Bangladesh, 50 anos de vitoriosa independencia

Estación de trens de Sylhet © Moncho Iglesias

Bangladesh é, en sentido literal, a terra do bangla, a lingua que pariu un estado. Unha nación que non foi de seu ata que a conquista do idioma a liberou. E dende entón pasaron 50 anos, medio século de vida para un país novo no que máis do 50% da poboación ten menos de 25 anos. Un lugar pouco máis grande que Galicia e Portugal unidas, e que concentra 170 millóns de persoas, 22 delas na capital, Daca, a cidade coa densidade de poboación máis alta do mundo.

Nesa terra do idioma bangla nacida en 1971 agroman datos sen aniversario, mais que enchen de orgullo á súa xente. O feito de ter o mangleiral máis grande da Terra, Sundarbans, lar do tigre de Bengala, ou a praia máis extensa, en Cox’s Bazar, sitúan o país nun paraíso que o turismo aínda deixou virxe. E isto débese ao pouco que se coñece de Bangladesh, o cal non permite que se saiba das terrazas de té en Sylhet, no norte, ou das plantacións de manga e das rúas e camiños habitados por plantas e árbores que dan froitas curiosas como a jackfruit, a jaca. Esta, que chega a superar os 40 kg de peso e o metro de longo, é a froita máis grande que existe e a froita nacional do país.

Daca © Moncho Iglesias

A asombrosa vexetación mestúrase con conglomerados de cemento que ocultan campos onde practicar fútbol e béisbol, os xogos que ensombrecen o deporte nacional: o kabadi. Este xógase principalmente nas áreas rurais e, aínda que se cre que se practica dende hai 4000 anos e que mesmo Buda era afeccionado, foi a independencia a que o revitalizou. Cóntase que cando se decidiron os símbolos do estado acabado de nacer non houbo dúbida en canto ao peixe, o hilsa, nin sobre o paxaro, o doyel. No concernente ao deporte, semellaba necesario promover un que rompese co pasado colonial e que tivese raíces no país, e por iso desbotáronse os ben coñecidos fútbol e cricket. O ha-du-du, como tamén se coñece, non require ningún elemento extra, pero si é preciso tomar ben folgos, pois non se pode respirar mentres se ataca o equipo rival, e para non facer trampas hai que cantar o nome do xogo durante a ofensiva.

O verdor que domina Bangladesh combínase coa cor das augas que adoitan asolagar os campos durante a estación chuviosa, que chega despois do verán, que comeza en abril, como o ano. Porque o 14 de abril é o Pojila Boixal, o primeiro día do calendario bengalí. Esta é a festividade máis importante de todas, pois é celebrada por toda a xente, sen importar raza nin credo. Parece ser que a súa orixe está no período mogol, arredor do século xvi, no que había un desaxuste entre o anuario marcado pola fe e o disposto polas colleitas. Naquela altura, os impostos recadábanse segundo marcaba o calendario lunar islámico, co cal non era sempre posible prover ao emperador de cultivos, xa que estes dependen do ciclo solar. Foi entón que se creou un novo comezo de ano, o Pojila Boixak.

Os meses secos serven para que os festexos ao aire libre poidan levarse a cabo. E amais de recitais e concertos, antes que chegue a choiva celébrase un dos eventos máis sobranceiros, o febreiro literario. Este mes unifica todas as fes a través da lingua e da literatura, que se unen na que talvez sexa a feira do libro máis grande do mundo, a Boi Mela. Alén diso, hai un día específico para o día da lingua materna, Ekuxei

Boi Mela é un punto de reunión que xira arredor dun só tema: a literatura. Esparéxese así o barrio de Nilket, un labirinto de librarías nas que os andeis rabuñan o teito das tendas acaroadas próximas a un dos cines máis emblemáticos: o Balaka. Aí onde a época dourada de Dhallywood estreou as súas películas e onde continúan a se amorear cinéfilos amantes da filmografía bengalí. Unha veciñanza a pouca distancia da cidade vella e da Universidade de Daca, promotora cultural e activista social.

No mes de febreiro, icona da palabra e símbolo da liberdade, os libros son os protagonistas. Non son as temperaturas as que decidiron a data, senón a propia lingua e os seus falantes, que loitaron de xeito pacífico por se poder defender no seu propio idioma. Porque o 21 de febreiro de 1952, un grupo de estudantes morreu por mor das feridas das balas que trataron de calalos. Mais o silencio que se buscaba só provocou máis indignación e afouteza, e serviu para que ese día comezase a se forxar a independencia de Bangladesh. 

Os británicos abandonaron a India, despois de 300 anos, e dividiron o subcontinente en dous estados: un de maioría hindú, India, e outro de maioría musulmá, Paquistán. O medo a posibles represalias provocou movementos migratorios e con eles xurdiron ataques xenófobos entre veciños que ata o daquela vivirán ao pé. A tensión orixinou escenas crueis nas fronteiras acabadas de crear, como relata o escritor indio Nisid Hajari: «bandas de asasinos incendiaron aldeas enteiras e asasinaron a machetadas homes, nenos e vellos, e levaron as mozas para violalas. Algúns soldados e xornalistas que presenciaron os campos de exterminio nazis afirmaron que as brutalidades da partición eran peores.»

