Brocéliande, Esmelle e Froxán

Amar o bosque é signo de riqueza, de cultura interior. Alén do evidente recurso económico, o monte arrequece tamén o noso espírito. É ben coñecida a relación que garda a arte coa natureza, adoito reflectida nas múltiples intervencións artísticas en espazos boscosos, sexa desde o eido da literatura, a escultura, a música, etc. Desde o  Brocéliande de Artur, á selva de Esmelle de Cunqueiro, pasando por Aokigahara, o bosque xaponés dos suicidios, o Courel de Novoneyra, o bosque de Fangorn, o Rexo de Allariz decorado por  Ibarrola, o bosque medieval de Beowulf, ou a montaña Saint Victoire pintada con obsesión por Cezanne.  Todos estes espazos naturais, reais ou ficticios, fascinaron a moitos escritores pola súa historia, o seu imaxinario popular, as sombras, a humidade e o equilibrio ecolóxico. Así, o corazón das tebras amence ciclicamente nas súas obras: A chamada da selva, de Jack London, O home que plantaba árbores, de Jean Giono, Porca terra de Berger, ou o mesmo Pondal en Queixume dos pinos.

De antigo, hai un pouso de sensualidade na contemplación da montaña, na visión terapéutica do seu cume

Na nosa literatura temos un exemplo marabilloso de integración artística do espazo natural na lírica medieval. A cantiga de amigo elevou a categoría de símbolo erótico- sensual o noso monte, o cervo, a fonte, o souto, o canto dos paxaros. De antigo, hai un pouso de sensualidade na contemplación da montaña, na visión terapéutica do seu cume (o Monte Fuji nevado, todos os versos escritos ao Pindo, a Montaña máxica de Mann, as lendas do Pico Sacro…) Espazos xeográficos sagrados, lugares de respecto e admiración ao que, un día, talvez regresen as abellas libremente. Acubillo e principio da materia.  Ecoloxismo literario natural, sen moito hippismo nin Reikis. Entre a isca e os fieitos nacen o solpor e a aurora, as camisas das cobras dormen sobre as laxes solleiras e a machada ensaia o corte preciso. Recende a lique e a excremento, a brañas e turbeiras, a toxo rozado. Mulime para tanto estrés urbano. Seica o pracer de abrazar unha árbore naceu na India. Partiu da reivindicación dun grupo de mulleres contra unha tala masiva, pero acabou, tristemente, nun novo masacre. Darlle unha aperta a unha árbore é escribir un verso. Sentir o valor do rural pesando nos nosos brazos escasos.

Veume ao acordo o antecedente da premio Nobel Wangari Maathai, quen xa creara un cinto verde no que as mulleres africanas plantaban árbores autóctonas como símbolo da dignidade de Kenya, e por extensión, de África e do mundo

Souben da existencia dunha intervención literaria no bosque de Nordmarka en Noruega. Cada ano un autor escribirá un texto na honra deste espazo natural, de xeito que, pasados cen anos, verase publicada en papel unha antoloxía destes autores e autoras coa madeira destas árbores. Natureza e literatura respirando parellas. Dise que o bosque medrará custodiando en cada anel do tronco o cerne das obras inéditas. E veume ao acordo o antecedente da premio Nobel Wangari Maathai, quen xa creara un cinto verde no que as mulleres africanas plantaban árbores autóctonas como símbolo da dignidade de Kenya, e por extensión, de África e do mundo. Contra a deforestación e o abandono da terra. Tamén como reivindicación da muller, das súas raíces e a súa natureza libre. Ela mesma foi chamada a muller- árbore. Unha vez máis, a iniciativa feminina contra a desidia gobernamental.

Froxán non é ficción literaria. Existe e vai crecer por vontade popular, acompañado de palabras de futuro que vivan canda o seu ciclo natural. Amar o bosque é protexelo, pasealo, saborealo nos seus recendos, sons, cores e sensacións táctiles

Por último -onde quería chegar- vin coñecer hai pouco, e apoiar humildemente, a iniciativa do bosque de Froxán, no concello de Lousame. Crowdfunding, micromecenado social para sobrevivir ao lume burocrático e ao abandono do rural. A fraga como territorio da identidade. Talvez porque desexamos ser parte do común, do sostible. Mil primaveras máis para o monte de Barbanza.

Froxán non é ficción literaria. Existe e vai crecer por vontade popular, acompañado de palabras de futuro que vivan canda o seu ciclo natural. Amar o bosque é protexelo, pasealo, saborealo nos seus recendos, sons, cores e sensacións táctiles.  Tamén escribilo e dicilo con palabras ceibes. Porque non todo o monte é ourego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.