Bonapartismo

'Os piares da sociedade', de George Grosz Dominio Público

Certamente unha mínima aproximación á obra de Karl Marx chega para darse conta da súa enorme capacidade intelectual e compromiso político, ademais da profundidade intelectual do seu pensamento. Este famoso filósofo alemán consagrou a súa vida a somerxerse no coñecemento da realidade material, co fin de así poder elaborar un pensamento que a transformase de xeito revolucionario. Foi discípulo de Feuerbach e desde xoven deixou claro as súas intencións, afirmando: “Os filósofos só teñen interpretado o mundo de distintas maneiras, tratase de cambialo”. Esta transformación non tiña outro propósito que o de pensar nun mundo diferente, rexido pola máxima racional e materialista que fixese que quen traballaba e producía fose o único beneficiario e xestor dese mesmo traballo, eliminando á clase usureira, cuxa dominación sobre os traballadores a parte de inxusta era ineficaz. Principalmente foi un estudoso da economía, pero sen esquecer a filosofía, o que ó mesmo tempo o levou a ter unha concepción histórica certamente pioneira, tal como veremos neste resumo. Neste sentido vemos como Marx en ningún momento se esquece nin marxina ningún campo do saber, aínda que guiado polo materialismo lle dea maior importancia ós feitos económicos, desmontándose así a tese anticomunista de que o pensador alemán pecaba de reducionista e determinista nas súas teses. 

Nesta ocasión centrarémonos no aspecto histórico da súa obra, sendo no meu parecer unha das chaves fundamentais sen a cal o entendemento da contemporaneidade non é posible. Este será a súa teoría sobre o bonapartismo, plasmada na súa obra El dieciocho Brumario de Luis Bonaparte. Marx pon o foco no golpe de estado que levaría ó futuro Napoleón III ó poder, analizando as causas deste proceso e a súa significación histórica. Na parte inicial da obra exponse o contexto histórico, diseccionándose as diferentes partes e os intereses profundos que están detrás de cada axente do golpe de estado. Nesta ocasión non nos deteremos nestes pormenores cronísticos e de carácter estrutural, xa que non é a miña intención introducirme na historia contemporánea de Francia, interesándome máis amosar como o fenómeno do bonapartismo se asemella moito ó xénese do que posteriormente será o contexto e o accionar dos movementos prefascistas e reaccionarios corporativistas. Polo tanto, quen sexa incapaz de entender a evolución dos estados como un fenómeno en constante interrelación con sucesos estruturais e vinculados con outros Estados, lamento comunicarlle que o concepto de bonapartismo é totalmente contrario a esa visión da historia baseada en países burbulla. 

Tal como Marx nos explica na obra, Napoleón oporíase ós realistas partidarios do Antigo Réxime por obsoletos e inoperantes (non por contrarios á esencia da súa ditadura), de aí que tanto a burguesía comercial e a financeira o apoien. Ademais narra como ante o descontento obreiro fronte as promesas de reforma da burguesía (que tivo que mobilizar ó proletariado para que a súa revolución triunfase), aumenta o recurso ó “fantasma rojo” e ó auxe do “socialismo” (chegando a desdibuxarse tanto o seu significado que será aplicado a todo tipo de visión política non marcadamente reaccionaria). Destácasenos como unha das frases máis recorrentes nos exritos xornalísticos e propagandísticos do momento: “Francia exige, ante todo, tranquilidad” (p.128 e 160), amosando así sen reservas a intención de desactivar a mobilizacións social que a propia burguesía alentara con anterioridade para cumprir os seus obxectivos estratéxicos. Ante esta situación preséntasenos a Bonaparte como o “vigilante del orden” (p.165), o “tirano” que precisa a ameazada “polis”. Vaise creando así unha narrativa na que a burguesía ante a convulsión social preferiría “Mejor un final terrible, que un terror sin fin!” (p.170). 

O golpe de estado suporía a imposición do poder executivo sobre os restantes, mobilizando para conseguir este fin ó funcionariado (a este sector social é o Estado quen lles da de comer directamente). Analizando os apoios sociais do réxime, Napoleón representaría ós campesiños parcelarios (unha sorte de pequenos e medianos propietarios), xustamente os máis reaccionarios do ámbito rural, ilusos que cren que ca imposición da “orden” o mundo converterase en estático, e polo tanto a anterior presión feudal transformada en rentistas capitalistas deixará de perseguilos. Bonaparte defenderá a “orden material” fronte ós campesiños rebeldes (precisamente aqueles que non queren cambiar a subordinación feudal pola capitalista, senón librarse de ambas), xustificando así o uso da violencia sobre eles. Na parte final preséntanse unha serie de “ideas napoleónicas” (idées napoléoniques) algo así como as bases da ideoloxía bonapartista. A primeira lei sería a da propiedade da terra con carácteres capitalistas que condena ós agricultores, xa que basicamente non poden competir cos grandes terratenentes. A segunda é a imposición dun goberno forte e ilimitado precisamente para aplicar todos os medios necesarios para instaurar a nova orde e favorecer os intereses dos que o apoian. As outras dúas serían o control ideolóxico dos curas, que ademais serían perfectos vixilantes no rural, ademais de que a creación dun conflito relixioso- cultural distancia o foco do problema real, o de clase. Outro grupo fundamental sería o exército, que se nutriría tanto dos fillos das comunidades agrarias, que agradecen desta forma o orden reinante que provocaría a chegada do salvador Bonaparte, como do “lumpenproletariat” (instrumentalizado pola “Sociedade do 10 de Decembro”). Tamén se nos indica que a forza do “orden burgués” é a clase media. 

