Biblioteca

Interior dunha biblioteca municipal © Concello de Monforte

De visita a unha vila de novo, procuro incluír algunha biblioteca pública. O seu porte, o seu contido, o número de usuarios, a súa dedicación á lectura, o xeito no que observan silencio, son non só datos a valorar para calibrar aspectos da cidadanía e a cidade, senón tamén, desfrute das peculiaridades observadas a través dunha certa integración nun mundo que nos é común

Teño libros na casa. Iso non quita para que non visite a biblioteca pública cunha certa asiduidade. Noutro momento, máis na procura de títulos. Agora, máis ben, na procura de datos, feitos, ideas… e si, tamén libros. E xente coa que comparto algunha das actividades que na biblioteca se realizan.

De visita a unha vila de novo, procuro incluír algunha biblioteca pública. O seu porte, o seu contido, o número de usuarios, a súa dedicación á lectura, o xeito no que observan silencio, son non só datos a valorar para calibrar aspectos da cidadanía e a cidade, senón tamén, desfrute das peculiaridades observadas a través dunha certa integración nun mundo que nos é común.

A biblioteca de Vilalba, da que a piques estiven de ser bibliotecario (esa é outra historia) marcou para min o acceso á diversidade lectora, enriquecendo as miñas posibilidades. Tamén marcou momentos da miña vida que moitos anos despois rememoro con agrado.

Naturalmente, escribindo dende Ribadeo, caso aparte merece a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, quizais non na que teña pasado máis tempo, pero si a que máis levo aproveitado

A biblioteca santiaguesa dos amigos do país deixou a pegada doutras liñas de desenvolvemento nos curtos tempos que pasei por alí. Os fondos, maiores e máis variados, ou o vello edificio onde se albergaba, axudaron a clarificar que se as bibliotecas tentan recoller mundos, tamén son mundos de por si.

De aí, a gozar da non tan pequena biblioteca da Veiga, o paso da vella á nova (polo edificio) de tapia de Casariego, coa lembranza das cousas positivasañoranza do vello, as dispares bibliotecas provinciais de Lugo e vella de Ourense, as chamativas -ao menos para min- de Vilanova de Cerveira ou Aveiro, as grandes bibliotecas de cidades como Valencia o Valladoid, as concibidas con outra mentalidade como a de Bregenz, as pequenas bibliotecas en centros sociais das aldeas galegas, a pequena pero independente da Getaria francesa, os bibliobuses itinerantes, son todo un ecosistema non só de cultura, senón tamén de humanidade.

Naturalmente, escribindo dende Ribadeo, caso aparte merece a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, quizais non na que teña pasado máis tempo, pero si a que máis levo aproveitado. Particular no seu vetusto edificio, tamén a que máis levo recomendado. Cando no seu 50 aniversario editouse un pequeno libro -sen D.L., sen ISBN- non foron as súas páxinas tanto un descubrimento como un redescubrimento de cousas que nunha biblioteca coma esta intúense por transpiración, sen por iso dar por sentadas.

Unha biblioteca é das cousas que non se valora ben ata que non se ten. Pero despois, xa é tarde

Bibliotecas. Un mundo que parece destinado a ser estrangulado polos medios dixitais e por imperativos económicos e dun sistema non aliñados con elas. Non quero saber a cantidade de bibliotecas que, despois de ser abertas e mantidas con sacrificio por diversas entidades, teñen pechado as súas portas ou restrinxen o seu acceso de xeito que parecen privadas. Os libros necesitan a máis de lugar, coidados, orde… e a atención costa. E, mentres nas casas pasouse de non haber libros a ter mercado enciclopedias para adorno, mentres que se pasou de non ler a ler de pasada nunha pantalla móbil, o repouso das ateigadas bibliotecas é minusvalorado, a súa pausa mesmo enerva, no camiño da perda de consideración e da indiferenza.

Unha biblioteca é das cousas que non se valora ben ata que non se ten. Pero despois, xa é tarde.

BPM El Viejo Pancho © Antonio Gregorio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.