Entre o mar Mediterráneo e o val do río Xordán, en Palestina, atópanse algunhas das cidades máis vellas do mundo: Xericó e Nablus. Esta última foi a primeira parada de Abraham en Terra Santa, e onde Deus lle prometeu esas terras para el e os seus descendentes. Ao igual que o nome da nación, o de Nablus mudou segundo o momento: Xjem, Tel Balata ou Flavia Neapolis son o mesmo val que creceu entre os montes Ebal e Gerizim, onde se asentaron milleiros de refuxiados fuxidos da ocupación do seu territorio en 1948.
Balata é o campo de refuxiados máis grande, alén do máis densamente poboado de Cisxordania
Nese 1948, o 15 de maio, o Estado de Israel declarou a súa independencia, o que se coñece en Palestina como Nakba, catástrofe. A devandita declaración provocou que entre 1946 e 1948, unhas 700.000 persoas pasasen a ser refuxiadas, ao redor de 5 millóns hoxe en día. Moitos deses refuxiados acubilláronse en tendas de campaña provisionais que devagar se converteron en pequenas casas de cemento onde aínda se gardan as chaves dos fogares dos que foron expulsados, amais da esperanza.
A esperanza de que o nome de Palestina volva nomear un país libre, como xa fixera antes, en tempos de Herodoto, no século v a.C., e como testemuñan outros historiadores posteriores. A esperanza custódiase nesas chaves que simbolizan as portas á liberdade. Só eses séculos nos que se instauraron dinastías imperialistas apoiadas polo orientalismo bíblico mudaron os nomes. Con todo, as cidades costeiras do actual estado de Israel serven de radiografía deses lares tatuados nas chaves que conservan eses refuxiados, como é o caso de Ibrahim Abdullah Jamal, que vive no campo máis grande que hai en Cisxordania: Balata.
Balata é o campo de refuxiados máis grande, alén do máis densamente poboado de Cisxordania. Amais disto, é unha zona arqueolóxica que linda coas casas apertadas que se aglomeran nos seus 0’25 km². Entre as ruínas dos que se cre que é o primeiro asentamento da cidade de Nablus están o templo e os muros da cidade. Estes rodean o pozo de Xacob, onde o Evanxeo de Xoán sitúa Xesús Cristo mentres conversa cunha samaritana e onde a Xénese describe un terreo que mercou Xacob para construír logo nel, e mais a tumba de Xosé.
Malia os acordos de Oslo de 1993, nos que se conveu que a tumba quedase baixo xurisdición da Autoridade Palestina, son as Forzas de Defensa de Israel as que custodian o sitio e impiden a entrada de musulmáns
A tumba de Xosé, venerada por cristiáns, musulmáns e xudeus, así como polos samaritanos, é un punto de fricción máis na historia relixiosa do lugar. Aínda que non hai datos fidedignos sobre iso, os xudeus pensan que aí está enterrado Xosé, un dos doce fillos de Xacob, e por iso consideran a tumba sagrada. Amais, contan coa axuda militar e política do Estado de Israel, que recoñece o lugar como seu propio. En 1967 o Estado xudeu tomou Cisxordania e a tumba pasou a ser un sitio de culto só para os xudeus. Prohibiuse entón a entrada dos musulmáns, que consideran que no sepulcro está enterrado un xeque local do século xviii. Malia os acordos de Oslo de 1993, nos que se conveu que a tumba quedase baixo xurisdición da Autoridade Palestina, son as Forzas de Defensa de Israel as que custodian o sitio e impiden a entrada de musulmáns. Isto provocou varios conflitos, sobre todo dende o inicio da Segunda Intifada, que comezou no ano 2000, e que actualmente o enclave sexa unha illa máis no arquipélago de territorios xudeus que enchen Cisxordania.
Nesa Cisxordania inzada de asentamentos (máis de 200, con máis de 700.000 habitantes), agroman aldeas e cidades palestinas nas que se acubillan 19 campos de refuxiados (cunha poboación superior aos 800.000). Todos eles son coñecidos por seren bastións da resistencia palestina; unha resistencia que se reflicte nos numerosos centros culturais que traballan neles, promovendo redutos de paz e tranquilidade no medio dos conflitos. É isto precisamente o que tratan de facer nun dos centros culturais de Balata, un dos máis dinámicos de Palestina, o Centro Cultural Iafa.
Nesa Cisxordania inzada de asentamentos (máis de 200, con máis de 700.000 habitantes), agroman aldeas e cidades palestinas nas que se acubillan 19 campos de refuxiados (cunha poboación superior aos 800.000)
O Centro Cultural Iafa leva o nome dunha das cidades costeiras da Palestina histórica, Iafa, fermosa, como a deron en chamar os primeiros poboadores cananeos. As forzas sionistas expulsaron a maior parte dos seus 70.000 habitantes o 13 de maio de 1948 e obrigáronos a fuxir por mar cara a Gaza ou Beirut, ou a cidades do interior como Ramla e Lod, que tamén acabaron sendo ocupadas, e Xerusalén. Iafa, un fervedoiro cultural onde se imprimían boa parte dos xornais e libros editados en Palestina, onde había unha industria amplamente desenvolvida, e onde se cultivaban cítricos que logo se exportaban a todo o mundo, perdeu a súa xente coa Nakba, nunha ocupación militar que nin sequera estaba prevista no plan de partición da ONU, que non asignara a cidade para o estado xudeu. Así e todo, ao pasar a formar parte do seu goberno e tras aprobarse a lei dos ausentes, perdéronse as industrias e o tecido cultural, espallado polas terras polas que tiveron que vagar os seus poboadores.
