Benestar escolar en Galicia: protección real ou “parche” burocrático?

Celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz © ICV

O informe da ONG de infancia e educación, Educo Máis alá do papel analiza as eivas, debilidades e fortalezas da figura do Coordinador ou Coordinadora de Benestar e Protección (CBP)

A semana pasada celebrábase o Día Escolar da Non Violencia e da Paz, un día que adoita encherse de actos simbólicos, pombas brancas e mensaxes de boa vontade. Con todo, sen restarlle valor a estas celebracións, a realidade dos centros educativos galegos esixe algo máis ca símbolos: precisa estrutura, recursos e compromiso. Nesta liña, o informe da ONG de infancia e educación, Educo Máis alá do papel analiza as eivas, debilidades e fortalezas da figura do Coordinador ou Coordinadora de Benestar e Protección (CBP), unha figura recoñecida pola Ley Orgánica 8/2021 de Protección Integral á Infancia e Adolescencia fronte a violencia, que, sen un despregue sólido, corre o risco de converterse nun trámite administrativo máis.

Galicia, como outras comunidades autónomas, avanzou na implantación desta figura, pero segue tendo marxe de mellora en canto a distintos puntos. Por exemplo a dispoñibilidade horaria para exercer este rol, a día de hoxe non está garantida, depende da dirección do centro e non pode superar dúas sesións lectivas e dúas complementarias. Aínda que a normativa así o recolle, non sempre se garante e adoita a ser escasa para un abano de funcións tan amplo.

 

Un rol imprescindible… pero sobrecargado

Queremos escolas seguras, pero delegamos esa seguridade nunha figura á que non sempre lle ofrecemos as condicións mínimas para exercela

Unha das principais conclusións do informe é a excesiva complexidade das funcións atribuídas ao Coordinador/a de Benestar e Protección e a falta de formación adecuada para desenvolvelas. Pídese que sexa experto en prevención da violencia, referencia emocional, mediador, garante de privacidade e mesmo impulsor de hábitos de vida saudable. E todo isto, a miúdo, sen unha liberación horaria clara nin unha formación específica.

Esta situación tamén se reproduce en Galicia: profesorado xa saturado ve como se lle engade unha responsabilidade de enorme peso, esperando que detecte e acompañe casos de desprotección nos seus escasos tempos libres. É unha contradición evidente: queremos escolas seguras, pero delegamos esa seguridade nunha figura á que non sempre lle ofrecemos as condicións mínimas para exercela.

A protección da infancia non pode ser unha actividade residual nin un complemento do quefacer docente. En Educo, organización con más de trinta anos de experiencia en favor dos dereitos da infancia sabemos que a protección debe estar no centro da vida educativa. 

 

Un perfil sen definir e un sistema que non sempre acompaña

O informe de Educo subliña a necesidade urxente de estándares mínimos, itinerarios formativos progresivos e unha rede de apoio real para que este profesional non quede só fronte a casos complexos. Sen un sistema que arrope, a figura perde impacto

O informe de Educo subliña a necesidade urxente de estándares mínimos, itinerarios formativos progresivos e unha rede de apoio real para que este profesional non quede só fronte a casos complexos. Sen un sistema que arrope, a figura perde impacto.

Para que os centros educativos galegos sexan espazos realmente seguros, hai que asumir tres premisas fundamentais: o tempo é un recurso clave, sen horas liberadas é imposible realizar observacións, seguimentos ou intervencións de calidade moito menos traballar na prevención de maneira activa. A formación é unha inversión estratéxica.
Debe ser continua, rigorosa e accesible a toda a comunidade educativa. Non chega con pequenas accións puntuais ou grandes congresos con contidos xenéricos e afastados da práctica: cómpre un itinerario claro e unha oferta formativa con distintos itinerarios segundo o nivel de responsabilidade.

 

Ir máis alá do papel: un cambio cultural necesario

O reto non é só técnico, tamén é cultural. Non chega con introducir novas figuras se a cultura institucional que as rodea segue sendo fragmentada ou burocrática. A protección non pode depender dunha única persoa: necesita dun enfoque integral, onde todo o centro —dirección, profesorado, servizos de orientación, familias e alumnado— traballe nunha dirección común en estruturas coordinadas.

E isto lévanos a outro elemento fundamental: escoitar á infancia e á adolescencia galega. Non poden ser só destinatarias da protección: deben formar parte da súa construción. A súa voz é clave para detectar dinámicas, identificar riscos e propor solucións.

Unha oportunidade de mellora real

Non chega con que o alumnado luza un símbolo de paz un día ao ano: necesitamos que todos os días haxa alguén con tempo, ferramentas e respaldo suficiente para garantir que esa paz é real en cada aula

A próxima actualización da LOPIVI supón unha oportunidade importante para reforzar o sistema de protección e para avanzar cara a un modelo máis sólido, máis claro e máis efectivo. Non chega con que o alumnado luza un símbolo de paz un día ao ano: necesitamos que todos os días haxa alguén con tempo, ferramentas e respaldo suficiente para garantir que esa paz é real en cada aula.

Se algo revela o informe Más allá del papel é que, cando falamos de benestar escolar, non estamos discutindo un detalle técnico: estamos falando do dereito fundamental dos nenos e nenas a crecer sen violencia. E cando ese dereito depende da voluntariedade, da sobrecarga ou da improvisación, o sistema falla. Non porque a figura do CByP non sexa necesaria —que o é, e moito—, senón porque unha ferramenta útil sen estrutura pode quedar en papel mollado.

Outra cuestión que non podemos pasar por alto é a falta de avaliación real. Hoxe non temos datos autonómicos sistemáticos sobre o impacto da figura, nin indicadores compartidos nin mecanismos públicos de transparencia. Cada centro e cada comunidade “fai o que pode”, pero non sabemos con certeza que funciona e que non. Sen avaliación, a política pública transfórmase en intuición, e a protección da infancia non pode depender de intuicións.

O benestar escolar non se constrúe con símbolos nin con trámites, senón con estruturas, recursos e vontade de facer que as leis se convertan en realidade. Os centros poden e queren facer máis, pero non poden facelo sós. A infancia tampouco debería

Ademais, esta figura non debería ser vista como unha illa. Sen un sistema de derivación estable, sen servizos sociais, sen profesionais de saúde mental accesibles e sen ratio adecuada de orientadores, o coordinador non cumprirá o seu obxectivo. Calquera docente pode contar cantas veces detectou un caso e despois quedou atascado na burocracia ou nunha lista de espera interminable. Non é que non funcione: é que, sen un ecosistema arredor, non pode funcionar.

Por último, é importante subliñar que profesionalizar esta figura non é un luxo, é unha obriga ética. Outros países europeos avanzaron xa cara a modelos máis especializados, con equipos estables e perfís técnico-educativos reforzados. España ten a oportunidade de facelo agora coa revisión da LOPIVI. Se o fai, estará apostando por unha política de protección que transcenda os ciclos políticos; se non, condenará a figura a unha existencia intermitente, dependente da boa vontade local.

O benestar escolar non se constrúe con símbolos nin con trámites, senón con estruturas, recursos e vontade de facer que as leis se convertan en realidade. Os centros poden e queren facer máis, pero non poden facelo sós. A infancia tampouco debería.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.