Basim Khandaqji, Escritor Galego Universal: “Unha máscara da cor do ceo”

Basim Khandaqji ©

O contexto do nomeamento do Escritor Galego Universal

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji, escritor palestino, como Escritor Galego Universal en 2026, como mostra de admiración e profundo respecto pola súa persoa e polo traballo desenvolto na defensa da literatura e a dignidade nacional de Palestina

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji, escritor palestino, como Escritor Galego Universal en 2026, como mostra de admiración e profundo respecto pola súa persoa e polo traballo desenvolto na defensa da literatura e a dignidade nacional de Palestina. O acto de homenaxe terá lugar o sábado 9 de maio vindeiro no contexto da Cerimonia dos Premios Follas Novas 2026, organizados polas asociacións de editores, escritores e libreiros de Galicia.

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral, Lydia Cacho, Joseba Sarrionandia e Shahd Wadi.

Nado en 1983, Basim é Licenciado en Socioloxía, cun mestrado en Estudos Israelís pola Universidade Al-Quds (Abu Dis). A súa novela Unha máscara da cor do ceo foi galardoada co Premio Booker Internacional de Novela Árabe en 2024 Escribe poesía e máis narrativa1

Capa de 'Unha máscara da cor do ceo' Basim Khandaqji © Hoja de Lata

O acto de homenaxe terá lugar o sábado 9 de maio vindeiro no contexto da Cerimonia dos Premios Follas Novas 2026, organizados polas asociacións de editores, escritores e libreiros de Galicia

Aos 22 anos durante a Segunda Intifada (2000-2005), foi condenado a tres cadeas perpetuas como cómplice nun atentado suicida de novembro de 2004 nun mercado da cidade de Tel Aviv, no que morreron tres persoas. Segundo as forzas do Exército Israelí, Khandaqji, que era un estudante universitario nese momento, fabricou o chaleco usado no atentado, facilitou a entrada do terrorista suicida á cidade e financiou o atentado. Mentres que para o Consello de Dereitos Humanos da ONU, foi xulgado "indebidamente". Foi liberado en outubro de 2025, no marco do último acordo de intercambio de prisioneiros, tras 21 anos de cativerio e deportado a Exipto. 

A súa situación na cadea empeorara despois dos atentados de Hamás en outubro 2023. Até aí conseguía sacar os seus escritos por intermedio dun seu irmán, que o visitaba con regularidade. Mais despois a situación mudou a peor, poucas visitas e nada de escribir. 

Todo isto e a súa opinión sobre a súa escritura e sobre o futuro na zona, cóntao nunha entrevista ao diario arxentino La Nación, do que traduzo estes tres parágrafos como escolma das súas opinións: 

Nos últimos dous anos non puiden escribir, os carcereiros israelís quitáronnos todos os bolígrafos, os papeis, os cadernos e os libros. Así que tentei escribir unha novela na miña mente e creo que o logrei. Agora ao saír, centrareime nesa novela, que escribín sobre un amigo na cadea, sobre as relacións entre palestinos e israelís. 

A miña escritura non só trata de dereitos, é un acto de liberdade, é un acto de desafío, é un acto de existencia. E cando escoitei que me estaban traducindo a moitos idiomas do mundo, iso fíxome sentirme máis orgulloso de min mesmo. Iso fíxome pensar máis en como podo desafiar esta ocupación. 

Son tamén palabras súas as que falan do futuro e da non posibilidade da chamada ‘solución dos dous estados’: Mire, hoxe estou a falar dunha nova visión, dunha nova referencia ética entre os dous pobos. Esta referencia ética ou esta asemblea comeza cos comentarios entre os palestinos e todo aquel que é antirracista, antiocupación, antisionista. Hai moitos xudeus en todo o mundo que cren nisto e creo que con eles podemos facer algo xuntos. Pero agora mesmo non hai canles que poidamos abrir cos sionistas ou cos israelís que non cren na existencia do pobo palestino. E en canto á solución de dous Estados, non creo que esta visión sexa adecuada para a actualidade porque hoxe en día hai máis dun millón de colonos en Cisxordania: os colonos apodéranse de todas as terras máis importantes de Cisxordania e de Xerusalén Este. Entón, onde está este Estado palestino da fronteira de 1967? Onde está entón a visión? Dous estados non; un estado co democracia e liberdade para todos, xudeus e palestinos, en pé de igualdade.