Aos poboadores de Iafa, expulsados do seu lugar de nacemento, uníronse os de Haifa e doutras aldeas contiguas no campo de refuxiados de Balata. En 1950, a UNRWA, a organización das Nacións Unidas que vela polos refuxiados palestinos, construíu este campo provisional, con tendas de campaña, para acoller 5.000 persoas. Porén, hai tempo que esa cifra aumentou e que as teas que facían de tabiques caeron. Hoxe en día, as paredes, malia aínda seren febles, son de cemento. Para a súa xente, estas casas seguen a ser provisionais, pois agardan regresar aos seus fogares. Aí é onde viven, mais non de onde son, confesan con orgullo. Son xa varias as xeracións nacidas no campo. Con todo, nas terras que lles foron usurpadas manteñen os seus sinais de identidade.
Un dos sinais de identidade de calquera de Balata é a enorme chave que abre o ferrollo da casa abandonada en 1948
Un dos sinais de identidade de calquera de Balata é a enorme chave que abre o ferrollo da casa abandonada en 1948. Amais disto, a paixón polo fútbol fai que o equipo do campo, o Markaz Balata, sirva de identificador común. Por outra banda, as internadas do exército israelí, os continuos arrestos e os tiroteos axudan a definir totalmente o enclave, un cadrado composto por tres rúas e varios pasadizos, tan estreitos que é case imposible camiñar por eles. De feito, para trasladar os mobles dun lugar a outro, ou mesmo para sacar un morto dun dos edificios, é preciso usar as terrazas e mover o que sexa necesario polos teitos do campamento.
O campamento non ten verxeis entre o seu cemento, mais si un oasis de calma, o Centro Cultural Iafa, que dende a súa fundación, en 1996, ofrece actividades das máis diversas na súa sede, xunto a un dos colexios da UNRWA, e entre calellas grafitadas. Houbo unha época na que preto dun milleiro de nenos e nenas desfrutaban das actividades destinadas á rapazada. Entre elas: campamentos de verán, clases de baile, de fotografía ou de cine. Un interese que os levou a dirixir as súas propias curtametraxes e a exhibir, durante varios anos, algunhas das películas do festival de cine AMAL, esperanza.
A esperanza de manter o centro como un enclave de resistencia cultural fai que a institución siga en pé, malia as dificultades polas que atravesan a día de hoxe, debido ás diferentes crises que provocaron que minguasen as axudas á poboación palestina. Así pensa un dos coordinadores do Centro, Ibrahim, que só tiña 11 anos cando se creou e que lembra os seus fundadores, mortos ou encarcerados en prisións israelís, como Nasser Awis, condenado por pertencer a unha das milicias do campo de Balata a 14 cadeas perpetuas en 2003, tras ser encarcerado en 2002.
A esperanza de manter o centro como un enclave de resistencia cultural fai que a institución siga en pé, malia as dificultades polas que atravesan a día de hoxe
Foi o 2002 o ano no que Ibrahim comezou a ranquear. Foi por mor dun proxectil que matou a dous dos nenos que estaban ao seu carón e que deixou feridos a outros dous. Ese día, un dos flancos combatentes palestinos efectuou un atentado suicida nun hotel de Netania no que morreron trinta persoas e quedaron 140 feridos. As represalias estendéronse por toda Palestina e Balata volveu encherse de tanques, aos que os máis pequenos responderon con lanzamentos de pedras. Ibrahim non puido asistir ao funeral dos seus amigos, pois pasou dúas semanas na UCI. Si foi un dos seus irmáns, que tras a morte dun dos seus mellores amigos se radicalizou e pasou a formar parte dun dos grupos armados do campamento, e así logo foi condenado a 10 anos de cárcere, o que impediu que asistise ao enterro do pai.
O pai de Ibrahim naceu en Haifa e a nai en Tantura, unha vila mariñeira conectada coa anterior e que o plan de partición colocou dentro do estado xudeu. Como outras máis de 400 aldeas, Tantura foi destruída e ocupada, e a maior parte dos seus 1.500 habitantes masacrados, relata Ibrahim: «as brigadas sionistas fixeron unha matanza e executaron a todos os homes agás dous, que se salvaron de milagre.»
O Centro Cultural Iafa é un baluarte contra o illamento, un lugar de protección e de alivio que despide esperanza e que se proxecta na ilusión desas chaves que agardan volver abrir, algún día, o ferrollo do que se separou
Un outro milagre sucedeu en Tantura. Na actualidade, nas terras da aldea materna de Ibrahim están o kibbutz Nehsolim e o moxav Dor. Cando chegaron os primeiros colonos, ocuparon as casas abandonadas e logo construíron outras novas. Conta a lenda que cando as escavadoras trataron de destruír o mausoleo do famoso xeque local al-Majrami, as pas da escavadora escacharon. Por iso, a día de hoxe este maqam, mausoleo, aínda segue en pé.
Segue en pé Ibrahim, malia as dificultades persoais e sociais que o rodean. Continúa no Centro Cultural Iafa coa mesma ilusión coa que de cativo comezou a se achegar a el, sabedor dos avances e de que as ofertas se ampliaron. Agora, os obxectivos do centro son a promoción dunha educación cultural e artística humanitaria e igualitaria, co apoio do traballo voluntario e con axuda psicolóxica para quen a precise, mantendo sempre na memoria a historia do seu pobo e o dereito a retornar. Con todo, as dificultades económicas e a presión exterior contra a axuda a Palestina están a facer que o centro sufra e que os cursos e programas diminúan debido á falta de cartos mínimos necesarios.
Necesario para Balata, como para calquera outro campo de refuxiados, o Centro Cultural Iafa é un baluarte contra o illamento, un lugar de protección e de alivio que despide esperanza e que se proxecta na ilusión desas chaves que agardan volver abrir, algún día, o ferrollo do que se separou.