Cal é a axenda de ruptura democrática?

Avanzar por camiños construídos é negarse a oportunidade de construír mellores camiños.
Anónima

Vivo na provincia que lidera todos os rankings negativos de indicadores sociais, todos os galegos, varios dos estatais e mesmo un par dos europeos. Imos camiño de nos converter nun deserto de xeriátricos e tanatorios patrocinados pola ourensanía do fillo predilecto do caciquismo da boina.

Traballo un par de horas ao día baixo un convenio polo que unha hora do meu traballo vale 3,42€ e logo de meses de desemprego é das mellores noticias que teñen chegado a casa porque como xa sabedes hai que pagar alugueiro, luz, comida e gasofa. Nen mellor nen peor que outras centos ou miles de persoas que tamén traballan para ser pobres.

Dende aquí a realidade vese algo distinta ás miradas que percibo ao meu redor, non atopo demasiados motivos para colocar tanto exceso de esperanza e ilusión na xestión das administracións se o plan non consiste en dinamitalas e reconstruílas baseadas na xustiza social e ao servizo de construír vidas dignas para todas. Non atopo nas axendas institucionais unha soa proposta aos problemas concretos, nen vexo demasiado acerto en trasladar os temas nacionais ou globais ao concreto mediante a necesaria -imprescindíbel- pedagoxía política, que require un discurso de ruptura democrática co sistema económico e político desta España que encarcela persoal por decir tontadas en Twitter.

Ás veces penso que o que pasa é que non existe un verdadeiro discurso de ruptura democrática acompañado de exemplos claros, ou polo menos intentos reais e concretos de cuestionar os límites da xestión institucional e -por decilo simple- meterse en algún lío para andar camiños diferentes aos que vimos transitando e que, sexamos honestas, poucos resultados transformadores estan dando. Ou se existe non ten unha axenda clara. U-la folla de ruta?

Non atopo nas axendas institucionais unha soa proposta aos problemas concretos, nen vexo demasiado acerto en trasladar os temas nacionais ou globais ao concreto mediante a necesaria -imprescindíbel- pedagoxía política, que require un discurso de ruptura democrática co sistema económico e político desta España que encarcela persoal por decir tontadas en Twitter

Ás veces parece que o debate xira entre a tomada do poder ou o acceso ás institucións... como se aquí e agora tivera calquera sentido debater sobre se acceder a espazos de poder do sistema pola vía da democracia representativa serve ou non para mellorar as nosas vidas. É obvio que serve mas é tanto ou máis obvio que é absolutamente insuficiente para mudar e transformar a realidade en que vivimos. A historia, a experiencia e a realidade xa nos dixeron que gobernar durante anos unha cidade -ou vila- non muda o apoio que o soberanismo recibe como proxecto político, non cria necesariamente máis conciencia nacional e non constitúe por si só unha fenda no sistema económico que permita dar pasos cara un modelo diferente. Mellora algúns aspectos da vida, pero non a transforma.

Outras veces, demasiadas, teño a sensación de que a axenda de ruptura confúndese con esa axenda institucional imposíbel de miles de iniciativas parlamentares, correctísimas e necesarias todas, que xogan a tocar parede no frontón da maioría absoluta da dereita. Esa dereita que constrúe un relato social que gaña porque tod@s deciden xogar ao seu xogo, coa súa axenda e no seu marco.

Ou o peor, con selfies.

Resulta difícil entender cal é a axenda de ruptura democrática, ou se existe, cando non hai debates profundos sobre como afrontar os retos actuais do nacionalismo para desmontar a casa do amo sen as armas do amo senón coas propias. Como afrontar aquí e agora que a utopía do pleno emprego sempre foi inalcanzábel, que non hai forma de dignificar as vidas da maioría baixo a explotación capitalista, que co colonizador non se pacta a liberdade e que esta implica riscos e audacia, inventarse un futuro diferente e atreverse a camiñalo.

E mentres explícanme que non se pode reivindicar a independencia ata que o pobo sexa independentista, que non se pode reivindicar o anticapitalismo malia concordar en que cómpre superar o capitalismo, que non se poden comprometer medidas institucionais de recuperación dos servizos públicos porque "é moi complicado", que non podemos deixar de subvencionar aos medios do sistema porque falarán mal de nós, que é mellor seguir chamando por quen marchou a convencer a outr@s, que coralidade significa reforzar liderados individuais... e un montón de cousas que deben ser mas que eu nen entendo nen partillo.

Ao fin acho que é ben máis simple, que o nacionalismo ten que decidir que quere ser de maior: unha organización que xestiona mellor o presente ou um movemento de transformacion para o futuro...


Todos os días hai que loitar porque ese amor á humanidade se transforme en feitos concretos, en actos que sirvan de exemplo, de mobilización
Ernesto Che Guevara, O socialismo e o home en Cuba (1965)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.