Forman parte das nosas referencias vitais localizadas nun pasado recente os textos onde se consignaban tratamentos, indicacións, informes ou cuestións varias escritas á man por un profesional da medicina, documentos que contemplabamos cunha mestura de abraio e curiosidade, pois parecían representados nunha escrita que non compartía o noso código gráfico. Xogabamos daquela a descifrar estas mensaxes coma quen se enfronta a un xeroglífico carecendo da clave de interpretación e asombrábanos a facilidade con que os comprendían os que nos dispensaban a medicación, probablemente por unha aprendizaxe baseada na frecuencia con que asumían o reto, aínda que aos usuarios nos deixaba coa impresión de sermos excluídos como destinatarios válidos do que alí se facía constar.
Como para tantos fenómenos, tiñamos unha explicación popular, fose esta máis ou menos atinada: as persoas que cursaban medicina debían ser capaces de tomar apuntamentos a grande velocidade, o que redundaba na deformación da caligrafía. Pode que ninguén chegase a comprobar a validez deste argumento, mais chegou a estar tan asociada a letra ilexible e o exercicio da medicina que a expresión letra de médico tomouse como sinónimo de caligrafía difícil (ou imposible).
O que imos comentar non pretende dar a impresión de que esta comunicación por principio sexa deficiente, senón apuntar ideas que poidan mellorala
Pode que algo cambiase nas promocións do estudantado de medicina dun tempo a esta parte, ao tempo que a tecnoloxía se incorporaba como parte dos accesorios nas consultas, pero entre a mellora na letra e os textos saídos da impresora, as dificultades para a comunicación escrita minguaron. Malia estes progresos, non podemos pensar que a comunicación entre os profesionais da medicina e os pacientes flúa xa de xeito óptimo. O que imos comentar non pretende dar a impresión de que por principio sexa deficiente, senón apuntar ideas que poidan mellorala. E agruparía as causas das eivas observadas en tres categorías: considerar que a información detallada prexudica máis do que beneficia aos doentes, carecer da empatía necesaria para a tarefa ou utilizar un rexistro (léxico e de coñecementos) inadecuado para a situación.
Comezando polo primeiro punto, a cantidade de información, cando somos pacientes ou familiares directos necesitados de explicacións podemos chegar a ter a impresión de que a persoa que nos atende está obrigada a aforrar palabras, coma nos anuncios breves dos xornais, pois recibimos as mínimas explicacións. No caso de hospitalizacións, continuamos botando en falta que se designe unha persoa de referencia. Pode ser que cada día de internamento realice a visita médica un membro distinto do equipo, o que nos aboca a recibir noticias fragmentarias coas que non damos construído un relato satisfactorio e coherente. Por non falar dos espazos en que a comunicación se leva a cabo (corredores, salas compartidas con outras persoas), claramente inapropiados.
Pódese aceptar que algunhas persoas non desexen coñecer a fondo o que lles acontece. Pero, non sendo así, deberíase respectar o dereito a saber, porque iso afecta á nosa capacidade de decisión e á nosa autonomía como pacientes
Algunha vez asáltannos as dúbidas de se os profesionais da saúde consideran os doentes persoas incapaces de xestionar un coñecemento detallado da súa problemática, polo que deben tutelar e racionar as doses. Pódese aceptar que algunhas persoas non desexen coñecer a fondo o que lles acontece, daquela darlles máis información da que se demanda pode ser prexudicial, pero, non sendo así, deberíase respectar o dereito a saber, porque iso afecta á nosa capacidade de decisión e á nosa autonomía como pacientes.
Continuando coa disposición necesaria para levar a cabo o cometido, o ou a profesional debe facer gala dun mínimo de empatía. Na relación médico-paciente dáse unha asimetría e unha dependencia que coloca o control da situación da parte do profesional e a vulnerabilidade da parte do doente. Certamente non semella doado atopar o equilibrio entre a contaminación por exceso de proximidade e a asepsia, pero si debe ser un horizonte desexable. Non é de recibo que cando está en xogo a nosa saúde (e a nosa vida), ou a de alguén próximo, quenquera que sexa se dirixa a nós de xeito ferinte.
E, por último, calquera coñece a teoría de que para que a transmisión de información se leve a cabo con éxito, o emisor e o receptor deben coñecer o código que se utilice. Xa que logo, botar man de termos ou explicacións para os que necesitariamos unha formación específica é un xeito de escurecer e non de aclarar a situación. Partir dunha mínima valoración da capacidade de comprensión do paciente e situarse ao seu nivel axudaría.
Con todo o apuntado evidénciase que existe marxe de mellora. Falta que exista vontade de facer un pouco de caligrafía para corrixir a letra de médico.