Tantas mentiras non poden ser casuais, nin deberse unicamente ás novas tecnoloxías. Hai uns intereses de desestabilización política, de potenciar á extrema dereita, contra os que temos que estar alerta e aos que temos que denunciar
Moi mal van as cousas para que en Modepén teñamos que asinar manifestos como o de “apoio ao científico Fernando Valladares e ao resto de persoas, colectivos e entidades que están a ser acosadas por amosar as numerosas evidencias do cambio climático”. Un manifesto que naceu xa coa adhesión de 850 entidades, asociacións ou colectivos e á que nos estamos sumando máis, entre elas, como dicimos, MODEPEN (o prazo de adhesións é ata o 28 de novembro).
Moi mal van as cousas para que Maldita.es, a páxina web especializada en investigar e desenmascarar bulos, trolas e mentiras flagrantes e interesadas, estea estes días batendo récords de análises, chegando a ter que abrir unha páxina específica con información (máis ben anti-desinformación) actualizada sobre a DANA.
E non é que de súpeto nos volvésemos todos contadores de bulos, trolas e mentiras flagrantes. Os responsábeis son uns poucos, por razóns de lucro, protagonismo ou “política” (se a iso se lle pode chamar política) e todos coñecemos e sabemos de algúns. E hai tamén uns responsábeis especiais, os propietarios das redes sociais centralizadas (Tick.Tock, Instagram, Facebook, X-twitter...) eses magnates e mangantes que viven mellor (aínda) grazas a eses bulos, trolas e mentiras flagrantes, como denuncian neste artigo, tamén de maldita.es, centrado na DANA pero que sabemos que se pode extrapolar a calquera situación que lles dea pé, se ben é certo que utilizar a traxedia de Valencia o fai máis despreciábel.
En Modepén coñecemos ben un vídeo de hai uns anos, pero que sigue a rolar, e que utiliza imaxes nosas e de outras organizacións de pensionistas para engadirlle un audio contrario ás nosas ideas e claramente manipulador e fascista
Unha situación que tampouco é totalmente nova, certamente. Por exemplo, en Modepén coñecemos ben un vídeo de hai uns anos, pero que sigue a rolar, e que utiliza imaxes nosas e de outras organizacións de pensionistas para engadirlle un audio contrario ás nosas ideas e claramente manipulador e fascista. Reproducimos a súa imaxe inicial (e evidentemente rogamos non difundilo e si denuncialo).
Pero aínda que estas “mentiras ” leven tempo entre nós e aínda que lle podamos atopar semellanzas a contos máis antigos como o das meigas, o certo é que neste momento están a acadar niveis moi preocupantes. E que tantas mentiras non poden ser casuais, nin deberse unicamente ás novas tecnoloxías, que certamente favorecen a súa propagación. Nin tampouco se deben só a intereses de protagonismo ou de lucro de algúns desalmados. Hai uns intereses de desestabilización política, de potenciar á extrema dereita, contra os que temos que estar alerta e aos que temos que denunciar.
Este texto publicouse orixinalmente na web de Modepén