Cabalgatas indignadas

Hai hoxe tres anos, o 5 de xaneiro de 2014, nunha cidade galega atrasouse o remate da cabalgata de reis porque algunhas das carrozas tiveron que parar a repostar. Caso contrario, ficarían sen gasolina antes de rematar o percorrido. Case á mesma hora noutra cidade a comitiva dos Magos de Oriente tiña que frear no seu acceso á zona histórica mentres operarios botaban man da creatividade para permitirlles continuar o desfile. O motivo era que alguén non prevera que unha das carrozas era grande de máis e non daba pasado sen axuda por unha estreita rúa. Mentres, nunha terceira cabalgata urbana corría o ruxerruxe sobre quen tería a brillante idea, a estas alturas, de presentar como rei Baltasar a un home de tez branca maquillado -é un falar- de cor marrón.

Estes episodios apenas pasaron da categoría de anécdotas en cada unha destas cidades e as escasas tentativas de trasladalos á area política caeron, como cabía agardar, polo seu propio peso. O panorama mudou hai agora doce meses, nas primeiras cabalgatas organizadas dende os gobernos municipais xurdidos das eleccións de 2015. A faísca mediática prendéraa en Twitter unha ex-deputada do PP dende Madrid, asegurando que a súa filla ficara decepcionada polas vestimentas dos reis na cabalgata madrileña. Disque non eran "de verdade". Como en toda boa controversia de importación as versión galegas non tardaron en chegar, arreciando con especial intensidade nas tres cidades con alcaldías das mareas, cuxos inicios de mandato estiveran xa acompañados por pretendidos debates sobre a pertinencia ou non de que os rexedores acudisen a actos relixiosos.

A acusación, é de supoñer, guíndase tras unha lectura detida do Evanxeo de San Mateo e do seu relato da adoración dos Magos, así como do contraste cos textos evanxélicos apócrifos e fontes posteriores

Tras aquela primeira experiencia de suposta indignación por tan grave motivo, cara ás cabalgatas deste 2017 rexistráronse nas últimas semanas algúns movementos e declaracións en clave de agravio preventivo. No medio de profundísimos debates sobre a colocación, forma e cantidade das luces de Nadal comezaron a agromar argumentos -ou argumentarios- cun aquel de produto precociñado en obradoiro partidario con apocalípticos prognósticos sobre os novos percorridos urbanos dos magos de Oriente.

A perversa intención de alcaldes e edís da banda esquerda seica é afastar estes desfiles dunha suposta tradición cristiá. A acusación, é de supoñer, guíndase tras unha lectura detida do Evanxeo de San Mateo e do seu relato da adoración dos Magos, así como do contraste cos textos evanxélicos apócrifos e fontes posteriores, a partir das cales xurdiron convencións tradicionais como o número dos ilustres visitantes, os seus nomes ou a súa condición de "reis". Cabe deducir que desas consultas parte tamén a esixencia de que Melchor, Gaspar e Baltasar representen figuras de hai 2.000 anos vestidos de reis medievais. Porque, como seguro que saben os indignados observadores, non hai episodio bíblico no que se ofrezan tales detalles. Caso contrario, estarían raiando a frivolidade e a utilización partidaria e burda dos valores relixiosos que din defender.

Sería bonito que non tomen as veciñanzas por menores de idade máis do estritamente imprescindible, que debera ser pouco

Á hora de redactar estas liñas aínda descoñecemos como se desenvolverán as cabalgatas de aquén e alén, como de espectaculares serán os seus elementos estéticos e se darán moita ou pouca materia prima para as impostadas reaccións de posterior indignación. O que si sabemos é que polas rúas volverá haber rapazada e mesmo persoas adultas que, por un día ao ano, queren fantasear cun mundo de luces, estrelas, agasallos e fantasía -e desta volta, en Vigo, tamén con dinosauros, cousa que a quen subscribe lle parece excelente-. Sería bonito que, xunto aos seus presentes, os magos de Oriente traian consigo un consello para quen teñen encomendado pola cidadanía o labor de controlar e fiscalizar o traballo dos gobernos: que non tomen as súas veciñanzas por menores de idade máis do estritamente imprescindible, que debera ser pouco. Como di a canción, xa me tardan estes magos!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.