Breve ensaio sobre o - malestar - na cultura galega

A Helena Villar Janeiro e Rosa Enríquez, con moito afecto.

“Hai que perder o costume e deixar de concebir a cultura como saber enciclopédico no cal o home non se contempla máis que baixo a forma dun recipiente que hai que encher e afortalar con datos empíricos, con feitos en bruto e inconexos que logo tirá que encasillarse no cerebro coma nas columnas dun diccionario para poder contestar, en cada ocasión, aos estímulos varios do mundo externo”.

Unha cultura, unha comunidade humana, que non ten capacidade para situarse no tempo e ter capacidade de anticipación perante as posibles encrucilladas do futuro, é unha cultura rotundamente morta

Releo estas liñas de Antonio Gramsci - Socialismo y cultura -, un fantástico ensaio do comunista sardo que data do 29 de Xaneiro de 1916, e fixo a mirada máis adiante en dúas liñas subliñadas que, ao meu xeito de ver, perfilan a filosofía máis hixiénica, completa e humana que nunca lin sobre o auténtico valor e función social da cultura: “A cultura é cousa moi distinta. É organización. Disciplina do eu interior. Apoderamento da propia persoalidade. Conquista de superior conciencia, pola cal se chega a comprender o valor histórico que un ten, a súa función na vida e os seus dereitos e deberes”.

As enciclopedias están moi ben para organizar os saberes científico-técnicos, mais para organizar os coñecementos fai falla, primeiro, estimular preguntas no alumnado, e preguntas moi concretas e abertas, destas que brotan espontaneamente do desexo de coñecer e afondar máis sobre os contidos que os profesores transmiten; dubido que o feito de posuír milleiros de institucións culturais e fundacións, así como permitir o desmantelamento das economías e os oficios rurais tradicionais no pulo modernizador da hiper-modernidade, coa conseguinte desaparición da súa cultura - material  e simbólica -, que máis adiante será convertida en reclamo turístico, sexa o horizonte acaído para situar, no tempo e no espacio, aos corpos e ás conciencias, na Galicia do século 21, hai xa décadas fondamente inserida no frenético proceso de mundialización económica e financeira do capitalismo contemporáneo.

Non son delirios futuristas, non; unha cultura, unha comunidade humana, que non ten capacidade para situarse no tempo e ter capacidade de anticipación perante as posibles encrucilladas do futuro, é unha cultura rotundamente morta.

Un país que, a día de hoxe, se presenta coma unha mestura de cainita resentimento recíproco e laisez-faire laisez passé en toda a súa institucionalidade política, cultural e académica

Coñezo itinerarios e cartografías culturais tan diversas coma historias de vida; dende galegas que trataron de facer a súa vida en Pakistán e, logo dun matrimonio fracasado con fillos, volveron ao seu lar de orixe cunha desorientación e unha anomia fortísimas, até galegos que atoparon en Londres o seu hometown fuxindo de Galicia para non volver nunca, até fillos e fillas de emigrantes retornados – é o meu caso – cun Síndrome Ulises de cabalo, incapaces de sentírense parte dalgunha parte despois de tantos ires e vires prematuros e mesmo intentos de habitar, mental e afectivamente, a un país que, a día de hoxe, se presenta coma unha mestura de cainita resentimento recíproco e laisez-faire laisez passé en toda a súa institucionalidade política, cultural e académica.

Penso en Pilar García Negro, Goretti Sanmartín e Teresa Moure no ámbito da socio-lingüística politicamente comprometida, por exemplo, ou os ensaios filosóficos de Carme Adán, ou as recentes propostas narrativas de María Reimondez, Iolanda Zúñiga e Xina Vega

As excepcións, cómpre dicilo, non sempre son regras, e non sempre as confirman. Espero telas en conta algún día, pois é imposible mencionalas a todas aquí, sendo boa parte destas excepcións mulleres que escriben, pensan e crean en galego. Azar ou gañas de quedar ben?, poden pensar – e crer – vostedes o que queiran, mais o que aquí escribe considera que a meirande parte do pensamento social, lingüístico e político, así como o discurso narrativo, poético e audiovisual - en feminino - que fai xa un tempo se está a destilar en Galicia, é o máis comprometido e estimulante da historia contemporánea recente de Galicia. Penso en Pilar García Negro, Goretti Sanmartín e Teresa Moure no ámbito da socio-lingüística politicamente comprometida, por exemplo, ou os ensaios filosóficos de Carme Adán, ou as recentes propostas narrativas de María Reimondez, Iolanda Zúñiga e Xina Vega, que son apaixonados intentos de deconstruír a vontade de armonía no discurso cultural dominante encol de fenómenos contemporáneos como a identidade persoal, a violencia estrutural nas vilas-miseria das megalópoles contemporáneas e a puritana construción social da loucura, respectivamente. Penso, tamén, na creación audiovisual de María Ruido, nestes momentos moi comprometida e arraizada en Túnez e en Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño, acollida moi positivamente: un valente alegato a prol dos incómodos – e xustos – compromisos en temos escuros.

