Brunei, morada de paz

Brunei © Moncho Iglesias Míguez

Rodeada de arquipélagos e illotes, de pasados imperiais e presentes coloniais, a illa de Borneo constrúese sobre un mosaico de historias cun futuro incerto. Nas beiras de camiños transitados entre o máis afastado oriente e o occidente menos próximo, Borneo convive entre o descoñecemento e as ansias de saber

Rodeada de arquipélagos e illotes, de pasados imperiais e presentes coloniais, a illa de Borneo constrúese sobre un mosaico de historias cun futuro incerto. Nas beiras de camiños transitados entre o máis afastado oriente e o occidente menos próximo, Borneo convive entre o descoñecemento e as ansias de saber. E entre as lendas que lle dan vida emanan estados fonchos e fantasiosos como o de Brunei.

Borneo, a terceira illa máis grande do mundo, pertence a tres países diferentes: Indonesia, Malaisia e Brunei. A maior parte, un 73%, está gobernada por Indonesia, que a coñece baixo o nome de Kalimantan, illa de temperaturas ardentes. O 23% do territorio ocúpano as provincias malaias de Sarawak e Sabah. O resto é o sultanato de Brunei, o único estado que está na súa totalidade dentro da illa, aínda que estea en dous territorios separados, divididos pola cunca do río Limbang. E malia a pequena extensión, apenas algo máis cá provincia de Pontevedra, Brunei é un dos países máis ricos do mundo.

Brunei © Moncho Iglesias Míguez

A illa foi un importante porto mercante durante séculos, o que provocou que navegantes portugueses, españois, ingleses e holandeses puxesen pés nela. As relacións comerciais portuguesas na rexión limitáronse a transaccións económicas e case non influíron no seu desenvolvemento. En cambio, os españois que chegaron ás Filipinas a mediados do século xvi toparon na veciña Brunei un inimigo político e relixioso. O cristianismo logrou desprazar o islam no arquipélago filipino e mudar así sultanatos e raxanatos por un só reino. Foi por mor diso que Brunei se alzou como un inimigo a bater, algo que lograron os españois de xeito efémero.

A illa foi un importante porto mercante durante séculos, o que provocou que navegantes portugueses, españois, ingleses e holandeses puxesen pés nela

Grazas ao pacto con Pengiran Seri Lela, enfrontado a Pengiran Bendahara Sakam polo reinado de Brunei, a armada dirixida por Francisco de Sande venceu ao exército de Brunei en 1578. Porén, a ocupación non durou máis de 72 días, pois moitos soldados enfermaron por culpa da auga que envelenara o segundo. E así chegou ao poder Pengiran Bendahara Sakam, tras a fuxida dos españois e a morte repentina do aliado destes, Pengiran Seri Lela, sultán por uns días.

Entre os moitos comerciantes que se interesaron por Borneo cómpre destacar a James Brooke, tamén coñecido como o raxá branco, amais de polo ficcionado Sandokán, baseado neste personaxe real. De feito, foron el e os seus descendentes os que fundaron o estado independente de Sarawak en 1842

Entre os moitos comerciantes que se interesaron por Borneo cómpre destacar a James Brooke, tamén coñecido como o raxá branco, amais de polo ficcionado Sandokán, baseado neste personaxe real. De feito, foron el e os seus descendentes os que fundaron o estado independente de Sarawak en 1842, unha nación que existiu ata a invasión xaponesa de 1941 e o posterior traspaso de poderes a mans aliadas. Foi daquela que se converteu en colonia británica para máis tarde formar parte de Malaisia. E xa en 1984 parte deses territorios transferidos entre imperios e poderes conseguiu a independencia plena e constituíuse en país independente: Brunei.

O nome completo do sultanato é Estado de Brunei Morada de Paz. A orixe da palabra Brunei está relacionada con termos como deusa do mar, mariñeiro ou terra, que se combina cun cualificativo relixioso que explica a fe do goberno. E aínda que a súa independencia non ten máis de 38 anos, é unha monarquía con séculos de historia que herdou o actual rexedor, o sultán Hassanal Bolkiah. É este quen sostén o poder sobre esta monarquía islámica dende hai máis de medio século, un récord de anos que fai que acumule datos para encabezar listaxes.

Brunei © Moncho Iglesias Míguez

O nome completo do sultanato é Estado de Brunei Morada de Paz. A orixe da palabra Brunei está relacionada con termos como deusa do mar, mariñeiro ou terra, que se combina cun cualificativo relixioso que explica a fe do goberno

O sultán de Brunei reside no Istana Nurul Iman, o palacio da luz da fe, o palacio máis grande do mundo. Nel adoitan aloxarse convidados que ocupan algunha das 1800 habitacións que posúe, moitas das cales están revestidas de ouro. Engaiolada por follaxe e protexida polo río que descende das faldras das montañas que o coroan, o palacio é tamén unha continua cerimonia no que os gardas da entrada principal cambian posicións e quendas de vixilancia para protexer non só ao xefe de estado, senón tamén as tradicións.

