Nos anos que leva ao fronte do concello de Baleira Ángel Martínez-Puga non houbo unha soa inversión que poidamos destacar polo seu impacto positivo na realidade cotiá da veciñanza. É sabido que o rexedor alude á falta de recursos económicos, pero iso non é máis que unha escusa
Nos anos que leva ao fronte do concello de Baleira Ángel Martínez-Puga non houbo unha soa inversión que poidamos destacar polo seu impacto positivo na realidade cotiá da veciñanza. É sabido que o rexedor alude á falta de recursos económicos, pero iso non é máis que unha escusa. En primeiro lugar, debemos valorar un feito incuestionable: o Partido Popular dirixe a Xunta de Galicia. O ente autonómico ten no seu poder a ferramenta máis poderosa para impulsar os proxectos do alcalde de Baleira, que non é outra que os presupostos. De novo aquí hai un pero, o doutor Puga non posiciona as súas propostas ante as diferentes consellerías para obter a aprobación e a conseguinte dotación orzamentaria.
As razóns de que isto sexa así non son de todo claras, ben é certo, por un lado, que o seu día a día está centrado na xestión dun centro de saúde en Lugo, e é posible que nin o tempo nin as enerxías lle permitan máis. Por outra parte, tampouco delega estas cuestións no tenente de alcalde, que na práctica traballa como operario do concello, por exemplo transportando auga coa motobomba aos deficitarios depósitos, insuficientes para abastecer as necesidades dalgunhas parroquias. Mais, se cadra, hai unha razón determinante, ao tratarse dun alcalde desconectado do concello que debe gobernar. Non é de Baleira, e aínda que exerceu a menciña alí agora faino en Lugo, e descoñece a realidade e as necesidades das parroquias. Esa falta de compromiso e de implicación é probable que teña as causas nas razóns expostas. Unha proba de tanta desidia témola no Cádavo, ao lado da Casa do Concello e da praza principal, onde unha máquina escavadora abandonada alí hai uns dez anos se transformou nun símbolo deste inmobilismo, nun monumento á desgana, nun eloxio da galbana.
A consecuencia de todo o anterior hai un deterioro dos servizos básicos que condiciona o día a día e desanima á mocidade a quedarse en Baleira. Iso si, cun médico ao mando. Agora tamén, co futuro nas mans de alguén de fóra que non sofre nin padece ante unha realidade desoladora que some na depresión e na impotencia a labregas e labregos que traballaron moi duro, fillos dos que arrincaron as pedras á terra coas mans para erguer as paredes das casas e das palleiras.
Xa saben os habitantes de Baleira, se non hai médico no centro de saúde acudan os mércores pola mañá ao concello, alí si, só ese día, hai médico, pero non exerce, e de alcalde tampouco
A solución, neste ou noutros casos, sempre está dentro, sexa cal sexa o color político. A quen goberna un concello deben doerlle os seus males. Se vives na cidade e vas ao rural como un turista, a comer un rico cocido, a un magosto, ..., e nos aprecias no que valen todas as potencialidades do monte e das agras, non deixas de ser a versión moderna daquel señorito que tan ben retratou Delibes nas páxinas de "Los santos inocentes" e que interpretou na gran pantalla Juan Diego. Claro, noutro tempo, noutro contexto histórico, mais cun fondo semellante.
Xa saben os habitantes de Baleira, se non hai médico no centro de saúde acudan os mércores pola mañá ao concello, alí si, só ese día, hai médico, pero non exerce, e de alcalde tampouco.