Basim visitaranos pronto en Compostela, cidade de paz e de refuxio. Xa saben o día 9 de maio as 19:00 no Teatro Principal, na Gala Follas Novas.

Unha crónica da Palestina sometida 

Hai quen pense que os escritores son, ademais de notarios dunha terra e dun tempo, un reflexo da clase e da sociedade na que viven e do tempo que lles tocou vivir

Pensei que un pouco de contexto resultaba necesario para lles introducir esta novela ‘Una máscara del color del cielo’, que, doutro xeito talvez non tería chegado ás miñas mans. Agora que vai o visado para nos visitar (agora está inmobilizado en Exipto), a diplomacia cultural pide recibilo tendo lido algo da súa obra. Procurei en galego, mais non había nada publicado, como me indicaron dous dos meus libreiros de referencia e, daquela, decidinme a ler esta edición en castelán, lingua que tamén me resulta propia, pois nela fun educado e instruído en exclusividade até os dezasete anos da miña vida.

Hai quen pense que os escritores son, ademais de notarios dunha terra e dun tempo, un reflexo da clase e da sociedade na que viven e do tempo que lles tocou vivir. Dende a derrota árabe, o que eles chaman a Nakba (a guerra árabe-israelí de 1948, que fixou temporalmente as fronteiras do Estado de Israel, logo modificadas nas progresivas guerras), os cidadáns palestinos viven acantonados en ‘reservas’, e baixo unhas normas de convivencia que, salvando os detalles, están baixo a férula do sionismo do actual goberno de Israel na órbita ideolóxica do que foi o apartheid na Sudáfrica.

O autor comeza a novela relatando a vida miserábel nun campo de refuxiados en Ramala (Cisxordania2), de Nur, un rapaz palestino mais de fisionomía intercambiábel cun xudeu asquenazi, o que será un recurso central da novela. Nur mora na época actual na que transcorre a acción, co seu pai, heroe local encarcerado perante a Primeira Intifada (1987-1993), ensumido no presente nun ensimesmamento alienado. 

Nur obsesiónase coa deshumanización que sofren os palestinos na que fora a súa propia terra en Cisxordania, coa convivencia asimétrica cos xudeus, coas diferenzas de dereitos e liberdades

Nur obsesiónase coa deshumanización que sofren os palestinos na que fora a súa propia terra en Cisxordania, coa convivencia asimétrica cos xudeus, coas diferenzas de dereitos e liberdades. Nur soña con se converter en arqueólogo e continuar coas súas pescudas sobre a reconstrución histórica do papel de María Magdalena como discípula avantaxada de Xesús. O obxectivo último de Nur é o de contradicir as teses expresadas na novela O código da Vinci, de Dan Brown.

A casualidade quere que atope os papeis de identidade de Or Shaphiro, xudeu ashkenazi. Non dubida en se apropiar da personalidade de Or, pois a bioloxía dotouno dunha fisionomía ashkenazi. De feito os gardas xudeus nunca reparan nel e pode circular sen dificultade e pasar os controis, pois os controladores non dubidan en que el é realmente xudeu. 

Con ese recurso da suplantación de personalidade planease o conflito central, o nó da trama que non é outro que a dualidade Nur/Or, o palestino colonizado e o xudeu dominante, entre o sometido e represaliado e o cidadán libre con todos os dereitos democráticos. Esa dualidade/duplicidade ocasiónalle, como non podería ser doutro xeito unha debilidade, quer na súa comunidade, que ve o perigo que podería sufrir o ser descuberto e entre os xudeus que o aceptan mais que están a cuestionalo deseguida. Por sorte para Nur/Or coñece a lingua hebrea, que, xaora, fala cun marcado acento ashkenazi. 

Nesa ambivalencia entran en xogo as varias personaxes secundarias. Pola banda palestina, o xeque Nursi, lider sufí que o aconsella facéndolle ver as contradicións do seu comportamento de suplantación, do seu achegamento os xudeus, o seu amigo da Intifada, Murad, a quen lle envía regularmente cartas nas que lle dá conta da súa actividade e mais a moza Sama’, que comparte escavacións arqueolóxicas e que o fai acordar confrontándoo coas súas dúbidas éticas. Pola banda xudía, en particular unha moza, Ayala, que non deixa de sementar dúbidas sobre a súa estirpe branco-azul. 

