Bendito escrache

É evidente que aquí o máis próximo aos nazis estivo no franquismo e dende a súa fundación o que haxa de franquismo está practicamente todo no seu partido

Que non, que non ten razón Cospedal. É evidente que aquí o máis próximo aos nazis estivo no franquismo e dende a súa fundación o que haxa de franquismo está practicamente todo no seu partido. Polo tanto, que a secretaria do PP chame “nazis” ás persoas que se enfrontan ás súas políticas é disparatar, dicilo todo ao revés. Se non fose porque o fai conscientemente para calumniar a Plataforma contra os desafiuzamentos, sería cómico que os herdeiros políticos do franquismo os acusen de franquistas.

Naturalmente, ela sabe que di un disparate, pero dálles igual precisamente porque a mentira é parte fundamental da cultura política do franquismo, así que mentir resúltalles normal. E comprobaron que é impune, non lles supón custos penais nin tampouco electorais. Da impunidade é do que se trata. Houbo algún ministro de Goberno socialista que dimitiu por saír nunha foto de cazaría, pero é evidente que os ministros e ministras desta dereita por barbaridades que fagan rin de todo e, doutra banda, considéranse intocables por pertencer a unha elite social.

Non é ningunha bobada iso que din de “a xente normal”, “a xente como Deus manda”, “as persoas normais”... Realmente pensan así, e así se refiren a si mesmos: consideran que son dunha raza aparte

Non é ningunha bobada iso que din de “a xente normal”, “a xente como Deus manda”, “as persoas normais”... Realmente pensan así, e así se refiren a si mesmos: consideran que son dunha raza aparte. Unha raza á que non lle pega a policía nin a acusa o fiscal; iso é para a chusma. A xente desa raza si pode perseguir até a casa dos seus pais no seu pobo a unha ministra que preparou a lei de interrupción do embarazo vixente, ou berrarlle ás mulleres que ingresan nunha clínica para facer algo tan penoso en varios sentidos como é abortar. Pero non pode estar exposta, en cambio, a que lles berren á porta do Congreso. Por iso blindárono á xente, ou no seu domicilio. E entón chámanlles “nazis” a quen protestan, a quen, pecado, os sinalan co dedo.

A impunidade dos profesionais da política en xeral en España vese favorecida pola separación da sociedade. Aquí os deputados non teñen que darlles explicacións á sociedade da súa actividade ou falta dela

A impunidade dos profesionais da política en xeral en España vese favorecida pola separación da sociedade. Aquí os deputados non teñen que darlles explicacións á sociedade da súa actividade ou falta dela, do que votan no Congreso. Até poden votar contra os intereses dos veciños da provincia onde foron elixidos sen que os afectados reparen sequera niso e sen que, até agora, os fosen molestar con esas protestas tan incómodas (protestas propias de “nazis”).

Os deputados funcionan basicamente como meros autómatas que asenten á directriz do seu partido, na práctica carecen de responsabilidades persoais e non senten nin o deber de atender os votantes que os elixiron nin tampouco senten nunca a súa presenza. É por iso polo que os escraches os perturban especialmente, porque cambian as regras coas que xogaron até agora os partidos que administraron o poder. E perturban desde Felipe González a Cospedal.

É por iso polo que os escraches os perturban especialmente, porque cambian as regras coas que xogaron até agora os partidos que administraron o poder

Pero non, non ten razón Cospedal en ningún sentido. Os nazis non ían defender os domicilios dos perseguidos cando querían botalos, como fai a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, senón que o que fixeron foi botar dos seus traballos e desafiuzar das súas casas, e logo liquidar, a xente que consideraban de raza inferior.

Non quero dicir eu tamén unha desas enormidades como chamar nazis a quen desafiúzan, non todos van ser nazis, hai moitas formas distintas de maldade. Hai formas de maldade que se pretenden exquisitas e eximias, como o nazismo, e hai outras formas de maldade que nacen da mera mesquindade e vulgaridade. E dunha mediocridade asombrosa son os dirixentes desta dereita de Rajoy.

Son tantos os danos co fanatismo de Aznar como co baleiro político de Rajoy, pois as súas políticas son igualmente destrutoras, sexan políticas sociais, económicas ou do medio ambiente

Non o digo con nostalxia en absoluto, pero en Aznar había un afán ideolóxico, un certo fanatismo e mesianismo que buscaba elevarse na historia, con h maiúscula, mentres que este Goberno é asombroso pola súa falta de liderado. Con todo, son tantos os danos co fanatismo de Aznar como co baleiro político de Rajoy, pois as súas políticas son igualmente destrutoras, sexan políticas sociais, económicas ou do medio ambiente (a nova lei de Costas é empezar a inchar unha nova burbulla inmobiliaria).

Son temibles polo dano que fan; que disparate e que incapacidade para gobernar democraticamente e aceptar as regras da democracia. Pero todos os defectos da vulgaridade van acompañados dos do elitismo inhumano: resulta marabilloso que se comparen coas familias desafiuzadas. Que comparen que os sinalen con perdelo todo e ser arroxados á rúa. Esa comparación é monstruosa, esa monstruosidade demostra o temor de quen se parapetan tras policías e fiscais e de quen se agachan tras pantallas de plasma.

A rexeneración desta democracia nacerá, precisamente, dos escrachadores

O escrache que practica a Plataforma, ademais de ser unha forma de protesta lexítima por unha inxustiza tan grave como evitable, é unha corrección en toda regra dunha democracia que cada día cheira peor e que, desde a súa orixe, quixo que non existise cidadanía e fósemos meros votantes que acoden resignadamente ás urnas cando se lles chama. A rexeneración desta democracia nacerá, precisamente, dos escrachadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.