Bóveda e Plácido Castro

Alexandre Bóveda e Plácido Castro mantiveron nos anos trinta unha relación de especial afecto, amizade e camaradería, como así o testemuña algunha correspondencia común hoxe coñecida. Os afáns na militancia galeguista solidificaron esa relación. Ambos os dous participaron na asemblea galeguista de Pontevedra e formaron parte da mesa presidencial do encontro.

Andado o tempo, na Comisión Executiva do Partido Galeguista, Plácido tomaría o relevo de Bóveda na secretaría de organización e despois este reasumiríana cando Plácido pasou a desempeñar a secretaría de relacións internacionais trala participación no IX Congreso de Nacionalidades Europeas en Berna, Suíza, onde en 1933 Galicia foi recoñecida como nación.

Alén diso, o destino de Plácido naquel verán de 1936 puido ser o mesmo ca o de Bóveda. Plácido foi detido e preso na Coruña e só a mobilización rápida da súa influente familia impediu que o executasen de contado. Organizando unha evasión de novela que o levaría ata Carballo primeiro e Muxía despois, conseguiron esquivar algún sopro que puxo toda a operación en perigo. Aquí permanecería agochado co apoio, entre outros, de Alejandro Abella, médico e militante de Izquierda Republicana.

En 1940, o Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas condenábao a quince anos inhabilitación absoluta, oito anos e un día de desterro a 100 km de Muxía e 25.000 pesetas de multa. A sentenza 13/940 pormenorizaba na militancia galeguista e democrática de Plácido, “presidente del Partido Galleguista de La Coruña, uno de los organizadores de la propaganda del Estatuto Gallego, fundador y presidente de las Mocedades Gallegas, nombrado compromisario para las elecciones de presidente de la República …”. Na mesma sentenza, Abella sería condenado a cinco mil pesetas de multa.

Lembrar a Bóveda, a Plácido Castro e tantos outros que soñaron unha Galicia simplemente galega, é honrar e reivindicar a dignidade democrática de toda unha admirable xeración.

 

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.