Cando as vítimas molestan

Christina (nome ficticio), unha rapaza alemá que ía no tren accidentado o 24 de xullo, foi atendida de urxencia esa noite no Hospital Universitario de Santiago. Ao ser unha ferida leve recibiu a alta enseguida, mais no informe de urxencias poñía que ás 24-48 horas tiña que volver a un centro de atención primaria para que lle fixesen un control das feridas e do traumatismo craneoencefálico leve que sufrira.

Ao ser unha ferida leve recibiu a alta enseguida, mais no informe de urxencias poñía que ás 24-48 horas tiña que volver a un centro de atención primaria para que lle fixesen un control das feridas

O centro ambulatorio que tiñamos máis preto era o Concepción Arenal. Fomos e, por ser o día da Patria, estaba pechado. Por esta razón achegámonos ao Hospital Policlínico da Rosaleda, que está a poucos metros. Christina, por razóns evidentes, sentíase cansa e con dores. Atopamos un hospital cheo de policías, de persoas en traxe e gravata e de cámaras, sen saber que estaba a pasar alí.

Na recepción miraron moi por enriba o informe, sen ler nada dixéronnos que tiñamos que volver ao CHUS, porque todos os documentos e todas as probas estaban alí. En primeiro lugar, no informe non poñía iso, senón que tiña que ser atendida por un médico de atención primaria, e en segundo lugar era un informe onde poñía que non lle fixeron ningunha proba (debido loxicamente a que era unha ferida leve, comparado no momento coa magnitude do problema). Tamén dixo que todo o historial dela estaba no Hospital Universitario, ao que Christina respondeu que non existía o dito historial. Ao remate dixéronnos que era un hospital privado e non tiña que ver coa Seguridade Social.

Volvinlle preguntar á muller de recepción se era certo que non ía atendernos e tiñamos que chegar ao CHUS con Christina que se sentía débil e cansa, con feridas e moratóns… Ela repetiu: “síntoo pero non podemos atendervos”

Mentres todo isto pasaba, que foi o que nos indignou absolutamente, a recepción estaba chea de médicos, enfermeiras, homes e mulleres con traxes e coas súas mellores galas colocados en forma de coro, e entre comentarios e risas sobre a forma protocolaria de actuar ante alguén de moita importancia. Ante o cabreo de estar na recepción e darnos o que para min eran argumentos nimios para non atendernos sen nin sequera ler de primeiras o informe médico; preguntei que estaba a pasar naquel ambiente mediático. Díxonos unha muller que estaba a chegar o rei a visitar os afectados polo accidente, volvinlle preguntar á muller de recepción se era certo que non ía atendernos e tiñamos que chegar ao CHUS con Christina que se sentía débil e cansa, con feridas e moratóns… Ela repetiu: “síntoo pero non podemos atendervos”. Ao saírmos, coa indignación, Nadine, (a súa compañeira de estudos) e mais eu fomos falando en voz alta (que non berrando) sobre a incredulidade, vergoña e desamparo, vendo moitos médicos alí, preparados para facerse a foto protocolaria e que non sacaran tempo para atendernos con máis educación e non facéndonos sentir que naquel momento estabamos molestando.

Como quedamos nas escaleiras do hospital falando sobre todo iso, e a xente, a policía e as cámaras podían decatarse, un policía botounos literalmente de alí porque non podiamos estar naquel lugar, nin sequera na beirarrúa preto da entrada. Cal era o motivo? É que acaso tiñamos pinta de irmos atacar o rei? Ou era que non quedaba ben escoitar e ver a realidade nese xusto momento?

Aínda non podo comprender como nos trataron, como nos fixeron sentir que estorbabamos dentro e nas portas do hospital, como para os medios de comunicación todos aqueles eran persoas que estaban a axudar os enfermos, cando o que realmente interesaba nese momento era facer unha foto co rei.

Sinto vergoña, rabia e impotencia polo tratamento, por ser cidadá deste país e sentirme desamparada nestas situacións, por ver como unha rapaza vítima tivo que camiñar rúa abaixo para non estorbar e ademais por ter que achegarnos ao outro hospital, moito máis lonxe.

Queremos agradecer o bo trato que si recibimos no Hospital Universitario máis tarde

Non sei de políticas internas de Hospital, non sei de leis, non sei se realmente era verdade que as probas de escáner e demais eran cousa do CHUS e da Seguridade Social, pero nin sequera un enfermeiro ou alguén foi para ver o estado de Christina, e preocuparse por ela. E para rematar ao saírmos falando con indignación díxonos a policía que tiñamos que irnos de alí. INCRÍBEL! Puideron atendernos con máis cortesía, mirala aínda que só fose para dicir despois: “é mellor que vos acheguedes ao Hospital Universitario” e dende logo, non somos ningún perigo para que a policía nos botase daquela maneira!

Para rematar queremos Nadine e mais eu agradecer o bo trato que si recibimos no Hospital Universitario máis tarde. Atendéronnos rápido e con moita amabilidade, fixeron todas as probas necesarias e preocupáronse de facer todo o posíbel para axudarnos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.