Cae o palacio analóxico asaltado por guerreiros dixitais

Levabamos xa un par de anos como profetas aventureiros anunciando o esgotamento do sistema político, era un pouco canso, e ao fin chegou este domingo: acabou todo iso. Acabaron aquelas mensaxes espesas e grimosas que chamaban "ao Consenso", creo que por moito que sigan conspirando os "señores do IBEX" cos dirixentes dos chamados "dous grandes partidos" e os empresarios da comunicación, as próximas eleccións darán paso a unhas cortes constituíntes.

Levabamos xa un par de anos como profetas aventureiros anunciando o esgotamento do sistema político, era un pouco canso, e ao fin chegou este domingo: acabou todo iso

Quizais o máis indicativo de que pasamos páxina e estamos noutra etapa sexa o "noqueado" que quedou o gran bruxo Arriola: "todos os frikis acaban planeando sobre Madrid", dixo referíndose a Podemos e "houbo bipartidismo desde 1977 [...] e volverá haber bipartidismo". "Os grandes partidos están moi aceptados". Paréceme que esas apreciacións son gratuítas (ou non, cobra por facelas e son as que as queren ouvir quen llas compran).

No debate destes días envólvenos o ruído de comentaristas e partidos, esquecemos que hai quen contempla todo en silencio: os señores do IBEX, a Casa Real e os nosos amos do Departamento de Estado norteamericano

No debate destes días envólvenos o ruído de comentaristas e partidos, esquecemos que hai quen contempla todo en silencio: os señores do IBEX, a Casa Real e os nosos amos do Departamento de Estado norteamericano. Pero deixemos iso, o importante, para algún outro día e sigamos hoxe co urxente.

Rompeu un feitizo: os dous grandes partidos xa non son tan grandes e, o que é mellor, a cidadanía retiroulles a autoridade moral e política da que viñeron presumindo

Pódense extrapolar os resultados das europeas do domingo ás seguintes eleccións municipais, xerais, autonómicas...? Non, claro, non hai que ser bruxo para sabelo, pero seriamos uns pouco parvos de non comprender que van ter efecto sobre a cidadanía e van incidir no comportamento futuro do electorado. Rompeu un feitizo: os dous grandes partidos xa non son tan grandes e, o que é mellor, a cidadanía retiroulles a autoridade moral e política da que viñeron presumindo. Rajoy referíase á "xente normal" e no fondo tamén o PSOE pensaba en que o seu lugar era ser un partido "sensato" e facer política de Estado", a que nos trouxo até aquí.

A cidadanía estaba presa do "feitizo da sensatez", un maleficio urdido co puro medo, e todo o sistema político desde os anos oitenta descansaba nesa andrómena (porque en principio imos crer que os civís xa non lle debemos temer ao Exército). E agora resulta que uns nenos e nenas irresponsables, como adoitan e deben, correron os panos que ocultaban os grandes segredos do estado e apareceu o bipartidismo en pelota á vista de todos.

Si, non se poden extrapolar os resultados, pero eses resultados actúan sobre a sociedade. Tras o desconcerto, se agora nos volvesen convocar ás urnas, que resultado habería? Sen dúbida habería moitos máis "frikis", moitas máis persoas abandonarían os "grandes partidos moi aceptados" que xa sufriron grandes perdas de votos e aumentarían os votos aos que subiron.

Desde o domingo o novo escenario levántase sobre tres cosas: 1) é previsible que o PP perda as próximas eleccións: o ruído e os cambios na oposición ocultan que este Goberno xa non ten autoridade política para seguir cos seus recortes sociais, económicos e democráticos. Non creo que poidan facer todo o caso que queren os verdugos do FMI. 2) o bipartidismo que sostivo o sistema político xa non o sostén, e todo o sistema, Constitución incluída, están no aire á espera dun cambio. 3) Tanto Euskadi como Catalunya viven un proceso político propio e á parte do español. En Galicia, en cambio, retrocede outro pouco a esquerda nacionalista.

Podemos está a ser un espello no que se miran os partidos anteriormente existentes, ese espello devólvelles unha imaxe envellecida a todos e a algúns o rostro repulsivo da corrupción

Ademais do retroceso do PP o máis significativo é a aparición de Podemos. Esta aparición xa tivo consecuencias e seguirá téndoas pois pretende tentar unha nova política e está a ser un espello no que se miran os partidos anteriormente existentes, ese espello devólvelles unha imaxe envellecida a todos e a algúns o rostro repulsivo da corrupción. Podemos é unha creación do seu dirixentes pero tamén dunha parte da sociedade, que buscaba nova política e novos políticos (na propia dereita UPyD esperaba recoller o voto desencantado do PP e viu que, unha parte quedaba na casa simplemente e outra marchaba para o partido de Albert Rivera, un político menos gastado que a veterana Rosa Díez). A súa nova cultura política automaticamente envelleceu a EU e volveu insoportable ese PSOE mera máquina de poder e conducido polo aparello a ningún lugar.

Podemos é o proxecto dunha nova xeración política que ofrece respostas ás demandas previas da sociedade, punto por punto responde ao fastío cuns partidos e políticos que levan aí "toda a vida"

Podemos é unha nova xeración política e trae a súa propia cultura. Os partidos tradicionais xogaron a renovarse incluíndo algunhas persoas novas en idade nos carteis, pero a actualización dun proxecto para que siga vixente non depende da idade biolóxica dos seus creadores -hai mozos que xa son vellos- senón do esforzo de dialogar coa realidade, comprender os cambios e ofrecer novas respostas. Podemos é o proxecto dunha nova xeración política que ofrece respostas ás demandas previas da sociedade, punto por punto responde ao fastío cuns partidos e políticos que levan aí "toda a vida", á culpabilización dos políticos profesionais como culpables da crise (o capital conseguiu que cargasen exclusivamente con todas as culpas), aos desexos de democracia práctica fronte aos aparellos e, desde logo, a unha crítica frontal ás políticas do Banco Central Europeo, o FMI e o Goberno.

A especie que fan circular os seus inimigos de que son flor dun día é un puro autoengano que lles custará caro: van quedar porque estamos nunha nova época e esa xeración expresa mellor que ninguén o espírito do tempo, case diría que é inevitable que vaian durar. Naturalmente, tamén evolucionarán conforme duren pero para calcular a súa evolución e duración habería que coñecer como é esa xeración, tanto socioloxicamente como politicamente. Hoxe creo que non toca.

O bipartidismo era analóxico e o seu cuestionamiento é dixital. E o dixital crece

Os seus efectos sobre o PSOE foron coma os dun raio fulminante que provocase unha explosión e sobre o Goberno teraos, porque os seus argumentos agora van ir moito máis alá que os seus votos, as súas críticas van acompañadas dunha gran forza moral.

Etigmatizaranos: "extremistas, radicais", "crean ingobernabilidade", pero polo de agora os medios "analóxicos", as venerables cabeceiras do papel, que os ignoraron agora xa os entrevistan. E é que non queda máis remedio que recoñecer a estes "revolucionarios dixitais", a súa forza veu das redes e, tamén, do audiovisual.

O bipartidismo era analóxico e o seu cuestionamiento é dixital. E o dixital crece.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.