Boticarios famosos: das cartas bomba aos Stradivarius

Imaxe dunha botica antiga Dominio Público

Visitei hai uns días en Vigo a Fundación Penzol, esa meritoria entidade que baixo a presidencia de Manuel Puga, membro da Academia de Farmacia de Galicia, conserva o legado de Fermín Penzol (1901-1981), galeguista e filántropo, conformando unha valiosa colección de documentos e materiais sobre a historia do noso país. A fundación cumpre agora 60 anos, e para celebralo expóñense 60 documentos e obxectos; entre eles chamoume a atención un morteiro ou almirez de bronce, da farmacia de Xosé María Chao.

Quen foi este boticario? Nacido en 1790 en Leiro, no Ribeiro, Chao estudaba en Santiago cando se produce a invasión napoleónica, que o leva a alistarse no célebre Batallón Literario. Pasada a guerra, remataría Farmacia. Foi un activista liberal, enemigo acérrimo do absolutismo... e inventor das cartas bomba. Experto en química, preparou en 1829 na súa farmacia viguesa, un sobre explosivo con pólvora, arsénico e vidro triturado, que enviou a Nazario de Eguía, que era naqueles anos —a Década Ominosa— capitán xeneral de Galicia. Era este un exaltado reaccionario (de feito, sería mais tarde xeneral en xefe do Exército carlista), que aforcaba liberais a troche e moche, e que quedou manco ao estalar a bomba no seu despacho do pazo de Santa Cruz, na rúa Nova compostelá (hoxe residencia universitaria) en cuxo teito aínda se conservan marcas do atentado. A autoría de Chao foi desmentida por Murguía (fillo de boticario e estudante de Farmacia, que non completou), pero relatada con detalle por Curros Enríquez.

Morteiro ou almirez de bronce, da farmacia de Xosé María Chao, conservado na Fundación Penzol © Xosé María Torres

Isto levoume a pensar nas boticas de antano, onde, alén dos famosos faladoiros descritos en Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos por Álvaro Cunqueiro (fillo dun boticario de Mondoñedo), se fabricaban os máis variados produtos. Foi o caso de John S. Pemberton, boticario de Atlanta (EE.UU.), que en 1886 comercializou un xarope medicinal a base de cafeína e extracto de coca que daría lugar a unha famosa bebida refrescante apodada “a chispa da vida”, á que poucos anos despois, en 1893, lle sairía competencia, elaborada tamén por outro farmacéutico, neste caso de Carolina do Norte, Caleb D. Bradham, e á que hoxe chamamos Pepsi.

Pero como esquecer a Felix Hoffman, que tras traballar en varias farmacias entrou en Bayer, onde sintetizou en 1897 a Aspirina. No ámbito literario venme á mente León Felipe, poeta exiliado ao que cantaron Paco Ibáñez (“Como tú”) e Serrat; ou Raúl Guerra Garrido, con farmacia en Donostia, quen gañou o premio Nadal en 1976 con Lectura insólita de “El Capital.

Xa en Galicia penso en Antón Villar Ponte, líder das Irmandades da Fala, que tivo farmacia en Foz; en Florentino Cuevillas, colexiado en Ourense, que foi pai da prehistoria galega; ou en Manuela Barreiro Pico, con farmacia en Ribadeo, que en 1900 acadara o mérito de ser a primeira muller licenciada en toda a universidade de Santiago.

Persoeiro singular foi Perfecto Feijoo Poncet (1855-1935), titular da botica da Peregrina, en Pontevedra, que igual xestionaba a venda da praza de touros cercana, tocaba a gaita ou fundaba agrupacións folkóricas. Contaba cun concurrido faladoiro, pero sobre todo era coñecido polo seu irreverente loro Ravachol (que fora o alcume dun anarquista francés guillotinado en 1892), cuxa lembranza segue pechando hoxe o Antroido pontevedrés.

Digno de lembranza é o chantadino Eduardo Seijas, boticario de Palas de Rei e historiador, quen tantas descricións heráldicas fixo na Gran Enciclopedia Gallega. Ou as peripecias vitais de José Carnero Valenzuela, do que aparece unha semblanza no recente libro La Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela. Su historia, publicado polo Colexio de farmacéuticos da Coruña. Foi titular dunha farmacia en Rianxo (patria de Castelao, autor, por certo, dunha preciosa acuarela titulada “A rebotica do pobo”) entre os anos 40 e 80 do pasado século XX. Durante a II República fora dirixente do Partido Federal e membro do Comité Central pro-Autonomía de Galicia que redactou o Estatuto do 36. Condenado a morte polos sublevados, librouse desa pena in extremis. En Rianxo viviría o seu exilio interior, recuperaría a Danza de Redeiros e sería o inspirador da Romaría Vikinga, que poñerían en marcha en Catoira, na beira sur da ría de Arousa.

'Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos', de Álvaro Cunqueiro ©

Remato o meu Parnaso particular con Chano Piñeiro (1954-1995), con botica en Vigo e pioneiro do cinema galega con filmes como Mamasunción ou Sempre Xonxa.

Pero volvendo ao pasado, vaian os meus recordos ata Cremona, na Lombardía italiana, onde se fabricaban entre os séculos XVII e XVIII os violíns Stradivarius, moi apreciados pola súa singular sonoridade, de ignorada orixe. O secreto parece estar nun verniz laranxa con propiedades insecticidas que preparaba un dos boticarios da cidade, de nome esquecido, que os luthieres da familia Stradivari aplicaban na madeira coa que construían os violíns. A fórmula maxistral, de composición descoñecida, otorgaría á madeira propiedades vibratorias especiais.

Loa e gloria para todos estes boticarios!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.