Bruxas

É un ensaio que aínda está por escribir, e pode que máis que un ensaio acabe resultando un amplo “tratado histórico sobre a paranoia”; apto para laicos cansos do hipócrita puritanismo e da impertinencia verbal do clero parasitario a escala global.

Mais, antes de comezar o tratado, hai que pasar por un trance tan traumático coma liberador, unha experiencia mortificante e vivificante ao mesmo tempo : ler de cabo a rabo o interesadamente esquecido “Index librorum prohibitorum et expurgatorum”:

Creado en 1559 pola Sagrada congregación da inquisición, que posteriormente acabou chamándose Congregación para la doctrina de la fe, o Index contiña os nomes de autores e obras prohibidas na súa totalidade, así coma as liñas e páxinas concretas que os bibliotecarios debían alonxar das moi castas e puras conciencias da cidade de deus. Ata 1966, baixo o papado de Pablo sexto, non deixaron de engadirse libros neste particular lista negra da conciencia, baixo a súa atenta e paranoica mirada aparecen todo tipo de persoeiros da república das ciencias e das letras : Erasmo, Rabelais, Copérnico, Giordano Bruno, Descartes, Stuart Mill, Hume, Kant, Diderot, Balzac, Zola, Kant, Hume, Rousseau, Stendhal, Heine, Marques de Sade, Victor Hugo, Alexandre Dumas, Flaubert.. etc.

Mais non abonda con ler o Index, non. Despois aínda hai que atreverse co tamén interesadamente olvidado “Malleus Maleficarum”

Mais non abonda con ler o Index, non. Despois aínda hai que atreverse co tamén interesadamente olvidado “Malleus Maleficarum”, popularmente coñecido coma o martelo das bruxas. O Malleus foi un tratado escrito en plena histeria e paranoia social contra as bruxas no Renacemento, publicado por primeira vez en Alemaña no ano 1846, sendo básicamente unha recopilación de crenzas e prácticas pre-existentes recollidas no “Directorium Inquisitorum” escrito en 1376 por Nicolau Aymerich e no “Fornicarius” de Johannes Nider, escrito en 1435; Con todo, o Malleus foi utilizado coma un código deontolóxico para inquisidores e cazadores de bruxas durante dous séculos de paranoia e persecución bruxeril en Europa, dende mediados do 16 ata mediados do 18.

A súa redacción, por certo, non foi ordeada pola igrexa, e mesmo chegou a ser prohibida por non ser acorde coa demonoloxía católica

A súa redacción, por certo, non foi ordeada pola igrexa, e mesmo chegou a ser prohibida por non ser acorde coa demonoloxía católica. Xa se sabe que, incluso á hora de practicar a funesta costume de odiar, torturar e buscar chivos expiatorios para fuxir dos propios males e responsabilidades, hai que contar co permiso e a certificación dalgunha ilustrísima excelencia confesional. Nin se lles ocurra pensar que un pode escoller libremente a quen odiar e cómo, nao, nao : incluso para iso hai que pedir permiso.

A primeira parte do “Malleus Maleficarum”, dividido en tres seccions, está adicada a probar que a bruxería existe, e recalca que o demo e os seus seguidores, bruxas e feiticeiros, co permiso de Deus todopoderoso, poden practicar todo o seu mal sempre que o demo non gañe poder ilimitado e destrúa o mundo, feito que era interpretado coma un castigo polas autoridades eclesiais da época que, nembargantes, e misteriosamente, non dixeron nada sobre o feito de que nesta primeira parte se trate de explicar porqué as mulleres, de natureza máis débil e intelecto inferior (…), son máís propensas á tentación de satán que os homes.

A segunda parte do Malleus describe tódalas formas de bruxería de xeito moi gráfico para poder tomar precaucions con ela, facendo énfase no seu pacto co demo, dando a súa existencia por un feito e mesmo revelando a moi erótica costume de copular co demo despois dos pactos e sacrificios de rigor.

A terceira parte desvela os métodos para a localización, enxuizamento, sentenza e mesmo destrucción das bruxas, considerando a súa tortura coma algo natural se negaban voluntariamente a súa culpa e valorando o rumor público coma razón suficiente para acusar a calqueira persoa de bruxería. Tamén, xa de paso, podía un acusar aos avogados que demostraban demasiada vehemencia na súa defensa. O estilo narrativo no Malleus Malleficarum, faltaría máis, é totalmente serio e falto de humor, como é costume en toda caste de paranoia persecutoria.

Comprenderá o lector, despois de facer esta pequena arqueoloxía bibliográfica para comezar a escribir o noso Tratado histórico sobre a paranoia, que a devandita caza de bruxas non é un fenómeno estrictamente contemporáneo, e que o único que diferencia ás bruxas que vía Walter McCarthy das bruxas do Malleus Malleficarum e que as segundas non facían teatro, cine nin literatura, e tampouco simpatizaban, formal ou informalmente, co partido comunista. Acaso sexa, quen sabe, porque todavía non existía.

Comprenderá, tamén, o lector, que non deixa de ser sospeitoso que a día de hoxe, en pleno século 21, os departamentos de incomunicación e desinformación dos partidos políticos, así como as consellerías de deseducación e incultura dos estados modernos, actúen de xeito diferente mais, ao mesmo tempo, semellante a como a Sagrada congregación da inquisición actuaba inspirándose no “Index librorum prohibitorum et expurgatorum”. Os mecanismos de des-alfabetización e agilipollamento voluntario do alumnado son máis sutiles e invisibles, mais funcionan;  o 22 de Xuño do 2008, por exemplo, escribía no diario Rebelion da acomodación dos contidos pedagóxicos das filoloxías e as humanidades ás necesidades da empresa (…), así coma do recurte horario ás materias de historia e filosofía en bacharel. Estes feitos non son, nen moito menos, inocentes e/ou políticamente desmotivados.

O obxectivo é, ante todo, que o bon cidadán non chegue a convertirse en bruxa para non ter que tomarnos a molestia de cazalo nun futuro

Anatema!, non vaia ser que os fillos dos proles fortalezcan as súas habilidades expresivas e reflexivas ou, vade retro!, que mostren curiosidade pola historia. O obxectivo é, ante todo, que o bon cidadán non chegue a convertirse en bruxa para non ter que tomarnos a molestia de cazalo nun futuro. O obxectivo é, sobor de todo, levar a cabo un sutil e sofisticado exercicio de reaccionaria enxeñería social, silenciosamente, con sutileza e a modiño, coa columna vertebral de calqueira país: o seu sistema educativo.

E mentras tanto, as bruxas crecen, crecen e crecen e non deixan de protestar. Nunca houbo tantas bruxas por metro cadrado coma neste ocaso da modernidade tardo-capitalista e occidental que estamos a vivir

E mentras tanto, as bruxas crecen, crecen e crecen e non deixan de protestar. Nunca houbo tantas bruxas por metro cadrado coma neste ocaso da modernidade tardo-capitalista e occidental que estamos a vivir. Lástima, iso si, que boa parte desas bruxiñas, logo de patalexar e gritar consignas de manifa en manifa, afirmen gilipolleces como que as palabras, os pensamentos e a memoria son cousas inútiles. Nisto, por suposto, aseméllanse fidelmente aos cazadores de bruxas que dan sentido á súa existencia.

Así pois, querido lector, se algún día sínteste confundido e non entendes nada, nada de nada, non te preocupes, ti sigue tirando e solta a arroutada de turno:
-Boh!, A culpa toda téñena os filósofos e as bruxas!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.