Camiño do fascismo 2.0

A reforma electoral explicitada  polo presidente  Alberto Núñez Feijoo non deixa de ser o Cabalo de Troia dunha nova maneira de exercer a política neste país no que prima o todo vale para manterse no exercicio do poder. A medida anunciada, acubillando un recorte das liberdades democráticas na demagóxica xustificación do aforro económico, pretende perpetuar o goberno dos mandados dos mandados do PP en Galiza, diminuíndo os deputados de 75 a 61 e aumentando a sobrerrepresentación das provincias de Ourense e Lugo.

Para iso, Feijoo imputa a redución de deputados á parte variable proporcional a poboación de cada provincia, mantendo o número de deputados fixos por cada unha delas (10). Cunha proxección sobre o censo do ano 2009, se esta proposta fose aprobada no Parlamento, como é vontade do actual presidente, a Lugo corresponderíalle 26.626 electores por cada un dos seus 13 escanos, a Ourense 29.622 por cada un dos seus 12 escanos, á Coruña 56.386 por cada un dos seus 19 escanos e a Pontevedra 51.405 por cada un dos seus 17 escanos ou, falando en prata para a xente, con esta reforma o voto dun cidadán de Pontevedra ou Coruña valería a metade, en termos de representación, ca o voto dun cidadán de Ourense ou Lugo.

Feijoo e o seu goberno semellan entender e saber (como outros representantes públicos estilo Rosa Díez) o que quere a xente do común

O presidente, en troques de impulsar durante estes anos políticas activas para fixar poboación ao territorio destas dúas provincias, compensa a súa incompetencia multiplicando o valor dos votos dos galegos e galegas que viven nelas en detrimento da cidadanía que habita as provincias atlánticas.

Os membros do goberno galego e o propio presidente xustifican hipocritamente a medida no aforro (equiparable a algunha das campañas de publicidade institucional contratada nos derradeiros meses) e na vontade da cidadanía que, segundo eles, reclama medidas de austeridade á clase política. Aquí o propio Feijoo e o seu goberno semellan entender e saber (como outros representantes públicos estilo Rosa Díez) o que quere a xente do común. Non teñen a mesma sensibilidade cando aplican os recortes sociolaborais ou identitarios no noso ser colectivo. Non teñen a mesma sensibilidade cando deciden que esta crise sistémica sexa pagada por aqueles que non a provocaron. Nada din, tampouco, da falta de respecto que supón dividir a vontade democrática dos cidadáns galegos en cidadáns de primeira e cidadáns de segunda.

O aforro debera instalarse na prioridade e non en coartadas baratas que recortan a xa asténica soberanía política das nacións sen estado. Con esta decisión, o presidente dificulta a entrada no Parlamento das forzas políticas non tradicionais (xa dificultada pola Lei Fraga do 5%), troca as regras de xogo para manter a posesión do balón nun encontro que xa tiña perdido e indirectamente beneficia o mantemento no reparto de roles existente co resto das forzas políticas con representación (PSOE-BNG), ás cales lles envía unha mensaxe: póñovos máis difícil a vitoria pero, polo menos, garanto que continuedes no partido.

Quen perde con esta medida? A xente deste país. Nada di Feijoo, cando fala de aforro, da supresión dos privilexios dos cargos electos tras o abandono do cargo, da necesidade de eliminar as deputacións, da importancia de regulamentar na administración local, nacional e estatal as retribucións dos representantes dependendo da súa responsabilidade na xestión, da prohibición para acumular cargos, da necesaria limitación de mandatos nas responsabilidades institucionais. Nada di diso porque iso non lle interesa. El xa sabe o que a xente quere.

A medida proposta non deixa de ser un golpe de estado encuberto, aplaudido polos palmeiros no goberno central

A medida proposta non deixa de ser un golpe de estado encuberto, aplaudido polos palmeiros no goberno central, porque alimenta a folla de ruta de aproveitar a crise económica para reformular o modelo de estado e rematar coa pluralidade das nacións que desexan decidir por elas mesmas. Neste camiño, cara o modelo de partido único , ao presidente o único que lle interesa é perpetuarse no poder.

Máis aló da viabilidade da medida, Feijoo gaña co debate aberto e perde a democracia. Fai demagoxia aproveitando o desgaste diante da opinión pública dos representantes nas institucións, tira outro misto máis diante dun mar de gasolina alentando a crispación social, obriga ao resto de forzas políticas a entrar nun releo de contramedidas de aforro para evitar o inevitable e desvía o foco da opinión pública a outras cuestións distanciadas do bombardeo diario de recortes e reformas que non descansan nin en agosto.

Esta medida incide no aumento da sensación de orfandade dos galegos e galegas que xa teñen decidido non optar co seu apoio por fórmulas políticas tradicionais. Ás fórmulas emerxentes como “ANOVA” tócanos agora ser quen na sociedade de abrir un proceso de debate que marque as lindes do que debe ser unha resposta de moitos diante da agresión sistemática aos máis, a pesar de saber que xogamos en campo embarrado.

Cómpre explorar no espazo electoral a creación dunha fronte social nidia

Neste senso, debemos entender que cómpre explorar no espazo electoral a creación dunha fronte social nidia de esquerdas que convoque a todas as forzas do nacionalismo e que non descarte a priori a partidos de ámbito estatal que acepten nos seus principios o dereito de autodeterminación das nacións. Nese lugar de encontro cun efecto multiplicador, pode haber unha resposta cidadá ás agresións recibidas e a todos aqueles que alimentan coas súas decisións unha deriva social cara o fascismo 2.0.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.