Do pasado non lonxano da Galiza rural conservamos múltiples manifestacións dunha cultura que non debera sernos allea, máis que nada porque aínda é útil. Unha delas é a infraestrutura das traídas veciñais, xa que permite que persoas e animais dispoñan de auga corrente
Do pasado non lonxano da Galiza rural conservamos múltiples manifestacións dunha cultura que non debera sernos allea, máis que nada porque aínda é útil. Unha delas é a infraestrutura das traídas veciñais, xa que permite que persoas e animais dispoñan de auga corrente. Para as que me coñecen saben ben que sempre poño por diante o lugar de onde veño, a aldea na que nacín. E nestes días ando aqueloutrado porque a xente de meu acaba de atoparse cun problema precisamente coa auga dunha traída veciñal. Un problema que, dito sexa de paso, albiscábase no horizonte, pois décadas de lexislación forestal nunca o tiveron en conta: Resumido en poucas palabras, unha plantación forestal foi situarse practicamente enriba dos mananciais, ameazando a cantidade e calidade da auga da que a veciñanza se serve para beber e para cubrir outras necesidades vitais.
A cousa tenvos sustancia para un bo caldo. Se ter realizado unha plantación con eucalipto sen respectar distancias a leiras lindeiras e facela despois da moratoria das plantacións xa lle chega ben, que a plantación a teña feito a Igrexa Católica, chegando mesmo a situala enriba dos lindeiros e nos vieiros que daban acceso ao monte, tan só merece unha cualificación: usura.
Unha plantación forestal foi situarse practicamente enriba dos mananciais, ameazando a cantidade e calidade da auga da que a veciñanza se serve para beber e para cubrir outras necesidades vitais
Porque, á vista deste comportamento, a tan alta e espiritual empresa que din representar ten ben pouco de celestial e moito de terreal; ou máis ben crematístico, que se diría en economía política. Quen non corre, voa. Se o negocio está no eucalipto, velaquí a Católica institución que, non conforme con aforrar o imposto de bens inmobles, obter beneficios fiscais e outras deducións concordadas, pretende sumarse tamén á extracción do pecuniario rendemento dos montes. E se para iso hai que saltar algunha norma ou deixar a un barrio sen auga potable, pois déixase.
Porén os contos hai que contalos completos, ou senón non se contan. Así que, exposta a situación, toca tamén dicir que a veciñanza do barrio do Burgo, en Oirán, no concello de Mondoñedo, é honrada e mantense moi fiel a esa cristiá forma de resolver os problemas que é, primeiramente, avisar deles. E como tal, procedeuse. A Igrexa foi previda da situación, expoñéndoselle verbalmente e de forma razoable que era preciso afastar a nova plantación das fontes polo risco que supuñan. A veciñanza aceptou ter unha xuntanza co representante do episcopado mindoniense e procurar pacífico e frutuoso acordo en aras de manter a cordialidade que caracterizou as relacións históricas, mesmo en tempos nos que Católica institución atentou ben contra os dereitos das persoas que pensaban distinto.
Se o negocio está no eucalipto, velaquí a Católica institución que, non conforme con aforrar o imposto de bens inmobles, obter beneficios fiscais e outras deducións concordadas, pretende sumarse tamén á extracción do pecuniario rendemento dos montes
Pero, nin con esas a Igrexa tiña pensado soltar a mordida. Así que, chegado o día, o representante, emulando prácticas máis propias doutras épocas, esixiu, en contrapartida, un troco. Isto é, a parroquia aportaba un anaco de superficie semellante noutra zona e a Igrexa entregaba o anaco de monte plantado de eucaliptos.
Traducido ao galego de todos os días: Un veciño dunha aldea calquera que ten un monte pegado a unha casa non pode legalmente chegar plantando arbores a menos de 15 metros do lindeiro da finca. E 50 metros se son eucaliptos. Isto non significa que quen posúe a casa deba outorgarlle terreo en troques noutro lugar, senón que, simplemente, o propietario do monte ten que respectar a lei e deixar sen plantar esa superficie. Pero, a Curia católica, nunha caste de interpretación á calabresa (desa que temos aprendido nos filmes americanos), pretende que a veciñanza lle compense o que a lei (a Lei) non lle permite.
A Curia católica, nunha caste de interpretación á calabresa (desa que temos aprendido nos filmes americanos), pretende que a veciñanza lle compense o que a lei (a Lei) non lle permite
Pero non marche aínda, estimado leitor, que o relato non rematou: Tanto a dita parcela de monte, lindeira cos mananciais, como outras que a día de hoxe a magna curia Católica di posuír na parroquia, son froito dunha cesión outorgada no seu día pola veciñanza para o desfrute do cura párroco que vivía na reitoral e precisaba un algo de terra (eran outros tempos). Ao sinalarlle o feito ao representante eclesiástico durante a xuntanza, talmente como perseguido por aquel demo-porco, tan ben relatado no conto popular, marchou a fume de carozo sen tan sequera despedirse.
Para quen estivemos algunha vez nunha negociación, sabemos bastante ben que quere dicir isto: Nin acordo nin vontade de chegar a el.
Así que, non queda outra que agarrar a tixola polo mango e, aínda a risco de queimarse, tomar as medidas que a xustiza (estea ou non escrita) demanda. Polo de pronto as veciñas e veciños do barrio deixaron de acudir aos oficios relixiosos. Algunhas con grande dor porque, pese ás reviravoltas da Igrexa, seguen a pensar no alén das que xa marcharon e, ben sexa pola oración ou ben sexa pola presenza, procuran a memoria e o agarimo do único xeito que lles aprenderon.
A veciñanza, encomendáronse ao espírito que en pasados tempos os fixo fortes diante doutras inxustizas; o mesmo que invocamos nas misas civís as que non imos ás relixiosas, a Unidade. E con ela loitarán, abofé, pola auga
Así que a veciñanza do barrio do Burgo, en Oirán, encomendáronse ao espírito que en pasados tempos os fixo fortes diante doutras inxustizas; o mesmo que invocamos nas misas civís as que non imos ás relixiosas, a Unidade. E con ela loitarán, abofé, pola auga. Son xente maior e cada vez son menos pero aínda manteñen, intacta, a dignidade. Arroupados con ela, con esas poucas pero tan enormes ferramentas que teñen, encaran hoxe a batalla.
Porque, hai algo máis miserable que ameazar a auga da xente para sacar unhas poucas ducias de euros dentro de 20 anos?
Se estades de acordo, benvidas sexades todas, porque daquela esta loita non está perdida.