No prólogo á segunda edición Marx critica o xurdimento e auxe, tras o triunfo do golpe de estado, do “cesarismo” por querer transportar unha institución propia dunha sociedade escravista a unha capitalista, aínda que quizais o que se pretenda precisamente é levar ó proletariado de novo ó escravismo. No mesmo prólogo Marx criticará as outras dúas obras coetáneas que tratarán o mesmo tema, Napoleón le petit de Victor Hugo, que engrandece en clave individualista a Napoleón, describindo o suceso como algo espontáneo e irrepetible. E a outra será Coup d’etat de Pierre Joseph Proudhon, que aínda que trata de ligar o fenómeno co devir histórico acaba engrandecendo a Bonaparte, facéndolle case unha apoloxía. 

Polo tanto, máis alá dos propios feitos históricos concretos, o que nos amosaría o fenómeno do bonapartismo é que cando a burguesía se atopa entre despotismo e anarquía, acaba elixindo sempre despotismo. De aquí parte a conexión co fascismo, cuxa esencia non sería outra que a evolución do bonapartismo tras a revolución bolchevique, que lonxe de ser unha simple efeméride trátase da primeira revolución proletaria triunfante, polo tanto ameaza real e material da dominación burguesa de Europa e do mundo. Do mesmo xeito, cando Marx fala de “cesarismo” amósasenos a relación entre a institución da tiranía clásica (representada á perfección por Lucio Quincio Cincinato mitificado por Mommsen) cos movementos fascistas, sendo un parche ó cal as oligarquías recorren provocando o medo entre as clases medias. Se seguimos estes razoamentos aparece outra tese, que amosaría como unha clase exercería maior violencia sobre a inferior si ve ameazados os seus “privilexios”, sendo o máis “lóxico” que esta violencia fose exercida polas clases máis desfavorecidas para lograr un status mínimo de calidade de vida. Isto desmonta bastantes mitos sobre a natureza das violencias políticas, xa que a violencia é un medio irracional. Pero sobre este tema xa debateremos noutro momento. Outro principio marxista que se aprecia no texto sería o recurso ó rexurdimento imperial que empregaría o bonapartismo, sendo esta construción dun inimigo exterior e a loita contra o mesmo un mecanismo de liberación de tensións sociais que se atopa na esencia mesma de calquera conflito bélico, deixando entrever o futuro principio defendido polo fascismo de que os conflitos son entre nacións e non entre clases. 

Para completar esta tese de explicación da contemporaneidade europea que nos ofrece o marxismo sería moi interesante estudar certos contextos estatais nos que non emerxeu o bonapartismo para impor a nova racionalidade capitalista e así culminar a obra iniciada polas revolucións burguesas. Estes serían o modelo pactista inglés e o modelo “democrático” norteamericano (si ben sería un error denominar como democracia o sistema que rexía o país antes da supresión das lexislacións raciais). No primeiro quizais poida estar asociado ó seu interese imperialista que o levará a apoiar a expansión do liberalismo por toda Europa (o que supón na práctica a expansión do “libre marcado”), fenómeno que se dilatará ata a Gran Guerra, ou tamén pola importancia do fenómeno colonialista como factor de liberación de tensións, levando a cabo nas colonias abundantes prácticas despóticas prefascistas. No caso dos USA, onde non existían condicionantes aristocráticos que demoler logo da independencia, polo tanto o pobo no seu conxunto só tivo que ser mobilizado en clave nacional (resaltando o recurso que se fixo ó mesianismo e ó providencialismo) polo que non foi necesario mobilizar ó pobo en sentido reivindicativo e logo instaurar unha tiranía para acabar con esta mobilización social a base de pura violencia. A xeito de curiosidade, aínda que non se deu propiamente unha tiranía de facto no país, si que existen citas a esta institución, tales como o nomeamento de Cincinnati (Ohío), en honor ó clásico Cincinato citado anteriormente, realizado en honor ó novo ”ditador democrático”, George Washington. 

Finamente gustaríame deixar claro que Karl Marx foi un filósofo, non un apóstolo, polo que a crítica é algo consustancial á súa lectura. Porén esta crítica debe ir nun sentido que procure a consecución da xustiza social, non desde a inxustiza ou para tratar de paliar os problemas inherentes ó capitalismo, tal como fixo John Maynard Keynes e logo, tristemente, repetiron tantos xuntaletras contemporáneos.

'Os piares da sociedade', de George Grosz Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.