Barbarie

Venres. Salta a miña alarma de WhatsApp: "Un home mata as súas dúas fillas en Moraña e intenta quitarse a vida". O meu corazón encóllese e automaticamente, posiblemente de forma inconsciente, vénme á cabeza a nai; unha nai á que lle acaban de arrebatar ás súas fillas. Unha nai que acaba de perder o que máis quere, as súas dúas nenas, e aconteceu porque así o decidiu quen tamén debería velar polo coidado e benestar delas, das súas fillas, das fillas dos dous. Unha proba de que o único que pode vencer ao amor é o odio. O odio infinito.

Venres. Salta a miña alarma de WhatsApp: "Un home mata as súas dúas fillas en Moraña e intenta quitarse a vida"

Resúltame máis que difícil expresar o que sento ante un suceso como o acontecido o pasado venres. Nun caso como este, os meus sentimentos complican que fale a Eva Martínez secretaria de Igualdade do PSdeG, así que estas palabras saen do máis profundo da Eva muller, divorciada e nai dun neno de 11 anos e unha nena de 3. Penso no sufrimento indescritible desa nai para a que posiblemente xa nada teña sentido, e mesmo nesas nenas, ás que o seu propio pai asasinou dunha forma atroz para quen sabe que... Vingarse da súa ex muller? Romper vínculos coa súa vida pasada? Dá igual... Nada, absolutamente nada, explica esta barbarie, a dun acto que supón a violencia levada ao extremo.

Agora xa só queda esperar a que actúe a xustiza, unha xustiza que ás veces parece que se nos queda curta para casos como o de Moraña. Pero máis alá disto, a sociedade no seu conxunto e, de forma moi especial, as persoas que formamos parte das administracións e institucións públicas, partidos políticos e xustiza, debemos analizar o acontecido para evitar xa non só que unha barbaridade como esta vólvase producir, senón que a violencia machista deixe de ser dunha vez por todas unha constante no noso día a día.

Non me cansarei de pedir que a violencia que se exerce contra as mulleres e os seus fillos e fillas deixe de converterse nunha especie de "suceso" e pase a considerarse un problema de Estado

Por iso non me cansarei, non nos cansaremos, de pedir que a violencia que se exerce contra as mulleres e os seus fillos e fillas deixe de converterse nunha especie de "suceso" inevitable que ocupa unha parte do periódico ou informativo -ás veces de forma residual e outras, como esta, de forma máis que destacada- e pase a considerarse un problema de Estado. Xa non se trata unicamente de criticar, de esixir máis fondos, de pedir que se aplique e desenvolva a Lei Integral de 2004 contra a Violencia de Xénero. Xa non se trata só de reclamar políticas de prevención -comezando coas primeiras etapas da vida nos centros escolares-, de asistencia e protección ás vítimas. Trátase de construír, de articular todas estas demandas e de poñelas en marcha coa colaboración, asesoramento e participación de todos os axentes implicados.

Resulta agora, cando van neste ano 23 mulleres asasinadas e 4 nenos e nenas, máis necesario que nunca asumir esta eiva como o que, un asunto de Estado e o tratemos como tal para todos os efectos.

Elévase a 25 o número de mulleres asasinadas e a 6 o de nenos e nenas. Non hai palabras ... Só dúas. Basta Xa!

E mentres acabo de escribir esta reflexión, vólveme saltar o WhatsApp por partida dobre: "Un home mata os seus dous fillos e a súa muller a tiros e suicídase" e "Deteñen o marido dunha muller aparecida morta hai uns días en Serra (Valencia)". Elévase a 25 o número de mulleres asasinadas e a 6 o de nenos e nenas.

Non hai palabras ... Só dúas. Basta Xa!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.