Black PP

Ao ritmo que van a UDEF, Facenda e os xuíces, en nada descubriremos que o raro no PP debía de ser pagar en branco, con factura e mediante transferencia bancaria. No Partido Popular parece que había querenza por facer os negocios como se fixeron sempre en España entre a xente de orde: en man, coa pasta en billetes pequenos e sen correlación entre os números. É o que cabía esperar dun partido conservador. Que conserve as tradicións que nos fixeron como somos. O país coa maior fraude fiscal e a economía mergullada máis grande da zona euro.

O diñeiro negro en política ofrece moitas vantaxes. O adiñeirado doante pode seguir facéndose o estreito e dicir que non se mete en política porque o único que quere é a paz mundial. O agradecido partido pode gastar canto necesite nas súas campañas e devolverlle o investimento ao doante en diñeiro e obras públicas. O líder pode darnos a todos leccións de austeridade e dicir que está en política por vocación, porque el xa viña comido.

Reúne tantas vantaxes que ningún Goberno fixo nada en serio xamais contra a economía mergullada e a fraude fiscal, que nos custa a todos trinta mil millóns de euros cada ano

Reúne tantas vantaxes que ningún Goberno fixo nada en serio xamais contra a economía mergullada e a fraude fiscal, que nos custa a todos trinta mil millóns de euros cada ano. Sen economía mergullada e sen fraude, non hai nin diñeiro negro para a política, nin maneira de gastalo. Por iso en España "transparencia" significa rexoubar as declaracións da renda dos políticos e facerse os castos prohibindo as doazóns, mentres noutras partes significa saber quen lle dá cartos a quen, canto e para que.

Se anda vostede entre quen esperan unha reacción no PP ou en Mariano Rajoy, ánimo. Non desespere. Pero sexa realista. Estalles vostede pedindo que se fagan o haraquiri e para iso hai que ser samurai. A corrupción non chegou con Aznar e marchou con Rajoy. O presidente Rajoy foi todo o que se podía ser no black PP, á parte de ser Aznar; a actual dirección popular e a maior parte do Goberno, tamén. O único que poden facer é marchar. Por iso non farán nada mentres poidan evitalo.

Rajoy ten un plan. Está convencido de que, no fondo, á xente isto da corrupción dálle igual e só lle importa cando a economía vai mal. Cando as cousas van ben, a case ninguén lle preocupa

Pero tranquilos. Rajoy ten un plan. Está convencido de que, no fondo, á xente isto da corrupción dálle igual e só lle importa cando a economía vai mal. Cando as cousas van ben, a case ninguén lle preocupa. Hai que aguantar e falar pouco do tema. Se prenden as "raíces vigorosas" da recuperación, xa non haberá problema... A historia, de momento, non lle quita a razón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.