accidente poderíase ter evitado. O dispositivo xa está instalado noutros tramos da mesma ruta do sinistro.

Como vemos, desde un punto de vista lóxico, as versións do “fallo humano” e “deficiencias técnicas” non son necesariamente incompatíbeis. Pero cómpre aclarar unha cuestión fundamental: a traxedia puido ser continxente, pero non inevitábel. O fallo humano puido existir, pero non tería provocado mortos de estares en funcionamento os medios técnicos adecuados. Estes medios técnicos non son ciencia ficción nin vivimos no século XIX , cando a condución do ferrocarril dependía da sorte e pericia do maquinista. O relato, completamente ideolóxico, de asociar o erro do traballador á culpabilidade, está completamente sobredeterminado por un feito concreto: os intereses económicos privados antepóñense a sacar á luz a verdade con todas as súas consecuencias; obviase que o erro podería non acabar en traxedia. A tecnoloxía e o seu uso distan de ser neutrais ou apolíticos (aínda que a técnica teña unha dimensión relativamente autónoma): o maquinista está sometido aos ritmos que impón a máquina. Non deixa de ser traxicamente amargo que existindo as posibilidades tecnolóxicas para evitar o accidente, o relato político dos intereses económicos privados se impoña ao técnico. A tecnoloxía pasa a ser secundaria cando priman os intereses duns poucos. O grave da liña argumental dominante é que non se traza cunha perspectiva de evitar que unha traxedia así volva ocorrer, senón de cazar ao culpábel canto antes, enterrar responsabilidades políticas e seguir facendo negocios.

 

As respostas políticas: dende abaixo e dende as institucións.

A reacción do pobo galego e doutras nacionalidades do Estado español foi unha auténtica mostra de solidariedade popular

A reacción do pobo galego e doutras nacionalidades do Estado español foi unha auténtica mostra de solidariedade popular. En reacción ao impacto da traxedia, a noite do sinistro os traballadores públicos responderon con gran eficacia e entrega. Enfermeiras en paro acudiron para colaborar nos hospitais. Psicólogos voluntarios ofreceron o seu traballo para apoiar ás vítimas, familiares ou veciños. Bombeiros suspenderon folgas para axudar nos labores de rescate. A cidadanía galega respondeu doando masivamente sangue, ata que as autoridades sanitarias declararon que non se necesitaba máis. Milleiros de mensaxes de solidariedade expresábanse nas redes sociais. A política con maiúsculas invadiu Galiza, demostrando que as clases populares poden responder ás situacións adversas con solidariedade e cooperación, lonxe da competencia imposta pola lóxica capitalista.

Os políticos do Partido Popular optaron por unha liña de defensa dos intereses empresariais, culpando ao maquinista do suceso

O problema vén doutra parte. A coordinación dos servizos públicos (responsabilidade das autoridades) distou de ser eficiente. O operativo de urxencia requirido tardou máis de 100 minutos en activarse. Decenas de feridos foron derivados á sanidade privada, cando o hospital máis próximo era público, sendo o feito denunciado polos propios traballadores.

A outra parte da resposta política, máis aló da xestión post-accidente, foi a do relato institucional. Os políticos do Partido Popular optaron por unha liña de defensa dos intereses empresariais, culpando ao maquinista do suceso. O PSOE desapareceu do mapa político, confiando nunha explicación parlamentaria que tardará días en chegar, se é que chega. Durante os días posteriores á traxedia, os cargos públicos da dereita trataron de impoñer un silencio sobre a traxedia, instrumentalizando a dor, acusando ás voces disidentes do relato oficial de intentar “politizar” a traxedia, mentres eles percorrían as zonas do accidente, visitando feridos e quitándose fotos xunto ás familias. É amargamente irónico que sexan os mesmos responsábeis dos recortes e das políticas de austeridade que degradan os servizos públicos, precarizando aos traballadores e subordinando o benestar da maioría aos intereses do capital privado, os que acusen de "politizar" a traxedia. A clase dominante ten un grande interese en decidir o que é político e o que non. A prensa do réxime contribuíu a esa “despolitización” (isto é, que só os responsábeis políticos gobernantes poden falar de política) mercantilizando a traxedia, convertendo a dor das familias en imaxes listas para o consumo. A culminación desa dinámica foi a conmemoración oficial polas vítimas en forma misa nacional-católica na catedral de Santiago, coa presenza dos príncipes e a curia relixiosa. Todo un exemplo de "neutralidade": o funeral convertido nun cínico mitin do réxime do 78.

