As elites dirixentes independentistas deberían reflexionar a fondo sobre a orientación que seguiron na última década. A deserción de mais de 700.000 votantes que tiñan apostado nas eleccións de 2017 polas ofertas presentes (Junts, ERC e CUP) non se pode despachar cunha apelación ás políticas represivas
Se tiveramos que facer unha comparativa abreviada entre os resultados rexistrados nas tres citas electorais celebradas dende o pasado mes de Febreiro (primeiro ao Parlamento galego, despois ao vasco e hai poucos días á Cámara lexislativa catalá) teriamos que establecer unha conclusión principal: os cambios mais relevantes teñen ocorrido no escenario catalán. A razón resulta evidente a partir da comprobación das cifras: é a primeira vez -dende 2012- na que as formacións políticas independentistas non acadan a maioría absoluta dos escanos do Parlament. Mais aínda: se ampliaramos a mirada até os anos 80 do pasado século, certificariamos que, dende 1984, os partidos nacionalistas (cando CiU non se declaraba independentista) mantiveron a súa hexemonía aritmética no ámbito do poder lexislativo. Se a todo isto lle engadimos a circunstancia de que nunca antes o PSC obtivera a dupla condición de forza mais votada e con mais escanos, completariamos o cadro explicativo da singularidade política vivida o 12 de Maio.
A baixada electoral do independentismo catalán afectou mais a ERC e ás CUP que a Junts. Os estudos postelectorais poderán delimitar mellor as causas desta asimetría. As posíbeis hipóteses están sobre a mesa: existiu unha penalización específica polas deficiencias constatadas na xestión do goberno encabezado por Pere Aragonés? Canto influíu a tendencia conservadora que atravesa a xeografía política europea na resistencia electoral experimentada por Junts e mesmo na aparición da ultradereitista Alianza Catalana? Que peso tivo o liderado case mesiánico de Puigdemont no desigual reparto dos apoios electorais entre as candidaturas independentistas?
Canto influíu a tendencia conservadora que atravesa a xeografía política europea na resistencia electoral experimentada por Junts e mesmo na aparición da ultradereitista Alianza Catalana? Que peso tivo o liderado case mesiánico de Puigdemont no desigual reparto dos apoios electorais entre as candidaturas independentistas?
En todo caso, as elites dirixentes independentistas deberían reflexionar a fondo sobre a orientación que seguiron na última década. A deserción de mais de 700.000 votantes que tiñan apostado nas eleccións de 2017 polas ofertas presentes (Junts, ERC e CUP) non se pode despachar cunha apelación ás políticas represivas practicadas dende algunhas instancias do aparello do Estado. Sería mais construtivo substituír esa tentación por outras consideracións: a carencia de realismo na avaliación da relación de forzas no seo da sociedade catalá e no conxunto do universo estatal e europeo; a excesiva rixidez no deseño da folla de ruta que debería percorrer o proxecto independentista; as fendas importantes que curtocircuitaron a credibilidade da reiteradamente invocada unidade independentista...
Convén lembrar que as traxectorias históricas de ERC e Junts foron, certamente, diverxentes. A primeira foi quen de compartir un goberno tripartito con PSC e IC ("Iniciativa per Catalunya") entre 2003 e 2010 a pesar de que tiña defendido o voto negativo á reforma do Estatut que acordaran Maragall, Artur Mas e Zapatero. Junts é o herdeiro político de CiU, forza gobernante na Generalitat dende 1980 e integrante do pacto constitucional de 1978. Con semellantes antecedentes, só é posíbel explicar a coincidencia posterior por mor de diversos factores ben coñecidos: a sentenza do Tribunal Constitucional estimando unha parte do recurso presentado polo PP contra o Estatut aprobado en referendo; a negativa do goberno de Mariano de Rajoy a calquera pacto con CiU (circunstancia que acelerou o tránsito cara posicións independentistas desta formación política); a posta en marcha do artigo 155 da Constitución para suspender o funcionamento das institucións de autogoberno e a promoción de iniciativas xudiciais contra os dirixentes nacionalistas que derivaron en fortes condenas por parte do Tribunal Supremo. Hoxe, a desaparición dunha parte relevante dese contexto (nomeadamente a saída do PP do goberno do Estado e a aprobación dos indultos e dunha lei de amnistía) ten provocado que a disputa pola hexemonía entre Junts e ERC ocupe un lugar prioritario fronte á xenérica coincidencia nun horizonte independentista. Resulta evidente que o clima social e político existente en Cataluña ten variado significativamente a respecto das citas electorais de 2017 e 2021.
Para atopar novos puntos de encontro que permitan avanzar na resolución do conflito político que se ten desenvolvido nesa comunidade será preciso transitar por camiños intermedios entre a constitución dunha Cataluña independente e o estrito mantemento dos actuais niveis de autogoberno
Cando se abren as urnas, é moi importante acertar na lectura das cifras que proporcionan e no diagnóstico da situación resultante. Neste caso, semellan pertinentes algunhas conclusións: 1)non existe apoio electoral suficiente para unha estratexia política que coloque como obxectivo a curto prazo a consecución da independencia de Cataluña mediante un referendo unilateral ou pactado; 2)as correntes políticas independentistas seguen tendo un apoio notábel (61 escanos sobre o total de 135) que certifica a singularidade do escenario político catalán (a hexemonía nacionalista no Parlamento vasco está construída cun partido -o PNV- que non propón a independencia da súa nación) e que obriga a buscar novas fórmulas que posibiliten un amplo acordo sobre o futuro status de Cataluña no ámbito do Estado español; 3)a liña que ven seguindo o PP dende hai mais dunha década (primeiro con Rajoy, despois con Casado e agora con Feijoo) non ten o aval da maioría da poboación catalá; 4)para atopar novos puntos de encontro que permitan avanzar na resolución do conflito político que se ten desenvolvido nesa comunidade será preciso transitar por camiños intermedios entre a constitución dunha Cataluña independente e o estrito mantemento dos actuais niveis de autogoberno.
Mentres se busca unha saída construtiva ao labirinto catalán, Núñez Feijoo segue refuxiado no seu curruncho, substituíndo a necesaria reflexión autocrítica pola obsesiva continuidade da guerra contra o "sanchismo", disposto a practicar unha nova modalidade de negacionismo: teimar en que todo segue igual en Cataluña por culpa de Pedro Sánchez.