Aló por finais dos 80 do século pasado fiquei profundamente impresionado despois da lectura de El imperio de lo efímero de Gilles Lipovetsky. Na obra anunciábase dun xeito profético o que despois vimos convertido en espantosa normalidade: o triunfo do discurso baleiro, do simple, do superficial e máis básico a todos os niveis. Na política, nas artes e, por suposto, nas relacións humanas. Segundo o seu acertado criterio, abríase a porta ao trunfo dos simples, dos limitados mentais que, nunha situación de rebaixa intelectual colectiva, haberían afacerse co poder. Pensemos nas belenestébanes ou espanzaguirres ou marioscondes ou na simpleza dos programas televisivos ou a apoteose orxiástica e a parálise neuronal que provoca o fútbol.
Na obra de Lipovetsky anunciábase o triunfo do discurso baleiro, do simple, do superficial e máis básico a todos os niveis
O autor francés explicaba como a precariedade mental da meirande parte dos discursos en vigor, rebaixados ata a parvura pola agresividade televisiva, implicaban que cada vez se entendese todo moito menos e, polo tanto, que as posibilidades de manipulación, medrasen exponencialmente.
Dende o PP este tipo de práctica é máis frecuente e, daquela, un insulto á cidadanía e un escándalo democrático. Non hai argumentación de ningunha clase
Hoxe vemos, nesta campaña electoral que soportamos, máis tamén no día a día, ese trunfo da simpleza. Moi en especial na emisión de consignas políticas por parte da dereita. Na esquerda algo menos. Pero tamén, claro. Tamén na nacionalista, si. Pero dende o PP este tipo de práctica é máis frecuente e, daquela, un insulto á cidadanía e un escándalo democrático. Non hai argumentación de ningunha clase. Non se dan datos nin razóns nin se enarbolan complexas (nin simples) teorías para darlle un mínimo de peso á idea de que merecen a reelección. Todo se reduce a frases feitas e mantras máis ou menos efectistas, renunciando a toda clase de aparataxe racional que excite a intelixencia do electorado.
Un pobo ten os gobernantes que merece. Os políticos son o seu espello. Por iso o 21-O gañarán os simples
Mais o peor non é iso senón que ao candidato Feijóo (ou Rajoy ou Rosa Díez ou Mario Conde) lle funciona ese modus operandi. Iso é o realmente terrible desta nova realidade: que lles funciona. A Feijóo abóndalle con dicir tres simplezas e listo...aínda que sexan trolas máis ou menos claras. Non necesitan moito máis nesta realidade de renuncias á lóxica e de aceptación irracional de case que todo.
Por iso me atrevo a dicir, aínda que vai soar elitista e fatal, que si que é certo que un pobo ten os gobernantes que merece. Os políticos son o seu espello. Por iso o 21-O gañarán os simples.