A esquerda, tanto a parlamentaria (AGE e BNG) como a extraparlamentaria, negouse a subscribir o relato oficial, sen caer na criminalización do maquinista, defendendo a labor dos traballadores públicos e esixindo unha investigación independente que determine as responsabilidades políticas

Con todo, esta representación foi cuestionada dende a esquerda. En primeiro lugar, suspendéronse os actos conmemorativos do “25 de xullo, día da patria galega”, que se ían celebrar o día despois da traxedia. Ademais, a esquerda, tanto a parlamentaria (AGE e BNG) como a extraparlamentaria, negouse a subscribir o relato oficial, sen caer na criminalización do maquinista, defendendo a labor dos traballadores públicos e esixindo unha investigación independente que determine as responsabilidades políticas. É particularmente significativa a brecha no consenso institucional aberta pola esquerda parlamentaria, negándose a participar nos actos oficiais organizados polo Partido Popular, alimentando así o “espírito de escisión” con respecto á versión da clase dominante. Unha boa parte da sociedade civil non está disposta a dar por válido acríticamente o relato da clase dominante, pois a credibilidade dos políticos e empresarios está seriamente erosionada polas súas actuacións en casos como o Prestige ou o 11-M. As políticas austeritarias, xunto cos escándalos de corrupción, tamén mermaron a convicción de que os representantes públicos ofertan todos os medios dispoñíbeis para axudar ao cidadán común. Esta crise de lexitimidade é unha fiestra de oportunidade para que unha catástrofe como a de Compostela sexa investigada, non se permita que o maquinista sexa o “cabeza de turco”, se faga xustiza coas vítimas e non volva suceder unha traxedia deste xeito evidentemente evitábel.

 

A modo de conclusión: os límites do modelo neoliberal

O modelo neoliberal, consistente en combinar privatizacións con desinversións no público para pagar a débeda e un modelo de xestión mimético aos parámetros da empresa privada, quedou seriamente desprestixiado con esta traxedia

O modelo neoliberal, consistente en combinar privatizacións con desinversións no público para pagar a débeda e un modelo de xestión mimético aos parámetros da empresa privada, quedou seriamente desprestixiado con esta traxedia. No terreo da eficacia da actuación post-accidente, o caos do xerencialismo burocrático só foi compensado pola vontade e as ganas de traballadores públicos. A infrautilización dos hospitais públicos, que converte o dereito á asistencia dos feridos nunha transferencia de recursos públicos ao sector privado, e o caos na organización da resposta de urxencias introducíronse na axenda política.

No terreo da prevención, o fracaso do proxecto neoliberal á hora de aplicar as medidas técnicas apropiadas é máis que evidente. Os traballadores de Renfe (empresa estatal de ferrocarril) levan anos reclamando máis investimentos no sector público, mentres que os enxeñeiros que advertiron da perigosidade do trazado onde se produciu o accidente non foron escoitados, o cal cuestiona seriamente o mito da eficacia da xestión de carácter empresarial. Neste caso, a impermeabilidade da xestión neoliberal, a falta de democracia nas políticas públicas, xerou unha catástrofe social gravísima.

No terreo da clarificación posterior dos feitos, os intereses do capital chocaron duramente cos intereses das familias e da cidadanía. A clarificación do suceso vese obstinadamente bloqueada polos intereses do sector da industria do ferrocarril, máis preocupada por manter os seus contratos millonarios que de depurar responsabilidades e aclarar os feitos para evitar que volvan suceder. O Partido Popular, xunto co silencio cómplice do PSOE, se encargou de dar cobertura política aos intereses duns poucos, demostrando a súa completa subalternización ao empresariado e a súa escasa lealdade á cidadanía. A prensa oscilou entre a morbosidade mercantilista de converter a dor en espectáculo e unha campaña para criminalizar ao maquinista. Os gobernantes non estiveron, nin moito menos, á altura dun pobo que respondeu con solidariedade popular á traxedia. A actitude da esquerda política e a desconfianza das clases populares cara á versión oficial prenden unha pequena  esperanza para que a traxedia se clarifique. A batalla será dura, pero existe un deber ético ineludíbel, tanto polos que xa non estarán connosco como para evitar futuras traxedias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.