Bipartidismo e deputacións

Semella que Rueda non percibiu ou non quere percibir, mais PP, PSOE e a Federación Española de Municipios e Provincias teñen aquelada xa unha nova Lei básica local, coas excepcións que cumpran a respecto de Euskadi e Navarra e mesmo de Catalunya, que goza en virtude do seu novo Estatuto da plenitude competencial no eido local. Nós tamén poderíamos tela, evitando o dano que nos vai xerar a reforma local que nos ven enriba, se Feijóo tivese sido abondo patriota para aprobar, a primeiros do 2007, o novo Estatuto que os tres grandes partidos de entón tiñan pactado no Parlamento.

Velaí ven a extrema potenciación das Deputacións, que asumirán os servizos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes

Ben, Deus nos libre dun xa foi. Pero velaí ven a extrema potenciación das Deputacións, que asumirán os servizos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Xa que logo, impediráselles aos pequenos concellos desenvolver políticas propias en  benestar social, para unificar dende o nivel estatal  (vía provincias) a xestión e prestación dos servizos, mesmo a colaboración e participación privada nos mesmos. Teremos máis centralización da contratación pública local nas Deputacións, menos autonomía municipal e menos calidade na prestación dos servizos

Cara á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións

Cara á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións. E marcando o proxecto político-territorial do PP, que tentaría reconducir o autogoberno galego a unha caste de Mancomunidade de Deputacións. Proxecto que sería común a todos os territorios do Estado, agás Euskadi, Catalunya, Navarra e as Illas Baleares e Canarias.

A potenciación das Deputacións multiplica os riscos de corrupción, afasta a xestión da cidadanía e garante que a burocracia bipartidista (PP-PSOE) sigan a gozar de milleiros de cargos inútiles. Mais o que resulta verdadeiramente grave é a inacción do PPdeG e do PSdeG (se é que aínda se lles pode alcumar con esas siglas) diante dunha das peores agresións ao autogoberno galego, á autonomía local e á extensión e calidade dos servizos públicos desde que aprobaron o Estatuto deste País.


A arrincadeira: O alcalde compostelán ha dimitir

A xestión municipal do PP compostelán está a fanar moi gravemente o prestixio desa capital tan  universal. A imputación atinxe ao núcleo esencial da contratación administrativa municipal. Xa que logo, sen prexuízo da presunción da súa inocencia no ámbito xurídico-penal, Currás ha dimitir,

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.