Así as cousas, en 1948 había máis de 15 millóns de persoas desprazadas e arredor de 2 millóns morreran. Esta traxedia só creou máis odio e mais escravitude a ambos lados, «escravos de paixóns relixiosas, escravos de instintos animais e de barbarie», laiouse o controvertido escritor indio Manto. E a ira nas fronteiras espallouse máis alá das liñas divisorias, así como as diferenzas entre Paquistán Occidental e Bengala Oriental, un mesmo país separado por 1600 km. (o dobre da distancia entre Galicia e Portugal de punta a punta) de territorio indio. A concentración de poder na beira oeste, dende onde se promulgaron leis e medidas discriminatorias, fixo que se declarase o urdú como única lingua oficial.

O urdú non era o idioma propio de Bengala, só unha imposición. Por iso o estudantado da Universidade de Daca decidiu crear o Movemento pola Lingua, para defender os seus dereitos lingüísticos. E para festexar a idea organizouse un Día da Lingua. Había programados desfiles e manifestacións que desafiaban a prohibición de xuntanzas multitudinarias. Con todo, os plans saíron mal e os berros en bangla foron decontado silenciados. A policía disparou contra os manifestantes e amais de centos de feridos houbo sete mortos, os primeiros mártires pola lingua.

O 21 de febreiro de 1952 marcou un momento decisivo na historia de Bangladesh. O espírito insubmiso dese 21, ekuxei, inspirou a loita polo respecto e a defensa das linguas e por ese motivo a UNESCO declarou esa data como día internacional da lingua materna. Alén diso, a revolta iniciada ese día propiciou que anos máis tarde a terra do bangla xustificase a súa desobediencia coa declaración de independencia. 

Nas eleccións xerais de 1970 a Liga Awami, liderada por Shek Mujib, gañou 169 dos 313 escanos da asemblea nacional. Porén, a maioría absoluta acadada cos votos non valeu para gobernar, pois a minoría dirixente de Paquistán Occidental deslexitimou a vitoria. Entón as rúas volvéronse encher de berros insubmisos e as protestas só foron mitigadas con arrestos e exilios que foron devagar máis multitudinarios. De feito, o 7 de marzo de 1971, Mujib, xa coñecido como Bangabandhu (amigo de Bengala), logrou congregar preto de dous millóns de persoas en Daca. Alí pronunciou un discurso que dende aquela se repite cada ano e que alentaba a poboación a se preparar para a liberación: «desta volta a loita é a loita pola emancipación! Desta volta a loita é a loita pola independencia!»

Panam Nagar © Moncho Iglesias

O 25 de marzo dese mesmo ano 1971, o exército de Paquistán lanza unha operación militar contra os bengalís. Só unhas horas despois, Bangabandhu proclama a independencia de Bangladesh e unha vez en prisión é nomeado presidente. Daquela, a loita deveu en guerra e esta nun masacre no que faleceron tres millóns de bengalís, nun conflito que rematou o 16 de decembro, o día da vitoria. Liberado o país, tamén Mujib logrou a liberdade e regresou a unha Bangladesh independente semanas máis tarde.

Khander Mozammel Haque, que naceu en Bogura, no norte de Bangladesh, hai 91 anos, lembra á perfección sucesos históricos como a segunda guerra mundial e o nacemento do seu país. Agora é o seu neto, Khander Tanbir, quen festexa na Universidade de Daca a vitoria e quen escoita as explicacións do seu avó, que conta coa paciencia dese mestre de escola que foi e coa precisión que desenvolveu como comerciante e como funcionario do catastro.

Para Khander Mozammel Haque, o mandato británico proporcionou certo sentido da orde que se perdeu durante o goberno de Paquistán. A inestabilidade provocada pola falta de dereitos e a inxusta repartición económica era evidente e a independencia un cambio necesario. Con todo, confesa, os primeiros pasos foron difíciles debido ás múltiples obstáculos e ás limitacións que había que traspasar. Mais a derrubar valados empuxounos a oficialidade da lingua, que aumentou a esperanza de existir como nación, como república secular e tolerante con todas as crenzas.

Cincuenta anos despois, Bangladesh, a terra do tigre de Bengala, da jaca, do kabadi, do hilsa, do doyel e, por enriba de todo, da lingua bengalí, celebra a unión dun pobo que reivindica o seu pasado cada mes do calendario e que culmina en decembro, con cánticos vitoriosos para non esquecer que a terra do bangla é libre. Porque, como diría Manuel María, o idioma é un herdo, patrimonio do pobo, maxicamente vello, eternamente novo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.