Cando as rogativas non dan acabado coa sequía

CC-BY-SA Praza Pública

«E o Marcelino non di nada, está coma aparvado. Hai un silencio. E no silencio coma un arrastres, coma unha fouce que pasa segando».  (Bernardino Graña, Fins do mundo)

 

O acontecido hai uns días coa votación da reforma laboral pon de manifesto –sen distinción de ideoloxía, sexo ou relixión– a cativeza política dos nosos representantes patrios. O PP armou a Marimorena, malia ter claro que a reforma era a súa, só por darse o gustazo de levarlle a contraria ao PSOE. Obviamente os socialistas estaban felices con cambiar algo para que todo siga igual. O sorprendente é a conivencia expresa de UP e o “no pero si” dos partidos nacionalistas. E, para máis inri, o PSOE compra –ou dálle algo por atrás– a dirección de UPN e o PP lámbelle o cocote aos deputados deste partido e eles agradécenlle o cariño. Todo o demais é literatura mística da mala, claro.

O acontecido hai uns días coa votación da reforma laboral pon de manifesto –sen distinción de ideoloxía, sexo ou relixión– a cativeza política dos nosos representantes patrios

A verdade é que, ‘tal como están as cousas, tal como vai a ferida’ (con licenza do gran poeta estremeño Félix Grande), non hai maneira de esfumarse, non é posíbel gozar dun ansiado ano sabático fóra do «díxome, díxome» da política, alomenos ata que apareza o antídoto capaz de derreter esa xeada porfiona e perdurábel que leva tanto tempo calcificando as actitudes –e aptitudes– da maioría dos conspicuos membros dos sanedríns que gobernan os partidos políticos operantes no mapa do Estado español. Como dicía o meu amigo Celso, mentres agarraba as súas partes a través do peto furado, «a maioría de varios non saben o que traen entre as mans».

Hemiciclo do Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

A distancia entre o que acontece e o que sería desexábel no ambiente político non se dá medido nin a cuartas nin a palmos. Talvez haxa que madrugar e botar man do leguametro (aparello que mide as distancias en leguas). E, o que é máis triste, para distinguir os nosos dos outros precisamos unhas boas lentes de aumento. E, aínda así, quen sabe! En fin, o evidente e o preocupante é que a nosa pel se vai ennegrecendo sen remedio, mentres a comedia se transforma en circo e o circo hai veces que acaba en drama.

E así, no canto de beneficiarnos da actividade política dos nosos representantes, debemos conformarnos con engulir as súas parvadas e ocorrencias. Vaque si?

Dende que a res pública é patrimonio dos profesionais da política, instaurouse un corporativismo gremial, onde a calidade e capacidade dos representantes públicos para comportarse como referentes da sociedade vén sendo algo así como a temperatura idónea: cero graos, nin frío nin calor. O afán de subsistencia estaos levando –a uns e outros– polo camiño da perdición. A coherencia, á hora de comportarse en base aos principios e ideas de que presumen, fica agochada nas cámaras de maduración, mentres os tertulianos mediáticos, amestrados para substituír aos elixidos, cociñan iso que lle chaman opinión pública, como único alimento posíbel. E así, no canto de beneficiarnos da actividade política dos nosos representantes, debemos conformarnos con engulir as súas parvadas e ocorrencias. Vaque si?

[O meu tío Lisardo non durme de tanto pensar, se aquel coitado de Cáceres se equivocou tres veces sen querer, ou se o fixo adrede para que o tal Casado teña un motivo para seguir montando a bronca do mes]. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.