Brecha salarial

Vista de parte das comitivas da manifestación do 8M do 2020 en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Quen fixo a lei, fixo a trampa, é un dito coñecido. O peor é que todo o mundo sabe que hai trampa, pero é consentida.

En marzo de 1980, van alá 41 anos, foi ditada neste país unha Lei, incluída no Estatuto de Traballadores, na que o empresariado debe pagar igual salario a mulleres e homes polo mesmo traballo.

A celebración foi inútil. Deseguida xorde unha brecha salarial que non fixo máis que aumentar sucesivamente. No comercio, nos bancos (en Bankia é dun 15’9%), a diferencia non deixa de incrementarse. En Galicia, é superior ao resto do Estado, desde un 15% a 21’4% no noso país, (por exemplo en Telefónica).

De ano en ano a brecha medra e medra, de forma que os homes cobran arredor de 6 mil euros máis que as mulleres polo mesmo traballo. 

A desigualdade non é só no salario, senón nos complementos e outras gratificacións.

A isto cómpre engadir que as mulleres se vén obrigadas, en moitas ocasións, a pedir traballo a tempo parcial para poder atender o coidado das criaturas, no caso de telas, de persoas maiores, e o traballo doméstico que maioritariamente corre a cargo das mulleres, co cal redúcese o monte salarial. 

Para paliar esta inxustiza, e, cando menos facela visible, debería ser obrigatorio faceren públicos os salarios. Tamén sacar á luz os currículos, que acostuman a ser cegos. As empresas poden valorar só a experiencia, na que os homes teñen mellor nota, e a esquecer os diferentes valores curriculares que aportan as mulleres. 

Outro aspecto a ter en conta é a proporción de recrutamento. Ver fotos, nas que o sexo destaca, e seren as mulleres interrogadas pola súa situación persoal e familiar é tamén unha dificultade engadida.

Naqueles traballos nos que se acede por oposición, como xudicaturas, fiscalías, etc, as mulleres teñen mellor proporción.

De nada serven as leis, cando os dedos poden xogar un papel determinante na elección, polas preferencias particulares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.