Borregada

CC-BY-SA PSUV

A medida que a tráxica farsa sobre Venezuela se estende e gaña adeptos, a medida que aumenta o número e persoas convencidas de que o problema daquel país é que sofre unha ditadura, a medida que a poboación deste país de Europa, cada día máis apirolada, evita pensar o máis mínimo e até traga con que Trump libera Venezuela co apoio das democracias de Europa, pois un prefire volver en parte ao escrito noutros artigos, porque os argumentos están vixentes e porque aforra redactar como novo o que é vello e ao mesmo tempo imprescindíbel.

Así que aquí van polo medio un par de cortes e pegues. Pretenden insinuar o grande iceberg oculto. Sinceramente, cansa de deus ouvir tanta borregada con voz firme, como se fose criterio de cidadáns conscientes, escollidos e singulares, cando só balan a información lida en xornais (no mellor dos casos) cuxos propietarios están á espreita para apoderarse do subsolo venezolano, ou teñen parentesco empresarial con eses intereses.

En xaneiro de 2014 Leopoldo López anunciou que incendiaría as rúas de Venezuela. Declarouno na presentación de La Salida. “Ante el problema de la terrible crisis, atornillamos al gobierno con violencia” dicía Leopoldo, extremista e guillado. Comparados con estes, Matteo Salvini e Vitor Orban s son socialdemócratas suecos dos anos sesenta, humanistas de Lovaina. Nun documento publicado por Wikileaks, Robin D. Meryer, conselleiro da Embaixada dos EEUU, explicaba as complicacións que causaba López na MUD, a coalición deseñada desde a propia embaixada: “Figura divisora da oposición, arrogante, vingativo e sedento de poder” dicía Robin. Finalmente os ianquis aceptaron ao individuo. Guaidó é do seu partido. Capriles, a opción democrática da oposición, foi abandonado por EEUU e agora di claramente que Guaidó quere usar ao pobo venezolano como carne de canón.

Felipe González fora ver a Leopoldo. Para apoiar a democracia, dixera. Naqueles días dedicaba tamén o seu tempo a solicitar favores de xenocidas sudaneses reclamados polo Tribunal Internacional da Haia. Quería lograr unha concesión petroleira de 45.000 quilómetros cadrados (unha Galicia e media) destinada a Star Petroleum, propiedade dos turbios Zandi e Cebrián. É lóxico deducir que na visita a Venezuela estivese situando a mesma petroleira, como agora, ante o imaxinado reparto da piñata, tanto da empresa pública PDVSA como das fabulosas reservas do Orinoco. Sería a comisión da súa vida.

Sobre Aznar nada que dicir.

O PNV tamén empurra para a guerra civil apoiando a democracia de Guaidó e Trump. Unha canallada dos democristiáns, dos sincerotes de Bilbao. Comprendan. Josu Jon Imaz foi presidente da executiva do partido e agora é conselleiro delegado de Repsol, ademais de católico, químico e especialista en polímeros por Harvard. A petroleira descubriu unha reserva de tal dimensión, que en caso de atrapala, rezaríanlle varios rosarios á Virxe de Begoña, cinco salves á de Aránzazu, e pagarían unha misa en Loyola, que bos son os do PNV cando se poñen con iso. E así toda a Europa do petróleo, a extracción aurífera e os mil minerais, civilizada, democrática.

Pilar Rahola, militante sionista per la independència de Catalunya, non ve interese no petróleo, porque os EEUU pronto producirán a moreas e non o dous por cento como agora. Entón para que van querer subsolo venezolano? Son alucines da esquerda radical; en todo caso os interesados serán os chinos. Así que nada, a preocupación de Trump son os dereitos humanos, en contra do que afirma el mesmo nun vídeo que anda por aí. Di que el quere o petróleo, que a ver para que mandou exército a Libia por exemplo. Pero iso en Europa así de directo queda feo dicilo, é mellor que sexa cousa de dereitos e tal. Polo menos até este mes de maio.

Vexo por aquí outro escrito de cando os bombardeos de Trípoli: “aos cidadáns europeos dixéronnos que implantarían a democracia e nós crémolo. Libia posuía o nivel de vida máis alto de África”.

Nós non cremos nada daquela, simplemente foi complicidade, como agora, aprendida durante os séculos nos que Europa dominou o mundo. A complicidade interclasista da dominación colonial.

Pódese pensar que o pobo, a cidadanía, a opinión pública ou como se lle queira chamar, se activa por emocións brancas, por sentimentos honestos. Moitas veces faino, abonda con lembrar aquelas manifestacións contra a guerra de Iraq. Pero noutras ocasións as desgrazas alleas, os destinos alleos, as sortes dos demais pobos, importan nunha cantidade inversamente proporcional ao interese propio. A indiferenza ante o cemiterio mediterráneo, onde cada ano morren afogados miles de nenos, mulleres e homes é un grande exemplo. Europa fai un chifre coa escravitude que agroma en Libia, pero ábreselle o peito ante o espanto de Caracas.

Unha hipocrisía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.