Camiñando cara a abolición

No marco da mobilización que convoca Touradas fóra de Pontevedra por oitavo ano consecutivo crece o debate sobre a lidia e o seu financiamento na Galiza, quizais alentado polos aires de mudanza que provocaron os resultados electorais nas pasadas eleccións municipais, ao menos neste eido.

En efecto, a loita contra as touradas enmárcase na particularidade de ser un país con pouca ou nula tradición taurina onde apenas o 0,8% das galegas e galegos acoden anualmente a estes festexos e o 85% manifesta estar en contra desta actividade. Así, no ano 2014 decorreron oito festexos taurinos, un 20% menos que en 2013 e un 42,8% menos que en 2010. Pese a este panorama, as diversas plataformas abolicionistas conseguiron grazas ao traballo desenvolvido durante anos influenciar programas electorais e posicionamentos de cada vez máis forzas políticas. Se a Rede de Municipios pola Abolición ou a fronte antitouradas impulsada no Parlamento Galego supuxeron un avance cuantitativo non é menos importante a etapa que se abre após o 24 de maio.

Coruña e Sarria son vilas que por primeira vez en moitos anos non verán celebrar este cruel festexo grazas á loita das plataformas locais e a sensibilidade mostrada polos gobernos entrantes e algúns partidos da oposición. Os acordos de goberno nas Deputacións da Coruña e Pontevedra conteñen un punto que exixe a fin da subvención directa e indirecta das touradas, sendo a institución provincial gobernada até onte por Rafael Louzán a principal valedora económica nas últimas décadas o que supón unha vitoria estratéxica para o movemento anticorridas.

Así, os únicos concellos que teñen garantidas touradas para os vindeiros anos son Padrón -financiada polo concello do PP- e Pontevedra, cidade onde a praza de touros é de propiedade privada e a actividade atópase amparada pola Lei de Protección Animal aprobada pola Xunta de Galiza. É na cidade do Lérez onde se centra o debate nos últimos tempos, bastión do movemento taurino galego, quen comeza a perder a hexemonía institucional e dos medios de comunicación.

O Concello de Pontevedra foi pioneiro alá por 1999 na quita de privilexios ao lobby taurino, suprimindo a subvención directa, compra de entradas e representación institucional no palco, medidas que motivaron as protestas dos taurinos. Tamén a feira taurina desapareceu do programa de festas da Peregrina, rachando ese vínculo que os uniu durante tantos anos, consecuencia da toma de conciencia da sociedade pontevedresa. Hoxe, no 2015, o goberno pontevedrés ten por diante o reto de asumir posicións mais avanzadas e apoiarse nos movementos sociais organizados para dar pasos adiante. O convenio asinado cos Lozano polo cal o Concello dispón das instalacións durante 12 meses para desenvolver diferentes actividades a cambio de 45.000 euros debe desaparecer.

Atopámonos nun momento histórico en que por primeira vez o entramado tauromáquico comeza a sufrir importantes derrotas, e esta cantidade astronómica non vén máis que a afianzar a presenza dun movemento que queremos ver máis cedo que tarde fóra da nosa cidade. Por iso, precisamos un paso adiante e rematar con tantas reticencias.

Como manifestaron os beneficiarios en numerosas ocasións, os 45.000 euros van destinados á feira taurina, mais non só iso, permíteselles facer negocio na cantina durante o Torneo Medieval da Feira Franca e dalle barra libre para encher a cidade de paneis que promoven o maltrato animal. Arguméntase tamén a dependencia deste convenio do torneo medieval que se celebra desde o ano 2007. Mais é certo que existen actividades alternativas, como fan en numerosas festas medievais ao longo do territorio galego.
­
Porén, hoxe precisamos en Pontevedra dun BNG coherente cos pasos dados hai 14 anos, así como durante todo este período en numerosas localidades. Ese BNG que declarou numerosos concellos antitouradas e amigos dos animais, que traballa pola abolición tanto no Parlamento Galego coma no Parlamento Europeo e no Congreso dos Deputados. Un BNG que cortou a billa das subvencións na Deputación de Pontevedra e que fixo en 1999 o que ninguén fixera antes, acabar cos privilexios taurinos. É por isto que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Pontevedra ten que escoitar xa o movemento abolicionista e a militancia que levamos anos traballando como activistas en Pontevedra, Sarria, Noia ou Coruña. Non se trata de dar pe a oportunismo ningún, mais de coherencia cos principios que se defenderon historicamente.

En definitiva, sermos quen de golpear o inimigo dende diferentes frontes é imprescindíbel para debilitar o pequeno mais influínte lobby taurino. Por experiencia sabemos que, sen o xogo das subvencións públicas, o camiño conduciraos irremediabelmente cara á extinción. Nas nosas mans está.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.