Dentro dos 200.000 m² do recinto onde se sitúa o edificio, de maior extensión que Marineda City, agóchanse os máis de 5000 automóbiles privados do monarca. A cifra serve para explicar que Brunei teña unha das ratios máis altas de propietarios de coches, cunha media de 2’65 por persoa. O dato contrasta coa imaxe verde dunha vexetación que emana de montes e cemento e onde abundan os camiños e os paseantes. Porque os menos de medio millón de habitantes deste curruncho da illa de Borneo viven en casas baixas rodeadas de natureza, onde os parques florecen ao seu carón.

O sultán de Brunei reside no Istana Nurul Iman, o palacio da luz da fe, o palacio máis grande do mundo. Nel adoitan aloxarse convidados que ocupan algunha das 1800 habitacións que posúe, moitas das cales están revestidas de ouro

Amais das ostentacións do sultán, o palacio acolle a mesquita de Omar Ali Saifuddlin, a máis grande do país. Construída sobre unha lagoa artificial onde permanece varada unha réplica dunha barca do século xvi, pertencente ao quinto sultán de Brunei, é o centro relixioso e cultural da capital. É aí, na praza que a rodea, onde se reúnen familias e amizades, o que a converte nun punto turístico con peirao propio, onde amarran as embarcacións que pasean polo río. Porque dende este pequeno porto saen os botes que cruzan ata Kampung Ayer, a aldea da auga, o maior asentamento flotante do mundo.

Hai máis de mil anos que a desembocadura do río Brunei está habitada. A posición estratéxica como centro comercial serviu para que os pivotes que sustentaron as primeiras casas formasen regueiros de pequenas avenidas que seguen en pé. Se ben hai medio século congregaba a metade da poboación do país, hoxe en día os preto de 30.000 cidadáns desta outra Venecia conservan o esplendor dunha poboación moza encallada na sabedoría da vellez. As casas coloreadas cobreguean entre 36 km. de sendeiros de madeiras e sortean escolas, mesquitas, estacións de policía ou mesmo un parque de bombeiros.

Brunei © Moncho Iglesias Míguez

O cemento que creceu do outro lado da vila acuática concentra a preto da metade da poboación do país. É a capital, Bandar Seri Begawan, porto do bendito, nomeada así en honor ao pai do actual sultán. Aquí os hoteis e os restaurantes distribúense entre comercios e museos e ocultan gas e petróleo, parapetados pola selva e orlados pola mesquita Kiaron, construída para conmemorar os 25 anos de mandato do actual soberano, o 29 da dinastía. É por iso que son 29 as cúpulas douradas e de mármore que a rodean e que flanquean a construción, icona da nación.

A capital de Brunei escurece cedo e só entón a calor tropical do día acala as rúas, abandonadas como o estudio dun filme acabado de gravar

A capital de Brunei escurece cedo e só entón a calor tropical do día acala as rúas, abandonadas como o estudio dun filme acabado de gravar. As luces que adornan as mesquitas e a ponte de 30 km. de lonxitude que conecta as dúas beiras do país semellan iluminar o resto de edificacións da cidade. O silencio impregna o solpor e serpea esa ponte que permite evitar as catro paradas de inmigración malaia de intentar viaxar entre os dous territorios. Porque a estrada que une Brunei atravesa Malaisia e é preciso rexistrase en catro puntos de inmigración diferentes, algo que se evita sobre a ponte que navega a costa. 

O petróleo e o gas natural que agochan as oficinas do país son a base económica de Brunei. O resto impórtase, malia os intentos do goberno por incentivar a agricultura local e de albiscar no turismo un posible aliado económico. No sultanato agroman atractivos naturais que fan posible unha non afastada industria turística grazas á beleza descoñecida do país e ás historias aínda por descubrir. As praias case desertas e os parques entre as montañas permiten descanso e abraio, xa que, por exemplo, entre as plantas que aí crecen está a planta odre, unha carnívora que ten forma de xerra. 

Brunei © Moncho Iglesias Míguez

Brunei é un recuncho tranquilo na inmensa illa de Borneo, un libro de viaxes por escribir e un encontro cun hermetismo aberto a se dar a coñecer

A súa xente é sociable e familiar, e iso evidénciase nos seus costumes culinarios. As fontes de comida son grandes e mesturan pratos que comparten comensais. No centro da mesa está sempre o alimento principal e ao redor del gornicións e prebes como o prato nacional, o ambuyat. Este é unha masa xelatinosa que se extrae do interior dunha cica e que se envolve nuns paus para logo untalo de salsa e tragarse así para saborealo. As sobremesas e os petiscos adoitan ser froitas tropicais que abundan durante todo o ano ou aquelas de temporada que só se coñecen na zona, como o durian, a iaca, o kembangan, a langsta ou o rambután.

O exotismo do sultanato da morada da paz está inscrito no seu nome e escintila entre terra e auga. A política é tamén un argumento para coñecer o lugar, ancorado en ideas protexidas polo goberno pero que minguan a liberdade da súa xente. Así e todo, Brunei é un recuncho tranquilo na inmensa illa de Borneo, un libro de viaxes por escribir e un encontro cun hermetismo aberto a se dar a coñecer. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.