Camilo cumpre oitenta anos

Camilo Nogueira vai cumprir oitenta anos e un grupo de amigos está a organizar unha merecida homenaxe, que se vai celebrar o vindeiro once de novembro en Santiago de Compostela. Pretenden que sexa un acto alegre, plural e con moita concorrencia.

Os anos da Transición e da construción da autonomía de Galicia foron tempos moi intensos na vida política e estiveron marcados pola poderosa presenza de varios políticos de raza que quedarán na historia do noso país. A dereita ten unha figura moi notable, para ben e para mal, que é Manuel Fraga Iribarne. Procedente do franquismo, foi presidente da Xunta durante dezaseis anos e a súa pegada, con algunhas luces e moitas sombras (o neo-caciquismo, a corrupción, o Prestige, O Gaiás), é innegable. Na esquerda nacionalista hai dúas figuras que destacan sobre as demais: Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira. Os dous naceron no ano 1936, cando comezaba a guerra civil, e fixeron camiños por veces paralelos e noutros momentos coincidentes. Ámbolos dous son auténticos referentes para moitos galegos de ben que os teñen como paradigmas de honestidade e compromiso. Beiras é o verbo desatado, a presenza desbordante, a indignación ante a inxustiza, a exhortación á desobediencia. Camilo Nogueira é o traballador incansable, o vitalista persistente, o optimista histórico que sempre tenta ver o lado positivo das cousas.

Non teño unha relación de amizade con Camilo pero participei nos proxectos que el impulsou. Estiven, modestamente, na creación do POG (Partido Obreiro Galego), na construción de Esquerda Galega e formei parte da candidatura da coalición Unidade Galega, nas eleccións municipais do meu concello (Negreira, 1979). Lembro as interminables reunións en Compostela, nos meus anos de estudante, naquel local enfronte da libraría Follas Novas. Aquelas xuntanzas eran auténticas clases de teoría e práctica política. Camilo adoitaba vencer nos intensos debates baseándose na fortaleza dos seus argumentos e no derrubamento por cansazo dos demais.

Camilo Nogueira foi protagonista dos principais momentos da vida política de Galicia durante as últimas catro décadas. Participou na redacción do Estatuto dos dezaseis (1979), documento fundamental que permitiu iniciar o camiño do autogoberno de Galicia. Foi diputado autonómico (1981-1999) e destacou pola intenso traballo parlamentario. Cómpre sinalar a súa proposta de Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983, para protexer o galego como “lingua nacional e universal”. Convencido europeísta, e defensor da Europa dos pobos, tamén foi eurodiputado (1999-2004). En Bruxelas desenvolveu unha intensa actividade que o levou a realizar máis propostas (sobre diversas materias: economía, política agraria, pesca, lingua,...) que todos os demais representantes galegos xuntos. Tamén participou e estivo presente nas principais mobilizacións realizadas en Galicia nos últimos anos (contra da guerra, polo desastre do Prestige, pola defensa da lingua, pola sanidade pública).

O seu compromiso co país é dunha coherencia insubornable. Home vital e optimista por natureza, a súa profunda formación intelectual permitiulle abordar a tarefa política con gran solidez e tamén construír un novo discurso sobre Galicia (superando a  “síndrome do aldraxe”, a versión vitimista da terra asoballada, illada e colonizada, que aínda persiste en algúns discursos), co que tentou inspirar e impulsar a construción dun país moderno, europeo e positivo.

A característica principal da súa personalidade é a perseveranza e ten unha capacidade de traballo asombrosa. Ademais da intensa actividade política exerceu a súa profesión ata os 61 anos e, nestes últimos tempos, despois de  retirarse da primeira liña da política, publicou varios ensaios nos que reflexiona sobre Galicia en Europa e no mundo ("A terra cantada", "Galicia na Unión Europea", "Europa. O continente pensado"). Saúde e longa vida a Camilo, que tanto ten feito por este país. Temos a obriga de honralo e o deber de darlle continuidade ao seu labor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.