Como contrapunto a esta heroica resistencia ao discurso cultural dominante, temos que recoñecer, botando man dun realismo sensato - que non cínico - que o panorama institucional da cousa cultural, en Galicia, non podería ser máis patético. A nosa falta de seriedade, non podería ser máis insultante. O desvínculo entre institucións e sociedade, non pode ser máis grande. A loita fratricida por acomodar a institucionalidade política e cultural galega a un imaxinario/ perspectiva totalizador dende un imaxinario/perspectiva particular, resulta dunha puerilidade inadmisible. Só o humor negro, máis negro que os calzóns dun carboeiro e máis escéptico que a pipa de Bertrand Rusell, pode sublimar todo este circo para poder representalo e dixerilo. A tradicional loita entre linaxes política e esteticamente enfrontadas non remata de enterrar a hacha de guerra, proxectando nos potenciais novos creadores filias e fobias discursivas que estas non teñen a obriga de re-existir nin reactualizar.

A tradicional loita entre linaxes política e esteticamente enfrontadas non remata de enterrar a hacha de guerra, proxectando nos potenciais novos creadores filias e fobias discursivas que estas non teñen a obriga de re-existir nin reactualizar

Quen se non as nosas benqueridas autoridades institucionais do mundo educativo, cultural, político e académico de Galicia, son os responsables da súa propia perda de autoridade pedagóxica, estética e ética? Coñezo galegos que levan máis de 30 anos vivindo e traballando en Galicia e interiorizan, aínda a día de hoxe, tódolos clixés mentais dun peculiar imaxinario colonial que ten, sempre, como pulsión psicolóxica profunda, a mesma intención: Fuxir de Galicia como realidade social, política e cultural con tempo, dinámica e movemento secular de seu. Fuxir de Galicia como cousa real que se pode facer intelixíbel, orgánica e holisticamente, dende tódolos eidos das artes, as ciencias sociais, as ciencias naturais e a reflexión filosófica, sen necesidade de separala de España, Portugal ou Nixeria, mais, tamén, sen necesidade de asimilala a contextos e realidades singulares de seu.

Fuxir, sempre fuxir, física ou mentalmente, mais fuxir, fuxir, fuxir!, e todo para acabar refugándose perpetuamente na propia interioridade, tomando como único hábitat o propio corpo e como única pauta de conduta un individualismo totalmente desarraizado de vínculos comunitarios, enchido cunha falsa contracultura que o único que consegue é pingues beneficios ao mercado da rebeldía. Velaquí está o éxito da pedagoxía colonial permanente que afecta a tódalas singularidades lingüísticas, culturais, políticas e históricas que se deixan asimilar polo monocromatismo e a inxustiza estrutural do mal chamado sistema de libre mercado e de libre concorrencia política da –disque – moi liberal democracia construída por e para varóns occidentais de pel branca anotados no rexistro de propiedade e herdanzas patrimoniais.

No seu tempo pensei que este hábito mental e esta pauta de conduta era Typicall Galician. Tonterías. It’s Typicall human beings, mais en situacións e contextos diferentes. Pois ben: Nada, absolutamente nada; nada, de nada, de nada, están a facer as autoridades pedagóxicas, culturais e políticas de Galicia para frear, nin sequera na súa epiderme, os marcadísimos síntomas de regresión e re-existencia do franquismo cultural. Nada, absolutamente nada; nada, de nada, de nada, están a facer, tampouco, para frear este proceso de regresión e re-existencia do franquismo cultural coexistindo co pensamento único e monocromático da civilizatio neoliberal.

Que lingua, que institucións e que fundacións queremos para o futuro? Mais, sobre todo, cal é a auténtica función social á que deben estar supeditadas as mesmas? Non será mellor comezar a coser feridas, resentementos entre liñaxes políticos tradicionalmente enfrontados, e afastamentos inxustificados entre disciplinas? Non resulta, como mínimo, esperanzador, tender cara unha visión holística e global – lingua, cultura, historia… etc- dos estudos culturais galegos para poder proxectármonos no panorama internacional con miradas e enfoques propios? Teño fame de universalidade, mais non quero ni podo esquecer ás particularidades rebeldes que a tecen.

Cómpre recordar, con autoestima, as moitas débedas acumuladas que unha Galicia pirolizada vai ter que resolver cos pensares, sentires e imaxinación dunha fornada de mulleres

Sen coraxe ética e política, estou seguro, non se poderán debater publicamente estas cuestións. Mais, de momento, cómpre recordar, con autoestima, as moitas débedas acumuladas que unha Galicia pirolizada vai ter que resolver cos pensares, sentires e imaxinación dunha fornada de mulleres que, non o dubido, tratarán de ser silenciadas e invisibilizadas mentres na península Ibérica non se faga un severo exorcismo cos seus clásicos fascismos culturais e cos seus contemporáneos fascismos financeiros.

Galicia, 18 Marzo 2013. Sen ilustración e sensibilidade, en feminino, non haberá lus, e os tempos… non serán chegados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.