Cando remate esta crise

Manifestación a prol a sanidade pública, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CCOO

Estamos a vivir un momento da historia que, non hai moito tempo, víase como un futuro distópico. Pero a realidade é que temos unha parte da sociedade mundial confinada nas casas, con restricións de mobilidade, o mercado internacional case parado e as fronteiras pechadas. Todo isto era imposible de imaxinar que fose posible, e menos nun período de tempo tan curto. A todo isto hai que engadir que a pandemia está a asomar as eivas dos sistemas de protección social e os riscos de unha globalización económica á que lle preocupa pouco avanzar na dirección de transformala nunha globalización social —algo absolutamente necesario á vista desta crise.

É preciso que, cando pase a situación de emerxencia, a sociedade reaccione reivindicando unha aposta clara polo estado de benestar e desbote as políticas neoliberais que fomentan o individualismo

Como consecuencia da crise financeira e das políticas de recortes que se aplicaron nos últimos anos no noso país, esta crise sanitaria ten maior dimensión da que debera. Ao final, quen está a aguantar e a tirar do sistema son as mesmas persoas que tiveron que sufrir as peores consecuencias da crise anterior. Refírome á sanidade pública, onde se minguou a súa capacidade, apostando en moitos casos pola xestión privada. Aínda así, as persoas que prestan os servizos na nosa sanidade están a deixar o listón moi alto, cun grande esforzo e sacrificio persoal.

Tamopuco podemos esquecer sectores precarios cuxas condicións laborais eran moi mellorables. Temporalidade, parcialidade, salarios en moitos casos de miseria, imposibilidade de desfrute de certos dereitos —a custa do despedimento se se reivindican—, déficits na prevención de riscos, contratacións inadecuadas coma falsos autónomos ou cooperativistas... Sectores, a maioría, moi feminizados, e que hoxe se revelan esenciais para garantir a vida e manter o estado de benestar. Por poñer algún exemplo, falo de persoas que traballan en supermercados, centros de chamadas, axuda a domicilio, residencias da terceira idade ou o transporte, entre moitos outros.

Desta desgraciada experiencia temos que aprender e reaccionar se queremos manter un estado de benestar

A sociedade está a ter unha resposta exemplar, non coma os que propoñen políticas a posteriori e que non creo que o fixesen mellor se estiesen gobernando: xa que temos a experiencia da xestión da anterior crise, que conculcou as capacidades de resposta —sobre todo no ámbito sanitario— e que debilitou o estado de benestar e as condicións laborais e de vida da clase traballadora para enfrontarse a un problema da envergadura que ten esta pandemia global, provocada por un virus que percorre o mundo causando estragos —sobre todo nas persoas máis vulnerables.

Desta desgraciada experiencia temos que aprender e reaccionar se queremos manter un estado de benestar. Pensando nas vindeiras xeracións, é evidente que agora o que toca é loitar contra o virus, e seguro que imos gañar a batalla. Pero a loita da clase traballadora non pode rematar aí. É preciso que, cando pase a situación de emerxencia, a sociedade reaccione reivindicando unha aposta clara polo estado de benestar e desbote as políticas neoliberais que fomentan o individualismo, favorecen a quen máis ten e relegan a un segundo plano as persoas que máis o necesitan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.