Barquiños de papel con bandeira panameña

“A desolação é de um céu cinzento morto, aqui e ali arrepanhando-se em nuvens mais negras que o tom do céu”.(O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Leva uns días rebulindo nas redes un ilustrativo paradoxo, «Mira se é ancha Castela, que Soria chega ata Panamá». Mentres rimos coa brincadeira, tan atinada para aliviarnos o anoxo, ou para acougarnos cando temos ansia de berrar, a musa –ou o muso!- que inspirou a ocorrencia, un exministro de orixe canaria, que leva o apelido da terra á que lle cantou Machado, é aclamado coma un heroe polos seus correlixionarios, coa conivencia e presenza de dona Mª Dolores. Os patróns da marca España son así de ambidextros. Tan ben argallan unha manifestación en Valencia, a favor das corridas de touros, como arman unha algarabía en Madrid, para que non boten a un par de tarambainas de Gan Hernano, ou mesmo deciden nomear fillo predilecto do reino a un respectable evador de impostos.

Os ingleses son máis toleiráns. Maniféstanse para rifarlle ao seu primeiro ministro por cruzar o canal de Panamá, en compañía do rei dos tomates cereixa, incapaz de salvar as cachas, por non atopar as analíticas da súa conspicua candidez.

Pois iso. O tal das polainas e outros paxaros migratorios, teñen que aturar duros avatares da vida, mentres o ministro do ramo –de nome Cristóbal- anda atrás dos pensionistas da agraria, a ver se os trinca por declarar dez reais de menos, e para seguir fardando de sermos os campións do fraude fiscal, a pesar de apañarlle un mangado de euros a aquel compadre que traballara unha tempada de presidente. Algo é algo. Hai que ir mitigando o de Panamá, o de Andorra e o dos 6.600 millóns que veranean en Suiza. Porque, a fin de contas, estes exquisitos patriotas siguen pensando -coma Felipe II- que no seu reino nunca se pon o sol. Manda Güevos! (Con diérese, e con “Gue” maiúscula).

Ah! E nós, coitados de nós! –como diría o meu tío Lisardo- aquí seguimos, xemendo coma cans adoecidos, ou azacotando eucaliptos, para que Ence siga producindo toneladas de pasta, coa axudado exministro do guagua e coa venia dos nosos amados presidentes. Toneladas de pasta, que se acabarán convertendo en papel timbrado ou papel de barba, ou en billetes de quiñentos, cos que altos mandatarios, fulanos moi importantes e afamados mequetrefes matan o tempo, fabricando barquiños de papel, neste inmenso océano chamado globalización, que nos agasalla, cada cando, con delicias tan beneficiosas para a xente normal. Iso si, barquiños de papel con bandeira panameña, coma grandes mercantes, porque a súa sempre a reservan para apertarnos a gorxa aos que non compartimos o seu concepto de patria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.