Cando Penzol dotou dun centro cultural galego a Vigo

A urbe atlántica de Vigo, a Xoubacity bautizada por Urbano Lugrís e trazada con fino pincel en lenzos patrimonio da pictórica universal, acumula xa unha tradición cultural de relevancia.

A instalación da primeira imprenta na cidade foi tardía (a de Pascual Arza, 1822). A conformación da burguesía e dos círculos intelectuais tamén procede desa época. Non tiñamos centros administrativos oficiais nin poderes eclesiásticos nin universidades que xerasen espazos de opinión con acceso á publicación. Claro que houbo parladoiros de todo tipo pero non existía tradición xornalística cando chega o estoupido da liberdade de prensa.

Vigo carecía dun centro galego de estudo con alcoba propia. Na Coruña está a Academia Galega e en Compostela estivo o Seminario de Estudos Galegos e está sempre os andeis universitarios

Mais ao longo do xix mudou a situación. Juan Compañel instalou na cidade a imprenta, co apoio do progresismo local, para cimentar o pazo local da cultura galega. Aquí Rosalía publicou os Cantares gallegos, dos cales celebramos o seu 150 aniversario, por citar a obra máis senlleira. E aquí estaba o voceiro do Rexurdimento chamado La Oliva e logo El Miño. Despois chegou outra prensa, republicana, nacionalista, obreirista; outros libros de todo tipo; outras formas de organización social, asociacións e sindicatos; e así a cidade íase consolidando como lugar onde combatían as ideas, nos parladoiros e nos xornais, na esfera pública.

Mais carecía dun centro galego de estudo con alcoba propia. Na Coruña está a Academia Galega e en Compostela estivo o Seminario de Estudos Galegos e está sempre os andeis universitarios.

Esta eiva atopou arranxo cando un patriota coma Fermín Penzol decidiu doar en vida a Vigo o que ao longo dos anos acumulara: a destacada biblioteca que recompilou cos seus propios cartos. Unha poderosa iniciativa sen par en toda Galiza. E quixo que fose neste lugar, onde a Editorial Galaxia ou Monterrey e Castrelos de Xosé María Álvarez Blázquez tiñan a súa sede, confirmando a cidade como un sitio inevitábel para a consulta das cousas nosas.

Fermín Penzol era estremeiro, do Castropol erguido nas augas da Ría de Ribadeo, coa silueta do casino a destacar no alto máis o campanario de cor virxinal. Algunhas tardes cordiais temos pasado alí canda un ilustre da zona que deixou conversas na memoria compartida. Penzol ingresou ben novo no nacionalismo galego organizado nas Irmandades da Fala e despois no Partido Galeguista. Durante o franquismo participou na acción clandestina aínda que con enfoque diferente á irmandade bonaerense liderada por Castelao. Pero foi home alleo a figurar publicamente.

Estes días inaugurouse unha exposición dedicada os 50 anos da apertura da Fundación Penzol (antes situada en Policarpo Sanz e agora na Casa Galega da Cultura). Eis o centro cultural galego en Vigo

O benfeitor e filántropo, co seu singular sorriso, tiña conciencia de nación e tiña vontade de ofrecer ferramentas ao servizo da comunidade. A súa grande obra foi a entrega a Vigo da biblioteca para dotala dun espazo necesario (e demandando) para a aprendizaxe por parte das xeracións vindeiras con pensamento na patria.

Precisamente, estes días, inaugurouse unha exposición dedicada os 50 anos da apertura da Fundación Penzol (antes situada en Policarpo Sanz e agora na Casa Galega da Cultura). Eis o centro cultural galego en Vigo. Recomendamos a súa visita.

A ensinanza final que nos deixou, a aqueles que o tratamos e os que non, é a necesidade de traballar pola nosa terra, alá onde mellor poidamos facelo, pero traballar para dignificala e para que floreza con luz propia, sen falsas modestias nin aldraxantes xuízos

Dende que abriu as portas houbo unha persoa á súa fronte, sen cobrar un patacón: Francisco Fernández del Riego. A el tamén lembramos este ano pois de vivir cumpriría un século. Un século de entrega e activismo a prol de Galiza e, sinaladamente, da nosa cultura. Fernández del Riego deixou un regueiro de exemplos do que cada un de nós pode facer dende a acción individual ou mancomunada para conformar un resultado colectivo.

Ás veces, cando lembro o seu rostro, reparo nos lentes mouros de grosa montura que o caracterizaban: que se miraba a través deles? A ensinanza final que nos deixou, a aqueles que o tratamos e os que non, é a necesidade de traballar pola nosa terra, alá onde mellor poidamos facelo, pero traballar para dignificala e para que floreza con luz propia, sen falsas modestias nin aldraxantes xuízos. O seu xesto foi duradeiro. A súa actitude a imitar.

Nunca un pobo chorou tanto a perda duns lentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.