Cando o río soa...

A convulsión dos tempos electorais é unha constante na vida política das sociedades industrializadas. As xerarquías políticas vístense coas abruptas galas do pobo aldraxado, nun xiro vergoñento onde o signo da exclusión substitúese polo símbolo dunha democracia maltreita e baleirada de contido polos propios protagonistas que a din defender.

As xerarquías políticas vístense coas abruptas galas do pobo aldraxado, nun xiro vergoñento onde o signo da exclusión substitúese polo símbolo dunha democracia maltreita e baleirada de contido

Dicía Rosa Luxembugo que “a ditadura democrática do proletariado foi substituída pola ditadura burocrática de partido” e neste cambio xunto con outros condicionantes culturais, económicos e ecolóxicos semella residir, para a autora, parte do fracaso do poder revolucionario (chamado, na actualidade, poder constituínte). A súa transmutación nunha especie de placebo narcotizante das necesidades insatisfeitas do conxunto da sociedade é unha realidade. O social como válvula de escape das súas propias tensións xoga un papel determinante no agromar dun certo xerme revolucionario e libertario. Todas e todos sabemos do papel das políticas neoliberais nas nosas vidas, políticas que nun proceso de hiperespeculación elevaron ó capitalismo a forma de sentido e significado cotiá, cercano e comunitario. A construción social dos últimos 40 anos pódese apreciar no urbanismo que engalana as cidades superpoboadas e baleira o rural abandonado. O paso de economías de autoabastecemento-autárquicas a economías de servizos-plutárquicas resulta non só evidente, senon o resultado da continxencia capitalista onde os pobos do norte e do sur atópanse inxeridos.

Cales son os proxectos que unha certa esquerda institucional e institucionalizada pode plantear a parte de mediocres berrinches contra a oligarquía rexente?

Cales son os proxectos que unha certa esquerda institucional e institucionalizada pode plantear a parte de mediocres berrinches contra a oligarquía rexente? Escasos, poderíamos contestar. E nos trabucaríamos, xa que unha certa esquerda con hexemonía social, cunha base social transformadora e rupturista nunca tomou o poder. Si, por momentos, partidos que dicían traballar no seu nome. Pero a dinámica do “curtopracismo” capitalista inhibiu e desartellou calquera proceso de cambio sostido no tempo e proxecto transformador construído no espazo. A día de hoxe, en moitos movementos sociais, apréciase como a oprimida reproduce as lóxicas do opresor. Como se empatiza co banco que expropia e rouba. Como se transixe cos Servizos Sociais que mendican e reparten a caridade dende a compracencia estatal. Como se acepta o relato “individuo-empresa” que fracasa e fica no esquecemento e na pobreza. Non é xa que se substituira a comunidade, o comunitario polo persoal e individualizado atomizado, senon que este funcionamento atravesa transversalmente todas e cada unha das relacións sociais converténdose nun senso común sobre o que a desigualdade se normaliza, a pobreza relativízase e a empatía esquécese.

Este funcionamento atravesa transversalmente todas e cada unha das relacións sociais converténdose nun senso común sobre o que a desigualdade se normaliza, a pobreza relativízase e a empatía esquécese

Poderíamos relatar machaconamente como o sentir propietarista converteuse nun vector de dereito cando o acceso á propiedade privada é, basicamente, clasista, privilexiado e competitivo. Poderíamos narrar a asimetría existente entre o capital dispoñíbel e as necesidades básicas insatisfeitas. Poderíamos falar sobre o xurdimento dunha nova categoría laboral, o precariado: altamente formado, altamente explotado e baixamente remunerado ao abeiro da flexiprecariedade ou do novo mantra“traballa para ser pobre”.

Poderíamos denunciar a violencia estrutural que sobre a muller se exerce diariamente en forma de lexislación corporal, desprotección social (o 70% de pobres no mundo, son mulleres) e infravaloración xenérica. E nada solucionaríamos. Aínda moito peor. Quen di axudar e loitar por nós, probablemente sexa propietario, acomodado e machista. Por outra parte, nada que non se levara padecendo na esquerda institucional ao longo das décadas e nada que non se experimente no seo do corpo social e no latir do corazón popular, habitualmente nomeado como “contradición”.

Di o filósofo italiano Antonio Negri que dentro do Estado o poder lexislativo é a vontade e o executivo a forza e que no pobo reside ese “poder constituínte” inabarcábel e irrefreábel

Di o filósofo italiano Antonio Negri que dentro do Estado o poder lexislativo é a vontade e o executivo a forza e que no pobo reside ese “poder constituínte” inabarcábel e irrefreábel que na súa conformación muda non só as nocións do posíbel a realizar, senon as relacións políticas e sociais que lle dan forma. Dándose a curiosa e chamativa contradición dun poder (o constituínte) sen marco que o englobe (unha constitución). Un poder popular, sen rei soberano nin institucións que o encapsulen. Quen sabe se unha utopía da xenealoxía das sociedades.

A vivenda, a sanidade, a alimentación ou a cultura non se defenden nun parlamento burgués. Conquístanse nos microespazos diarios das nosas vidas

Nos próximos tempos escoitaremos promesas ocas con Europa como coartada. A importancia dunha participación cerril nun proceso representativo, distante e falto de consenso. A vivenda, a sanidade, a alimentación ou a cultura non se defenden nun parlamento burgués. Conquístanse nos microespazos diarios das nosas vidas. Na desobediencia política a un devir capitalista e funcional que moldea nosas relacións cercanas na máxima do “ter” deixando a lóxica do “ser” como unha lóxica política sen uso nin beneficio. Na destitución consciente e activa das clásicas relacións político-representativas autoasignadas, con nula vinculación á necesidade que din combater (cecais, a abstención sexa menos “despreocupada” e “pasota” do que se poida pensar).

No capitalismo non hai finalices felices, como parece ser que partidos socialdemócratas queren facer crer co intento de volver a un Estado de Benestar

No capitalismo non hai finalices felices, como parece ser que partidos socialdemócratas queren facer crer co intento de volver a un Estado de Benestar particular no malestar global que xa non é posible nin desexable. A pelota non está no noso tellado, porque ao xogo do lucro, da riqueza censitaria e da explotación do ser humano polo ser humano, xa vai tempo que dixemos que non xogabamos. Cecais, por iso, resulte tan difícil convencer dun voto pra algo que sempre foi nada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.