A novela afonda tamén nas contradicións dos xudeus dos Kibbutz, o seu pretendido progresismo verbo da violencia cos palestinos. A novela presenta como conflito maior da trama a dualidade Nur/Or en continuo tirapuxa de vontades. Así, levado por unha vontade de investigar que non le deixa arfar, introdúcese na sociedade xudía a xeito de experimento sociolóxico

A novela afonda tamén nas contradicións dos xudeus dos Kibbutz, o seu pretendido progresismo verbo da violencia cos palestinos. 

A novela presenta como conflito maior da trama a dualidade Nur/Or en continuo tirapuxa de vontades. Así, levado por unha vontade de investigar que non le deixa arfar, introdúcese na sociedade xudía a xeito de experimento sociolóxico. 

Parece lóxico, nunha novela que fala dun tempo e un lugar moi precisos, co recurso constante ao significado e simbolismo da toponimia local. Certo que non é a primeira vez que me acontece, mais é a típica narración que require un mapa cunha explicación de onde está e que significa cada lugar, dende Xerusalén Este até a chaira de El Megido, que segundo entendín é o lugar reservado para o Armagedon, dende o Monte Carmelo até a beiramar de Galilea. Si, precisase dun mapa de Palestina, de Galilea, de Cisxordania, de Haifa e Xerusalén. O significado dos lugares é unhas veces bíblico e outras político.

E fala e explica o punto de vista do narrador sobre a historia de Palestina, dende a Nakba (derrota en 1948) até hai nada (en 2024 cando a novela foi escrita), pasando polas varias guerras e intifadas, ven0 pasar o Fondo Nacional Xudeu, o Hagadan e o Plugot Mahatz, o Eid-Al-Fitr (fin do Ramadán) e o Eid-Al-Adha (festa do sacrificio), a Naksa (a derrota na Guerra dos seis días), o Zikr (práctica sufí de meditación), a hora do As Suhũr ou Zahora (comida antes do amencer, no mes de xaxún do Ramadán), o Tarawik (oracións voluntarias no Ramadán), a Primeira Intifada (1987-1993), a Segunda Intifada (2000-2005), o Iftar (rotura diaria do Ramadán), o libro cunha cita de Mahmoud Darwish... de xeito que un vai percorrendo a cultura e as tradicións palestinas, en particular aquelas ligadas á relixión.

Conclusión

Como conclusión damos aquí noticia do caso de Basim Khandaqji, escritor da Cisxordania, liberado das cadeas israelís despois de 21 anos de cativerio. Un escritor que soubo expresar nesta novela “La máscara del color del cielo”, a realidade de sometemento do pobo palestino baixo a férula de Israel, así como as diferenzas en dereitos e liberdades no mesmo territorio, dependendo de en que comunidade che teña tocado nacer. O libro, como quedou dito é de lectura interesante pola información que aporta sobre o conflito dende o punto de vista palestino, así como presenta un interesante análise das contradicións individuais e colectivas no seo das dúas comunidades asimetricamente confrontadas.

 

Notas

1 A súa obra escrita está conformada polos seguintes libros:

- Rituais da primeira amargura (poemas), Dar Al-Arabiya Lil-Ulum, Beirut.

- Alentos: poema nocturno, Dar Al-Arabiya Lil-Ulum, Beirut.

- Novela Almiscre da suficiencia: biografía da señora das sombras libres Dar Al-Arabiya Lil-Ulum, Beirut.

- Novela Narciso da soidade; Al-Maktaba Al-Sha‘biyya, Palestina.

- Novela O eclipse de Badr al-Din, Dar Al-Adab, Beirut.

- Novela Alentos dunha muller derrotada; Dar Al-Ahliyya, Ammán.

- Novela Unha máscara da cor do ceo / Dar Al-Adab, Beirut.

- Novela O gardián do Holocausto / Dar Al-Adab, Beirut.

2 A denominación das Nacións Unidas para os territorios palestinos, non deixa de indicar a fragmentación do país e o seu carácter de ‘non estado’. O territorio palestino denomínase ‘the Gaza Strip and the Occupied West Bank, including East Jerusalem’ (a Franxa de Gaza e os territorios ocupados da banda Oeste, incluíndo Xerusalén Este). Na nosa lingua fálase de Cisxordania (de este lado de Xordania), para definir o que na denominación oficial é West Bank, por ser a orela do río Xordán, de fondas resonancias bíblicas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.