Biba a cultura!

Como tomarían vostedes que unha concelleira de Cultura dunha cidade nun país desenvolvido comparase as touradas co Teatro e a Danza? Agora, imaxinen que fai estas declaracións durante a presentación perante os medios de comunicación das actividades con motivo do Día Internacional da Danza. A min pareceríame un insulto se formara parte dese colectivo, o dos toureiros non, o dos outros. Equiparar os matarifes hipersubsidiados cos profesionais da verdadeira creación cultural é como pouco un erro garrafal. Como asubiar un penalti no medio do terreo de xogo.

Nos últimos meses ten acontecido na Coruña unha auténtica revolución social contra a celebración de festexos taurinos subsidiados

Isto ocorreu de verdade, non, non é unha nova de El Mundo Today, e tivo lugar o pasado 25 de Abril na Coruña, onde a autora desta fabulosa comparativa é Ana Fernández.

Nos últimos meses ten acontecido na Coruña unha auténtica revolución social contra a celebración de festexos taurinos subsidiados, a pesares de que o Concello, gobernado polo Partido Popular fixera demagoxia de alta alcurnia, sacando do peto un novo contrato de explotación que subsidiará de xeito indirecto as touradas. Agora nin tan sequera saberemos canto diñeiro se dedica a matar animais, nin canto custará exactamente o servizo público de ceder, engalanar, adaptar, e demais traballos no Coliseum, porque a fin de contas, as touradas van a conta nosa.

Agora nin tan sequera saberemos canto diñeiro se dedica a matar animais, nin canto custará exactamente o servizo público de ceder, engalanar, adaptar, e demais traballos no Coliseum

Paradoxo tamén parece que os concelleiros encargados de aprobar o contrato de explotación e o uso de cartos públicos para mutilar e matar seres vivos como espectáculo artístico-tradicional sexan precisamente o edil de Servizos Sociais e o edil de Educación e Deportes, ademais da coñecida titular do departamento de Cultura do Concello, e doutros funcionarios, algún nomeado taurino da cidade. Con tres días de festexos alguén se pode considerar taurino na Coruña? Sempre pensei que para considerarse aficionado a algo ou a alguén como mínimo habería que ter certa continuidade na suposta afección, pero ter 3 horas de touradas ao ano non me parece como para crear peñas taurinas. Aínda que pode que a dependencia do diñeiro público, no caso da peña taurina de La Coru, sexa a súa razón de existir.

Pode que a dependencia do diñeiro público, no caso da peña taurina de La Coru, sexa a súa razón de existir

Por suposto a Banda Municipal de Música actuará gratuitamente para o empresario taurino e todos os seres humanos que desexen contemplar a morte escenificada e cruenta dun bóvido. Porque hai que apoiar a cultura, supoño… e nos pagamos o desprazamento, as dietas, os soldos, todo por apoiar a tauromaquia. Aínda que despois vaian uns poucos e parte deles coas invitacións, que por suposto, tamén regalamos nós.

Se queren touradas que llas pague El Corte Inglés ou GADISA, porque eu négome.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.